jueves. 12.12.2019 |
El tiempo
jueves. 12.12.2019
El tiempo

O concurso '[email protected]' anima a encher a rede de vídeos en galego

O certame, convocado polo Concello de Ourense, está dirixido a maiores de 14 anos e ten dúas categorías: titorial e opinión

O Concello de Ourense aposta por inundar a plataforma YouTube de vídeos en galego a través do concurso [email protected], destinado a maiores de 14 anos e que repartirá catro mil euros en premios.

A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, foi a encargada de presentar este venres unha iniciativa coa que se pretende posicionar á lingua galega nunha rede social con máis de mil millóns de usuarios. "Dende Cultura apostamos pola creación e a dinamización cultural a todos os niveis", sinalou a concelleira de Cultura durante a presentación do concurso [email protected], que cualificou como "unha iniciativa para promover a presenza do galego nas redes sociais".

Nesta mesma liña manifestouse o director de planificación do campus de Ourense, José María Faílde, para o que as institucións galegas teñen a "obriga moral" de poñer en marcha actividades creativas para a promoción do galego "antes de que entre en recesión". "Vivimos na era dixital, na que os nenos son nativos dixitais. Por iso, ademais de fomentar o uso do galego nas relacións interpersoais tamén hai que facelo nas redes sociais", concluíu Faílde.

Con este proxecto Ourense súmase outros dez concellos galegos -A Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove- e ás Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, para incrementar a presenza da lingua galega nunha das redes sociais máis importantes.

O obxectivo é que calquera persoa maior de 14 anos poida gravar un vídeo en galego e subilo a YouTube. As gravacións deberán ter unha duración máxima de cinco minutos, estar baixo licenza Creative Commons e atoparse dispoñibles na plataforma dixital.

DÚAS CATEGORÍAS. Así, no concurso existen dúas categorías; por un lado, Video-facermos, destinada a vídeos titoriais que axuden aos usuarios de YouTube a facer cousas como instalar un programa informático ou preparar unha receita. Por outra banda, está a categoría Video-opinarmos, que acollerá as gravacións nas que os autores se dediquen a ofrecer opinións ou valoracións sobre cuestións como actualidade, cinema ou música, entre outras.

O concurso repartirá dous premios de 1.000 euros cada un para os mellores proxectos en cada unha destas categorías, así como catro mencións honoríficas, cunha contía que ascende a 500 euros.

Para facilitar a participación neste proxecto impartiranse cursos de formación no Salón de Graos da Universidade de Vigo (os días 7 e 14 de febreiro) e no Centro de Coñecemento de La Molinera (os días 10 e 17 de febreiro). Os interesados en participar deberán inscribirse na web www.youtubeiras.gal. O prazo de inscrición comezou o 1 de decembro e estará aberto ata o 28 de abril.

O concurso '[email protected]' anima a encher a rede de vídeos en galego
Comentarios