"Esta nova edición recolle todo o que escribín sobre Lugo na vida"

Claudio Rodríguez Fer reedita 'Lugo blues', 37 anos tras a súa primeira saída ao prelo e con poemas dedicados aos escritores Luis Pimentel, Ánxel Fole e Ánxel Johán
G
photo_camera Claudio Rodríguez Fer, á dereita, na libraría Trama co editor Henrique Alvarellos. GUILHERME DA SILVA

Pasaron 37 anos e Claudio Rodríguez Fer volve a presentar Lugo blues, un poemario que saíu ao prelo por primeira vez en 1987 con fotografías de Eduardo Ochoa e que agora se reedita con máis textos que, neste caso, foron ilustrados por Sara Lamas.

"Neste volume atópase todo canto escribín sobre Lugo ao longo da miña vida. Poemas nos que se fala da cidade, da historia, da memoria histórica, dalgunhas persoas moi próximas como meus pais e miña filla e da miña vida, en suma", afirma Rodríguez Fer.

No libro tamén se inclúen poemas dedicados a autores que deixaron pegada na vida e na carreira literaria do autor lucense como Luis Pimentel, Ánxel Fole e Ánxel Johán.

"A Luis Pimentel non o coñecín porque morreu cando eu tiña 2 anos pero el si me coñeceu a min porque era moi amigo de meus pais. Ánxel Fole foi unha especie dun avó literario para min e a el dedícolle o poema Un vello e un rapaz, onde conto a relación que tiven con el desde os 15 anos. E sobre Ánxel Johán fago un poema dedicado á súa dona, xa falecida, Lolá Doreste Doreste", afirma Claudio Rodríguez Fer.

Neste novo Lugo blues tamén hai un espazo para a memoria histórica e a represión franquista que se viviu na cidade na posguerra. 

"Teño un poema onde falo do doutor Rafael de Vega Barrera, un benefactor que foi inmolado polo fascismo", indica Rodríguez Fer, que tamén inclúe algún poema nesta nova edición no que lembra a visita a Lugo do tamén poeta andaluz Federico García Lorca.

En conxunto, a reedición de Lugo blues suma vinteseis poemas estruturados en tres partes: Sempre en Lugo, Lugo lacustre e Lugo xalundes.

"Sempre en Lugo fala da historia da cidade desde a Prehistoria ata hoxe, Lugo lacustre aborda a miña biografía e Lugo xalundes trata da presenza de Lugo e miña no mundo xa que, durante estes anos, tiven etapas nas que residín en cidades como Nova York, París e tamén na Bretaña francesa", conta o autor.