Julio Gesto: «Non pinto o cuco porque soamente se sente»

Julio Gesto abriu unha mostra de pintura en About Art de Lugo con famosos, peixes de cores e mouchos

Julio Gesto, na galaría About Art. XESÚS PONTE
photo_camera Julio Gesto, na galaría About Art. XESÚS PONTE

LUGO. Julio Gesto ten os ollos pequenos e azulísimos coma as canicas que pintaba Modigliani ás modelos para que puidesen ver. O artista lucense traballa cunha bata branca, que está moteada de manchas de cores que se forman en cada proba que fai. Traballa rodeado de cadros que o salvan de morte. «O meu pai non quería morrer, dicía: "Debe de ir moito frío alí"». De entres as obras escapa a voz dunha soprano.

As pinturas son propias ou de amigos como Quique Bordell. Entre as súas vense famosos, interiores de cafeterías, terrazas de bares, peixes de cores, mouchos,... e un carrusel. Son temas que se repiten nos trinta cadros que expón na galería lucense About Art dende onte ata mediados de febreiro.

No estudo de Gesto hai un reloxo de cuco marrón, que resulta sólido e poderoso. «Gústame o cuco porque dá alegría á casa», comenta o artista sorrindo cos seus ollos colibrí feliz. «Debes disfrutar a alegría que che queda porque logo vén o Concello cos seus recibos», aconsella.

Na mostra está presente o seu colega Bordell porque o pintor está convencido de que «é un señor importante de Lugo». Co mesmo alento de homenaxear está pintado Xosé Ramón Gayoso, o presentador de Luar. «Cáeme ben Gayoso, debe ser agradable alternar con el. Gústame o seu programa porque reflicte os nosos ancestros e leva os desguaces de España, todas esas folclóricas demacradas. «O outro día estiven vendo á filla menos guapa de Lola Flores», apunta, para destacar que lle gustaba o fillo, Antonio Flores. «Pasoulle o que lle pasou porque andaba moito no allo».

Os cantautores siguen interesándoo, de feito, «o mellor poeta de rúa, Joaquín Sabina» figura tamén na mostra da galería luguesa About Art. O cantautor «xa non dá máis de si porque andou no tomate».

Na mostra de Julio Gesto hai tamén un carrusel «que poñían en Santo Domingo», e que achega o movemento e a cor que busca o artista en toda a súa obra.

Dan as seis da tarde no atelier, pero o cuco que vive dentro do reloxo non sae. «Esquecin de darlle corda», expresa a xeito de desculpa. Probablemente, non quixo darlle corda. O cuco ten para Gesto unha aura enigmática. «Nunca pinto un cuco porque nunca se ve, soamente se sente».

Comentarios