'Nós' é a Palabra do Ano en Galicia escollida por votación popular

Impúxose a termos como pandemia, gromo ou vacina
Montaxe difundida pola RAG coa palabra deste ano
photo_camera Montaxe difundida pola RAG coa palabra deste ano.

O termo 'nós' foi escollido Palabra do Ano 2020 en Galicia, tal e como o determinou a votación virtual pública promovida polo Portal das Palabras, a web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié.

Segundo informa a RAG, a segunda clasificada foi a palabra 'seteiro' e a terceira 'gromo', mentres que as seguiron, por esta orde, 'pandemia', 'máscara' e 'vacina', os outros termos que quedaran finalistas.

A Academia indicou que a palabra gañadora destaca algo bo dun ano complicado, a celebración do centenario da xeración Nós, e mira cara ao futuro con optimismo porque lembra que saír da crise global provocada polo coronavirus depende da primeira persoa do plural máis absoluta.

Os votos estiveron máis repartidos que noutras ocasións. 'Nós' tivo case 3 de cada 10 votos emitidos; 'seteiro' rozou o 20 %, 'gromo' fíxose con pouco máis do 17 %, 'pandemia' chegou ao 15 %, e' máscara' e 'vacina' sumaron, cada unha delas, pouco máis do 10 % dos votos.

O termo gañador é tamén a voz que designa a publicación aparecida en outubro de 1920, que lle deu nome ao grupo galeguista organizado ao redor dela. 

Comentarios