Pedro Feijoo: "Non terei futuro como escritor, pero si como turoperador"

O escritor Pedro Feijoo, que participou nas Catas literarias, prepara unha novela que define como "thriller do te ao erre" para 2020

Pedro Feijóo, no MIHL de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Pedro Feijóo, no MIHL de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

LUGO. Os organizadores das Catas literarias piden aos escritores que acuden ao MIHL para participar nelas que falen do seu proceso creativo. Pedro Feijoo (Vigo, 1975) debía falar onte sobre o seu xeito de escribir, pero dáballe un certo reparo: "O meu non ten interese. Podería contar que me sento espido no xardín e me deixo mecer polas ondas do Mediterráneo, pero non é certo". O seu proceder é tan vulgar que foi unhas das moitas que herdou do seu avó, un xornalista da vella garda do Faro de Vigo. "Botaba dúas ou tres horas dando voltas e rosmando e, de repente, acendíase algo, sentaba á máquina e escribía do tirón".

Dentro dese método ten outro que consiste en "ser disciplinado" e que nace da obriga de saber que o caos sempre está disposto a gobernalo. "Todos os días sufro porque debería estar sentado", di.

Así que primeiro planifica moito e despois, como escribo a mano, pode facelo "en calquera sitio, a calquera hora" porque consigue "aillarse do ruído". "A inspiración non poder ser algo maquinal porque, se non te seduce a ti, non convences ao lector", asegura.

Como carece de certidumes, consulta todo o proceso cos seus editores, Xerais. Onte pola mañá entregou o primeiro terzo dun "thriller do te ao erre" que aparecerá en galego a primeiros de ano que vén, con posterior versión en castelán que publicará Ediciones B. "Vou consultando paso a paso, preguntando cada dúbida".

Antes tamén compartía as dúas cos amigos e lectores, ata que se decatou "de que cada quen se facía unha idea sobre a novela e que, cando saía publicada, non tiña nada que ver".

No caso da seguinte novela anuncia que vai adiantar o memos posible sobre o seu contido "porque o ideal é que o lector se sente con ela sen saber nada". Sobre as tres partes comenta que a súa intención é que suporán cambios de dirección na trama que fagan que sexan inesperadas.

"Sabía que en Galicia non había moitas posibilidades de conectar con lectores para que se animasen para ler en galego"

Feijoo é coidadoso para evitar defraudar o lector. "Dende que saíu Os fillos do mar xa dixen que non escribo para min, que xa me coñezo, senón para o lector", indica o escritor. Dende o primeiro da súa carreira pretendeu, e logrou, ser un autor con aceptación do público. "Busquei recuperar o diálogo. Sabía que era difícil en Galicia, que non había moitas posibilidades de chegar ao lector, de conectar con lectores para que se animasen a ler en galego. Escribo para buscar ese diálogo; por iso vou a catas, clubs de lectura e paseos literarios".

Pedro Feijoo vive agora na localidade barcelonesa de Cabrera, "pero paso case o mesmo en Galicia" porque é a base da súa actividade literaria. "Calquera día me dan o título de piloto de tantos avións como collo", bromea.

"Cando saquei 'Sen piedade' estaba nun mal momento persoal. Non podía seguir coa cara amable"

Ten outra alternativa laboral á literatura: "Non sei se terei como escritor, pero si como turoperador", apunta en referencia á cantidade de percorridos que dirixe pola súa cidade natal tras o éxito do súa guía Camiñar o Vigo Vello (Xerais). Ese libro tamén o leva ao reencontro co seu avó. "Facíame ilusión continuar o seu traballo. Durante os seus últimos vinte anos dedicouse a recuperar a memoria da cidade" no seu xornal.

Pedro Feijoo recoñece que tivo un cambio de ton no seu xeito de presentar a súas novelas a partir de Sen piedade (Xerais). "Os libros facémolos persoas, non máquinas, e estaba nun mal momento persoal. Non podía seguir coa cara amable porque estaba enfrontándome a cousas difíciles".