martes. 22.10.2019 |
El tiempo
martes. 22.10.2019
El tiempo

"Non fago nada especial coa pedra, relaciónome con ela"

Xosé Manuel Castro, xunto a unha das súas pezas. AÍDA SOENGAS
Xosé Manuel Castro, xunto a unha das súas pezas. AÍDA SOENGAS
A galería La Catedral de Lugo mostra a obra de Xosé Manuel Castro

Hai exposicións que só permiten ver e outras que piden ser tocadas. A que acolle a galería La Catedral 2 (Rúa Bolaño Rivadeneira, 17) é das segundas. O primeiro que hai que tocar é por pura obriga. O pomo da porta da sala é un zapato de madeira feito polo escultor Xosé Manuel Castro en homenaxe á zapatería que albergou o local.

"O sentimento dos galegos é máis próximo á pedra que á madeira", explica Castro, autor da exposición Materia vital que se abriu este venres. A pesar da súa clara predilección, un "tronco que estivo trinta anos á intemperie" na súa casa ocupa o lugar central da mostra. "É a cerna do carballo, vense as zonas danadas e invitoume a traballalo polas súas fendas", explica. Cunha idea similar, Castro realizou o ano pasado unha peza grande en madeira para o Marco de Vigo, porque "unha placa non resistiría o peso se a fixese en pedra".

O seu amor comezou sendo novo. "Dóuseme por perder o tempo toda a vida", ironiza Castro, que só emprega materiais que atopa na contorna do seu lugar de Ponteceso. O martelo e cincel conseguen coser a pedra, facer que se retorza e se engurre. "Pensan que é un alquimista, que emprega a calor, pero tálaas directamente", explica Jorge Espiral, responsable de La Catedral.

A selección de pezas é tamén as hai inéditas, como unha na que logra que a pedra pareza envolta nun trapo de raias. Empregando o óxido dun "canto rodado dun río que ten cor negra nun lado", Castro fai que as pedras pareza que visten medias rotas. Tamén fai que choren bágoas negras ou levántalles a 'pel' cun cúter.

"Non sei preguntarlle ao meu cerebro como chega a estas ideas. Non fago nada especial coa pedra, relaciónome con ela", explica.

Unha serie delas parece que son pedras pequenas pousadas noutras máis grandes doutra cor, pero forman parte do mesmo bloque. "Son as que máis me gustan porque son a negación da escultura, presento algo que parece unha chorrada, pero ten o soporte da idea e a técnica". Realmente, Castro esculpe para xogar ao engano.

"Non fago nada especial coa pedra, relaciónome con ela"
Comentarios