Novoneyra, de regreso aos eidos

Os restos do poeta do Courel foron trasladados do cemiterio de Lugo á súa casa natal e sede da fundación que leva o seu nome en Parada. Cúmprese así o camiño de volta daquel que o levou ‘Do Courel a Compostela’, camiño que non facía sen parar «na tan querida cidade onde descansou 22 anos», como manifestou a viúva, Elba Rey.

Uxío Novoneyra descansa xa, e para sempre, no Courel. Os seus restos saíron onte a primeira hora da mañá do cemiterio municipal de Lugo, onde estiveron durante 22 anos, para seren enterrados baixo a «casa de pedra e cal vella/
solaina e ventás pra serra», a súa casa natal en Parada, centro vital e literario do poeta.

Preguntábanlle a Uxío, nunha das súas últimas entrevistas, se tiña pensado volver á serra e el, xa enfermo, respondía que non sabía cando, nin como, pero que volvería. Fíxoo nunha mañá xabreira de «sol veloz tralas nebras», como di nun dos seus poemas dun só verso, e acompañado, dun lado e do outro, por ducias de persoas queridas. Cúmprese así unha vontade que, segundo indicou a familia, agardou os anos nos que a súa casa demorou en converterse nunha fundación en pleno funcionamento, preparada para acoller o memorial.

Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark

Agradeceu a súa viúva, Elba Rey, no acto que tivo lugar no cemiterio de San Froilán, a acollida durante máis de dúas décadas en Lugo, «a súa cidade tan querida», onde estudou o bacharelato, na que se coñeceron e casaron e onde viviu coa súa familia cando deixaron O Courel e antes de trasladárense a Compostela. En Santiago morreu un 30 de outubro do ano 1999, con 69 anos. Despois de ser velado no Panteón de Galegos Ilustres baixo a mesma bandeira galega que cubría onte o cadaleito, e debido a que o mal tempo non permitira usar o panteón familiar en Seoane, o Concello de Lugo ofrecera un lugar no cemiterio municipal.

A cidade garda memoria dun enterro que fora multitudinario, onde amigos e políticos despediron ao poeta coa ‘Letanía de Galicia’ recitada por Miguel Ánxo Fernán Vello e polas verbas de Salvador Gardía Bodaño. Varios membros da corporación de entón, como Branca Rodríguez Pazos ou Ignacio Rodríguez Eguíbar, quixeron estar de novo presentes onte no camposanto, canda ao tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e representantes de todos os grupos muncipais e da Universidade de Santiago. A alcaldesa do Courel, Lola Castro, e veciños da Montaña, tamén acompañaron a viúva e aos fillos, Branca, Uxío e Arturo, dende o cemiterio lugués.

Escribira Antón Lopo en El Correo Gallego daquel enterro que o poeta comezaba o camiño de volta que o levara ‘Do Courel a Compostela’ e que xa perfilaba o seu derradeiro poema: «Camiño de volta fago/ volvo do cabo do Mundo./ Terra solo en ti me fundo:/ é a certeza que trago». Foi ese un dos textos que se escoitaron no cemiterio, canda a outros poemas dedicados á cidade lidos por Elba Rey, e algúns de ‘Os Eidos’ ditos por Tareixa Campo.

O himno galego despediu coa gaita de Bruno Villamor a Novoneyra. Nese lugar, avanzou Rubén Arroxo, un monolito lembrará o paso do poeta. Semella unha afortunada coincidencia que o regreso de Uxío, para quen vida e obra foron exactas en integridade, tivese parada en Lugo, el que dicía «Ir a Santiago de Compostela/non sin antes por Lugo pasar/ ou sin logo por Lugo tornar».

courel 3

O arquitecto Xosé Allegue foi o encargado de deseñar o memorial que xa formará parte das visitas que recibe a Fundación Novoneyra. A lousa da serra baixo a que descansa o poeta está rodeada de follas de castiñeiro, ourizos e castañas de bronce moldeadas polo escultor Óscar Aldonza, e que foron recollidas no souto comunal da aldea, o Souto da Rubial, recoñecido no catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Sobre a lápida, tamén en bronce, o poema: «Din os soños i os paxaros: a morte non é certo!», que xa ecoa fronte ao «Teso de Pinza/ sempre didiante!».

A Funeraria Garrido, de Quiroga, amiga da familia, foi a encargada de realizar un traslado que os veciños do Courel recibiron con moita emoción. «Sempre foi unha demanda da xente da serra», indicaba o fillo, Uxío Novo. Todos os presentes axudaron onte no enterro e a familia, pola tarde, plantou as roseiras que crecerán a partir de hoxe para todos eses «cotolovíos/ ouriolos tordos merleaos!» que virán pousarse do lado dos soños. Fronte á campa, Elba Rey leu outro dos poemas de ‘Os Eidos’: «Branca, Uxío e Arturo/ quedaranse no Futuro/ quedaredes no Futuro/ pre que siga o Pasado/ e ti Galicia a durar/ anque se funda o lousado/ e caia neve no lar». Eidos nos que o poeta volveu atoparse onde nunca deixou de estar.