"Non hai libros xuvenís porque os libros son para todas as idades"

María Reimóndez presentou este martes en Lugo 'Furia', a novela coa que gañou a última edición do premio Jules Verne, de Xerais
G
photo_camera María Reimóndez, á esquerda e de negro, xunto con outras persoas na presentación do Vello Cárcere. VICTORIA RODRÍGUEZ

Di a autora, María Reimóndez, que Furia —a obra coa que a escritora lucense gañou o premio Jules Verne, de literatura xuvenil de Xerais— non é un libro para rapaces, senón que é para todos os públicos "porque os libros son para todas as idades e é importante que cambiemos esa mentalidade", explica.

Reimóndez presentou esta última novela este martes, no Vello Cárcere, en Lugo, onde estivo acompañada da artista multidisciplinar e tamén escritora Luz Darriba e dunha xove boxeadora Iosefina Bardazau.

Porque esta historia, Furia, vai de boxeo e do deporte como autodisciplina pero tamén doutros temas como a morte dos seres queridos, a adolescencia, a autosuperación, a diversidade afectiva e o feminismo.

A protagonista de Furia é a adolescente Cecilia, á que lle acaba de morrer a nai e pasa por un mal momento. No instituto, íllase pero descobre a amizade de Blue, unha rapaza que se sente atraída por ela. Paralelamente, Cecilia adéntrase no boxeo, que lle ofrece un horizonte vital.

Ademais da historia desta rapaza, entrecrúzanse as doutros personaxes. Un deles con certo paralelismo coa autora da novela, María Reimóndez. "Hai unha personaxe, M., que tamén perde a nai —como a perdín eu— e que fai que na historia apareza tamén a cidade de Lugo, aínda que inicialmente está ambientada en Vigo", comenta a autora da novela.

A escritora lucense considera que o Jules Verne foi "un recoñecemento" á súa obra, que concorreu ao galardón de forma anónima. Pero o mellor premio para ela é que, a través deste libro, "se aprenda a falar, en certas situacións, da perda porque moitas veces non atopamos espazos receptivos para falar de aspectos que teñen que ver co emocional", di.

Comentarios