Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

Carlos G. Reigosa: "As novelas chéganme en galego todas"

Carlos G. Reigosa. AEP
Carlos G. Reigosa. AEP

'Secretos de Bretaña' é a máis recente ficción do escritor e xornalista de A Pastoriza (1948), un misterio entre o mito, o tanxible e a historia

Para esta nova historia, recentemente publicada en castelán por Harper Collins, Carlos G. Reigosa optou por non botar man de Nivardo Castro, o detective que o acompaña desde principios dos oitenta e Crime en Compostela, e creou a Isauro Guillén, un xornalista que achega a mirada do foráneo.

Como construíu esta Bretaña?
Faláse das dúas bretañas francesas, do norte e do sur, e tamén da inglesa. Clarisimamente o espazo físico do norte do que hoxe é a provincia de Lugo e parte da da Coruña garda a identidade e as denominacións desta Bretaña de ficción. É unha novela, non unha tese doutoral, pero non fai falla moita imaxinación para decatarse de que Mindonio é Mondoñedo. En termos literarios, a historia de Galicia está aínda por contar. É un engadido dos bretóns de Gran Bretaña e Francia, que chegaron fuxindo das invasións anglosaxoas, e tamén de suevos, irlandeses, priscilianistas, viquingos, irmandiños... é un pouso que vai quedando; unha identidade compartida e, se rañas, aparecen cousas dun pasado común.

Aproveita a mitoloxía da Galicia mindoniense, a da antiga provincia de Mondoñedo e a da diocese britoniense, para recrear o ambiente de Bretaña. Eran precisos os ollos de Isauro Guillén para relatala?
Sobre a diocese britoniense, liderada polo bispo Maeloc, quedan moitas revisións pendentes; hai discrepancias básicas, puntos de partida diferentes... Para esta materia precisaba un escritor que se sentise atraído por unha historia, pola idea dun tipo tolo cunha ametralladora —un vello falanxista— e por caciques na montaña. É unha néboa que resulta atractiva para Isauro Guillén, que está nunha crise persoal e literaria e que acaba de chegar a un sitio tranquilo e silencioso —un lugar marabilloso, como Foz no inverno— no que dá con Esperanza, que o leva a coñecer pequenas cousas. Empezan así a emerxer acontecementos dos que non se fala. Parto para desencadear a historia dun feito real, que sucedeu na Pastoriza, dunha muller que desapareceu; atoparon os seus restos e recoñecérona polo pelo. Nivardo Castro non me funcionaba, porque tamén é desa Galicia mindoniense. Son os foráneos os que se fascinan por estas historias nas que os locais botan man da Santa Compaña ou do can Urco —que existen en moitas culturas europeas—.

"Se eu tivese escrito Os irmáns Karamazov en vez de Crime en Compostela, non tería esas vendas"

Unha sociedade opresiva e hermética, violencia contra as mulleres, medo a falar, caciquismo, supersticións, algún personaxe excéntrico... o retrato que fai desta vila galega é un pouco desacougante. Cre que somos realmente así ou é unha licencia de ficción?
Ten que ver coa ficción, pero tamén coa realidade. Os que primeiro len os meus libros son tres ou catro amigos. Cando os convidei a ler estes ‘Secretos de Bretaña’ tiña que explicarlles todo e cheguei a pensar que non o relataba ben no libro. Os crimes da Santa Compaña son tal, pero teñen unha explicación. Fatua, pero explicación. A estas terras levan séculos chegando caíns e abeis das distintas historias humanas. A realidade e os soños mestúranse nunha turbia e fabulosa ocultación ata a modernidade, aquí representada pola Garda Civil ou polo escritor. Hai feitos que ocorren durante a Guerra Civil e outros que se transforman en historias de cegos. Isauro Guillén, que foi xornalista, tenlle un apego á realidade e é capaz de ver o que había detrás.

Crime en Compostela é unha obra policíaca que teñen lido xeracións de galegos. Que ten a narrativa negra, policíaca ou detectivesca para exercer ese poder de atracción?  
O lector pode ser unha especie de compañeiro de viaxe do investigador. Cando en Galicia aínda non había detectives, tiven que buscarlle a Nivardo Castro, o protagonista de Crime en Compostela, un pasado de investigador que traballa en Estados Unidos. É un tipo que vai cunha lanterna alumeando sitios.

Moitas das literaturas negras prolíficas proceden de países pequenos, fríos e con linguas minorizadas. Cre que isto é unha casualidade?
Non o é. Os escritores buscamos tamén captar un público. Se tivese escrito Os irmáns Karamazov en vez de Crime en Compostela, non tería esas vendas.

Cando sabe se unha historia vai chegar en galego ou en castelán?
As novelas chegan todas en galego. Un é bilingüe trasladado a Madrid e o sentido dos meus compromisos está en contar a verdade cando facía xornalismo en castelán e coa lingua galega como novelista. Todas as miñas novelas están escritas en galego. Despois todas están traducidas ao castelán. As vendas en galego chegan onde chegan. Ao inglés hai algo por aí; ogallá houbese máis.

Lánzase Akal agora a traducir ao castelán aos galegos Aníbal Malvar e Diego Ameixeiras...
Ramón Akal é amigo meu e a aposta por eles paréceme acertadísima. Son dous escritores de extraordinaria calidade.
 

Carlos G. Reigosa: "As novelas chéganme en galego todas"
Comentarios