"Nunca apoiei explicitamente que se lle adicase o Día das Letras a Filgueira Valverde"

Valentín García Bóveda charla con Bernardo Sartier no ciclo 'Conversas na UVI' do Diario
García Bóveda (esquerda) charlando con Sartier coa foto de Alexandre Bóveda e a súa dona de fondo
photo_camera García Bóveda (esquerda) charlando con Sartier coa foto de Alexandre Bóveda e a súa dona de fondo

«Pontevedra débelle un museo ao teu avó?», preguntou Bernardo Sartier. «Si, pero non só ao meu avó, a moitos máis coma el. Case o que lle debe Pontevedra a Bóveda é acabar de coñecelo. Non o coñece e é unha mágoa. Eu coido que aínda non ocupa o lugar que lle corresponde na historia», respondeu Valentín García Bóveda, que tamén falou onte sobre Filgueira Valverde. «Nunca apoiei explicitamente que se lle adicase o 17 de maio».

O neto de Alexandre Bóveda e secretario da fundación que leva o nome do galeguista protagonizou a penúltima charla do ciclo ‘Conversas na UVI’, que organizan a Universidade de Vigo e Diario de Pontevedra na Casa das Campás. García Bóveda charlou co avogado e columnista Bernardo Sartier sobre a súa vida, a súa experiencia no Exército e na produción de películas como ‘Mar adentro’, de Alejandro Amenábar, por exemplo, pero tamén da súa avoa Amalia, de Xosé Filgueira Valverde e, por suposto, do seu avó fusilado. «Cando tiveches conciencia de ser neto de Bóveda?». «Dende sempre. Xa estabamos en democracia e xa se lle facían homenaxes. Pero cando de verdade me decatei de quen era e do valor que tivera o que fixo foi estando no Exército, coñecendo o que era guerra. Bóveda cabe perfectamente na definición de mártir que dá o dicionario».

Valentín García Bóveda recoñeceu que na súa casa non se falaba moito do que acontecera co seu avó. «O avó Alexandro, aínda que despois o galego normativo lle cambiou o nome a Alexandre». Segundo dixo, á súa avoa non lle gustaba falar do tema nin cos netos e nin sequera cos fillos. «Eu mesmo tiven pouco tempo para falar con ela, pero sei que tampouco falaba moito con miña nai. Na casa era un tema case tabú», explicou. «Ademais de que había evidentemente un certo síndrome de Estocolmo. Hai que pensar que el era un cristián acérrimo que, como tal, lle pedíu a Amalia que os perdoara. Ela asúmeo e é o que nos impón á familia, algo que, por suposto, non está reñido en absoluto coa esixencia de xustiza».

Neste sentido, García Bóveda, que calificou o xuízo ao seu avó de «asesinato ilegal dentro dun proceso que carece de calquera tipo de rigor dentro dun plan dos militares para sembrar o terror» («foi unha fraude, unha farsa», apoiouno Sartier), reivindicou a figura da súa avoa Amalia. «Haina que ter presente sempre, en calquera aspecto relacionado coa conservación da memoria de Bóveda», dixo. «Os homes están estudados e recoñecidos, hai que comezar a centrarse nas mulleres, heroínas absolutas daquel tempo».

17 de maio. Bernardo Sartier preguntoulle a García Bóveda en varias ocasións pola figura de Filgueira Valverde. Unha das primeiras cousas que fixo o neto de Bóveda foi puntualizar a súa postura con respecto ao último 17 de maio. «Nunca apoiei explicitamente un Día das Letras Galegas adicado a Filgueira Valverde», dixo. «A Academia é un organismo autónomo que toma as súas propias decisións e é evidente que cedo ou tarde lle había adicar este día». Outra cousa é a postura que a familia defendeu á hora de falar da responsabilidade de Filgueira no proceso a Bóveda. «Estábanse a facer públicas unha serie de imprecisións ao respecto. Conviña puntualizalas, corrixir aquilo, porque se faltaba ao rigor histórico. No sumario do xuízo nin sequera consta que se chamara a Filgueira a declarar. Que puido facer máis? Quen sabe? Seguramente. Pero tamén está claro que Filgueira non ten a mesma responsabilidade no franquismo que Martín Villa».

Sartier preguntoulle tamén polos últimos momentos de Alexandre Bóveda e a enteireza que demostrou neles. «Para nós todo iso está rodeado dunha profunda emoción», recoñeceu o neto do galeguista. «Miña nai nunca foi capaz de acabar de ler ‘Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda’, o libro de Xerardo Álvarez Gallego. E a min aínda me custa».

A última das ‘Conversas na UVI’ será o 30 de xuño na Casa das Campás (20.00 horas, entrada libre). Charlarán o xornalista Xabier Fortes e o ex-presidente do Pontevedra C.F. Miguel Domínguez.

Comentarios