Sés: "Non quero ser unha Peter Pan; son toda a señora que vou ser"

Sés.
photo_camera Sés.

"EU SON UNHA afortunada porque o coronavius me afectou pouco: non poder facer unhas datas", comenta Sés (A Coruña, 1982). Entre eses lugares en que ía tocar había varios na outra beira do Atlántico, "pero a Suramérica vou matar tigres: non me coñece ninguén".

No seu anterior disco, ‘Rabia ao silencio’, facía versións en galego de clásicos populares latinoamericanos. Non lles amola que alguén de fóra lles cante as súas cancións noutra lingua? 
Non teñen a lingua estigmatizada como nós. Dínme que canto en portugués con acento italiano. Cando fun cantar á Patagonia temía que me tirarían pedras, pero tomárono como algo natural e me falaban en portugués. En Suramérica son moi ‘hots’, moi quentes; mentres que en Europa somos moi ‘cool’. Eu son moi ‘hot’, de sentir desgarrado. Eles entenden o indixenismo, portan unha cultura sen desprenderse da actual. Eu son indíxena por falar en galego e vivir no rural. Temos máis que ver con México que con Portugal porque os portugueses foron imperio. A aristocracia artística levantou a cella e colleu o punto xusto de marxinalidade, pero despreza o ‘hot’. Bukowski ou Coltrane eran ‘hot’, sentían de xeito intenso. Os ‘cool’ están por riba, pero adoran a Chavela e a José Alfredo.


En ‘Liberar as arteria’ volve a América en 13 cancións.
Non volvo porque nunca me fun. Sigo en Latinoamérica mediatizada por Galicia. Fago unha confluencia con naturalidade coas miñas referencias que son as dunha cantareira que vén do rock e escoita guaracha ou blues. 

Este álbum ten maior complexidade que ‘Rabia’.
Nese disco era unha portadora de música doutros, pero non sei se este é máis complexo.

Os temas están deseñados e a interpretación e as letras teñen máis elementos.
Eu non sei facer recetas, sei cociñar. Penso que isto pode pegar ben a este prato. Compoño por instinto. Intento reconcilar as referencias tan lonxanas que teño. ‘Liberar as arterias’ son elementos de distorsión, de flamenco,... de cousas que escoito. A diferenza co anterior disco é que estou máis tranquila, máis asertiva, máis dura, máis firme.

Nas letras hai dúas reivindicacións: como persoa e como muller.
O único que reivindico é a poeta Luz Fandiño, a quen lle dedico o disco. Non fago reivindicación, senón comunicación testemuñal do que sinto. Eu son eminentemente social, formo parte de varios colectivos, podo ser feminista ou tamén negrista. Teño unha conciencia de loita. Choro por cousas inxustas.

Os temas son reivindicativos
Non os escribo por reivindicar. É o que sufro, río, choro ou disfruto. Os meus discos falan de quen son eu, de Sés; pero todos somos o mesmo. Eu non me sento unha figura de luz. Avalío continuamente os meus comportamentos e revaloro as miñas crenzas, aínda que non os meus valores. Gústame preguntar á xente por que pensa dun xeito determinado.

As cancións son políticas, pero hai máis amor e tamén desamor.
En todos os meus discos hai temas de diferentes épocas. Neste incluín ‘Desenganeime de crer’, que escribín en 2010. Hai cancións que non grabo no seu momento porque me dá pudor. Cando escribo sangro nunha hemorraxia que non é controlada. Ás veces non é momento de contalo pola cercanía cunha situación, tanto por non lastimar como porque non quero que a persoa da que falo saiba o que penso. A distancia ordena. Non me gusta ser unha Peter Pan da música. Xa son toda a señora que vou ser. Aspiro a ser unha nena, pero non sinto vergoña de ser unha señora. Acepto o paso do tempo e abrazo ese paso. ‘Para a curación’ escribína con 27 anos. Escribina nun día de vacile. Hai unha actitude ironica que non de agora.

En ‘Liberar as arterias’ hai tamén pezas con ton de himno, como a que dá título ao álbum ou ‘Rosa sen espiñas’.
Os himnos non os decido eu, senón o receptor.

‘Non son fada’ ou ‘Tempestades de sal’ son himnos. Teñen varias versións de diferentes artistas.
Iso faime sentir orgullosa. Están escritas dun xeito tan insignificante que calquera pode entendelas. ‘Tempestades de sal’ non é un tema especialmente bo nin ten moito mérito, pero a xente creu que era a miña verdade. Abúrreme cando vou aos concertos e os artistas están preocupados de gustar, teñen pánico a non gustar.

Sempre tivo medo a sobresaír.
Porque me considero o mesmo que calquera. Cando vexo a alguén que quere destacar paréceme un insensato. Gustábame cantar coas cantareiras. Estou cómoda no escenario porque estou pendente de facelo ben, pero non de abaixo do escenario. Non me gusta ser personaxe nin que me traten como personaxe. Hai xente coa que deixei de relacionarme precisamente por iso. Hai unha expresión no meu gremio que odio: "Por fin nos coñecemos". Por que teño que coñecerte a ti? Porque a ti e non a outra calquera outra persoa? Iso matou moito a música. A maioría dos discos están feitos por personaxes, non por persoas. Se os fixesen persoas serían interesantes. Morremos todos e non pasará nada, morrerá Sés e a bóla seguirá xirando.

Ten un elevado sentido da orde, do lugar que ocupa no colectivo.
Teño 8 anos máis que o meu pai cando morreu. Hoxe estamos e mañá, non. Non se pode dar nada por sentado. Sempre tiven complexo de diferente. Se me preguntaran con 10 anos que quería ser de maior diría que ser normal. A diferenza é inevitable. Todos somos únicos. Pero penso que poñer o foco no común nos levaría cara a unha convivencia interesante. Na miña profesión hai moito protagonista.
 

Comentarios