"Non quitei a foto de Abbey Road, concentreime en gravar 'Pangea"

O músico sarriao Abraham Cupeiro rexistrou o seu novo disco nos estudios nos que os Beatles fixeron case todos os álbums
Abraham Cupeiro. VÍCTOR FORMOSELLE
photo_camera Abraham Cupeiro. VÍCTOR FORMOSELLE

Abraham Cupeiro non se fixo unha foto cruzando o paso de cebra de Abbey Road. O empuxo para gravar alí non foron os Beatles, aínda que os considera "uns xenios". A banda de Liverpool rexistrou boa parte da súa discografía neses estudios de Londres e lle dedicaron un disco. Na capa aparecen os catro músicos atravesando a rúa a través das raias brancas e anchas.

"Nada que ver cos Beatles. En Abbey hai un técnico, John Barret, que pon a funcionar 72 micrófonos en 8 minutos", explica aínda con sorpresa, días despois de ter pasado polo local. Onte estaba en Cervantes, facendo unha actividade no colexio.

Non nega referencias con Abbey Road. "Acabamos de gravar e, ao día seguinte, o estudo cumpriu 88 anos". Estreouno Edgar Elgar, compositor de Pompa e circunstancia, en novembro de 1931. As únicas imaxes televisivas que se conservan de Elgar foron rodadas nese estudo. "Quero que interpreten esta melodía como se non a tiveran escoitado antes", dixo o compositor. Ese é o espírito de Abbey Road, tocar como se estivese inaugurando o amencer no planeta.

Escolleu a Royal Philharmonic porque "é das mellores en interpretación de bandas sonoras"

Por iso, Cupeiro escolleu ese estudo para o seu proxecto coa Royal Philharmonic Orchestra porque "é unha das tres mellores orquestras en interpretación de bandas sonoras". A Royal Philharmonic elixiu a Cupeiro porque este experto en trompeta e que cursou un mestrado de Música Antiga na Autònoma de Barcelona pola súa visión de harmonizar as músicas étnica e clásica, e pola singularidade de que use instrumentos como o kárnyx, unha trompa celta de tres metros de longo orixinaria da Idade de Ferro. Moitos músicos da agrupación londinense non sentiran eses sons tan particulares.

O instrumentista sarriao leva xa tempo traballando nese encontro entre os sons máis antigos e o máis sofisticados. A banda de música de Pontevedra pediulle adaptar o seu disco Os sons esquecidos. Desa proposta xorden unha serie de colaboracións con agrupacións desa estrutura e unha idea, os temas do disco Pangea (Warner Classics), que acabou intepretando xunto coa Royal Philharmonic para o disco Pangea.

O seu disco busca reunir os cinco continentes usando 27 instrumentos ancestrais tocados xunto a 59 músicos

Panxea foi un macrocontinente que agrupaba toda a superficie sólida do globo hai 200 millóns de anos. O artista sarriao busca reunir os cinco continentes actuais tocando instrumentos ancestrais de cada un ata usar 27 que sonaron tocados por el en compañía doutros 59 músicos.

A maiores do kárnyx -que soa en represetación das músicas dos países celtas-, na gravación coa Royal Filharmonic Orchestra figuran "unha frauta dos indios hopi de Norteamérica, que aparece en representacións do deus da fertilidade; outra elaborada con xunco do río Níxer, que soa a África; unha frauta chinesa feita de bambú, un material que representa a modestia, a honra e a flexibilidade para adaptarse á vida; unhas vasixas precolombinas que teñen auga dentro e, cando se moven, soan como paxaros, ou unha gaita relaciona", enumera o sarriao.

Cando Abraham Cupeiro se presentou en Abbey Road co seu equipo de catro colaboradores o proxecto xa levaba unha rodaxe acumulada en case medio cento de comparencencias públicas con orquestras de música clásica, como as filharmónicas de Galicia, Gran Canaria ou Finlandia.

Abraham Cupeiro puido vivir o orgullo de traballar en Abbey Road, "como Karajan e Bernstein"; aínda que, insiste, "os Beatles son os Beatles".

Comentarios