Rodrigo Romaní: ''Algunas cosas sólo se aprenden en el escenario''

Actuación de SonDeSeu
photo_camera Actuación de SonDeSeu

Resúmolle o que aprendín sobre Son de Seu: un grupo de profesores do Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo collen a 35 alumnos e, a modo de actividade extraescolar forman a 1ª orquestra de folk de España. Zanfonas, harpas, violíns, pandeireitas, requintas, gaitas e canto O conto sáelles vén, empezan a sacar aos alumnos de excursión polos escenarios do mundo adiante e acaban gravando 2 discos.

PREGUNTA:
¿como se coordina todo este grupo de “cativos” con xoguetes tan grandes -e tan delicados - enriba dun escenario?

RESPOSTA:
A xente que estudia aquí son xóvenes e adultos, algúns xa profesionais doutros tipos de música.E non é que os profes os leváramos por aí (ri), senón que eles, a partir do repertorio que lle preparamos de conxunto instrumental, entraron nunha dinámica propia que se convertía nun espectáculo.

Fixeron un repertorio propio de concertos, facendo arranxos modernos sobre música tradicional con instrumentos tradicionais, do folk, non con instrumentos da música pop. Este proxecto axiña saiu do didáctico porque constituía unha novidade en si mesmo dentro de Galicia, e ademais enganchou moi ben co público.

P:
E a satisfación polo traballo ben feito ao final ¿é maior porque é a satisfación dun diretor de orquestra pero ademais a dun profesor orgulloso dos seus pupilos?

R:
Si, nós todos estamos moi contentos de que isto saíra adiante porque, efectivamente, a danza armámola os profes (ri). Pero hai cousas que chaman moito máis a tención co propio orgullo dos profes, e é que son unha alternativa profesional, un novo estilo de facer música folk e tradicional en Galicia.

'Overbooking'
P:
A orquestra renóvase constantemente, cos estudantes novos que van chegando ao Conservatorio, ¿nótase esta renovación no estilo de SonDeSeu?

R:
Ese é o espírito con que naceu a orquestra, pero resulta que ao cabo do tempo ninguén quere marchar. Entón temos un problema de overbooking, hai xente que quere entrar pero ninguén se quere ir. Estamos nesa dinámica e aínda non sabemos como resolvela.

P:
Esta mestura profesores-alumnos ¿conleva disputas entre a ortodoxia técnica dos profesores e o aire fresco que traen os máis novos?

R:
A educación que damos aquí, por dicilo dunha forma así un pouco pedante, unha das mensaxes que tenta dar é que a música tradicional foi sempre un proceso, non un repertorio, senón cousas que estaban a cambiar.

A música tradicional transmítese de oído, a xente deforma as melodías. Despois iso pasa á cidade, na cidade chámaselle folk e alí se sigue transformando, xa cos elementos da cidade.

Nese senso hai que asumir que no proceso cada un teña ideas diferentes de como se mesturan os elementos. Asumindo iso non temos problemas de diferencias estilísticas, porque incluso os mesmos profesores teñen estilos diferentes. O que si queremos é que a orquestra teña unha tímbrica propia.

Transformar a música
P
: Que a faga recoñecible...

R:
Si, que a xente a reconoza ao escoitala, sen vela. Ese timbre danllo os instrumentos que hai dentro da orquestra. Por exemplo neste momento non hai ningún instrumento de tipo electrónico. Non sei, se ao mellor SonDeSeu chega a facer algunha inclusión na música electrónica será por colaborar con outros artistas, pero non é o propio.

P:
Cunchas de vieira, con harpas e violíns e cantares populares. ¿Esta fusión vén pola idea de proceso aplicada ao folk?

R:
Non é tanto unha renovación porque penso que xa está todo inventado. Trátase de transformar porque a música non se arranxa hoxe igual que hai cinco anos... as modas tamén inflúen... Bueno si, si que se pode chamar renovación (ri). Pero é inherente ao folk.

Peche do círculo
P:
Neste escenario de Ortigueira deuse a coñecer case que mundialmente SonDeSeu no 2004 ¿Como se sinten cando volven a el?¿É unha actuación un pouco máis especial cas outras?

R:
É especial porque SonDeSeu consagrouse cando veu de teloneiro a Ortigueira e agora volve cinco anos despois actuando o día máis importante, á hora punta, no mellor escenario, cos mellores... Además volve a Ortigueira moi transformada, hai moitos máis instrumentos, moita máis calidade.

P:
SonDeSeu naceu como un proxecto didáctico ¿apréndese compoñendo ou tocando unha peza para Sondeseu ca nas aulas?

R:
Nunha escola apréndese a tocar pero hai cousas que hai que pasar por un escenario para aprendelas. Por exemplo tocar baixo a presión do público. As artes do oficio tamén teñen que ver coa amplificación, coa actitude no escenario, poder comunicarte coa xente, poder presentar unha peza, saber como vas vestido...Isto só se aprende coa actividade profesional, e é o que aporta SonDeSeu.

Comentarios