O certame Contos de Verán constata a auxe da literatura feita por mulleres

O diario El Progreso entregoulles os seus galardóns de narrativa curta ás escritoras Ana Isabel Núñez e Beatriz López Dorado
De esquerda a dereita, González Tosar, Marta Veiga, García Montenegro, Belén López, Ana Núñez, Valentín García, Balseiro e Tito Diéguez
photo_camera De esquerda a dereita, González Tosar, Marta Veiga, García Montenegro, Belén López, Ana Núñez, Valentín García, Balseiro e Tito Diéguez

O certame Contos de Verán constatou este mércores que a provincia de Lugo tamén experimenta a auxe da literatura escrita por mulleres que se vive en todo o mundo. As gañadoras da cuarta edición dos premios Contos de Verán recolleron onte os seus galardóns de mans da presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro, e mais do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

García Montenegro remarcou que maioría dos relatos foron presentados por mulleres, o que interpretou como un «indicativo» do interese das mulleres pola lectura e pola escrita.

Blanca García Montenegro
Presidenta de El Progreso
"Rosalía de Castro estaría encantada de que dúas mulleres gañasen o premio de relatos Contos de Verán"

A entrega deste concurso faise sempre nunha data cercana ao 24 de febreiro, no aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Rosalía estaría «encantada» de ver que dúas mulleres gañaron este premio, resaltou a presidenta de El Progreso.

Valentín García lembrou que Galicia «é un dos poucos países que ten como figura literaria de referencia unha escritora», para poñer exemplos como Shakespeare ou Cervantes e relacionalos con Rosalía. A maiores, salientou o «notable incremento de literatura feita por mulleres» e puxo como exemplo o acontecido no concurso que promoven o seu departamento e El Progreso, que cualificou como «unha das mellores rampas de saída» para os debutantes na literatura. O secretario xeral de Política Lingüística manifestou a satisfacción da Xunta por esta colaboración co diario «porque El Progreso sempre ten un pé firme na promoción da nosa lingua e da nosa cultura».

O xurado, que estivo coordinado pola xornalista de El Progreso Marta Veiga Izaguirre, contou co subdirector do diario Tito Diéguez e o redactor Santiago Jaureguizar. O presidente foi o responsable do PEN Galicia, Luís González Tosar, quen saudou «o diálogo entre as empresas de comunicación e a literatura» que se plasma en Contos de Verán, unha iniciativa que considera infrecuente «nestes tempos telemáticos».

Valentín García
Política Lingüística
"O diario El Progreso sempre ten un pé firme na promoción da nosa lingua e da nosa cultura"

González Tosar asegurou que Ana e Beatriz son «exemplos a destacar» nestes tempos de desinterese pola cultura, de «voráxine despersonalizada e infame que non considera a cultura».

ILUSIÓN. A autora do relato premiado, Ana Isabel Núñez -lucense e funcionaria da Xunta-, levaba tres edicións a presentarse. «Comecei porque a miña filla escribe e quixen predicar co exemplo», sinala. A primeira vez «facíame ilusión ver o meu relato publicado en El Progreso», e a insistencia levouna a obter un premio aínda maior.

O seu relato está narrado dende o punto de vista dun tella que está no alto dunha escola e lembra dous cativos: un neno pobre e unha nena rica.

«A miña historia é ficticia cen por cento; quería tratar un tema que atraese o lector», dixo a escritora que, no seu discurso, fixo unha mención ao seu relato ao comparar a cada persoa cunha tella que é coma outra calquera e que as outras observan». A tella do seu conto é «robusta e brillante» porque é única ao ter unha vida chea de sentido grazas os dous nenos que observaba. «Eu son unha tella sinxela, pero síntome como unha tella única grazas ao premio», remarcou.

ASIDUA. Outra asidua deste concurso é Beatriz López Dorado, a finalista, que naceu e reside en Lugo, e exerce como mestra na localidade coruñesa de Carral.

Aínda que se presentou cando menos noutra ocasión -quedou tamén de finalista- non decide con moita antelación se vai concorrer . Así foi no verán pasado cando tivo «un flash» tras escoitar a unha enfermeira dunha ONG falando «escandalizada» do trato inhumano que reciben os refuxiados.

Na súa narración establece un paralelismo con esas persoas que sofren e outras que exercen «oficio da queixa», pese a que lles falten motivos reais. «Hai que intervir con quen o precisa», concluíu.

Comentarios