"Non entraba no Tíbet por unha letra"

O fotógrafo de Monforte Manuel Valcárcel amosa viaxes polo mundo no Museo das Peregrinacións de Santiago ata o 1 de maio ► As imaxes que se exhiben na mostra correspóndense con experiencias en lugares sagrados de Tíbet, Senegal, México e León
Autorretrato de Manuel Valcárcel. EP
photo_camera Autorretrato de Manuel Valcárcel. EP

As cámaras Werlisa poden atoparse en Wallapop a menos de 50 euros. Foron unhas cámaras populares nos anos 70 porque eran elementais de usar e agradecidas de resultado. O pai de Manuel Valcárcel (Monforte, 1975) comprou unha por conservar un recordo das vacacións familiares. "Estabamos de vacacións na Toxa. Había que facer unha foto dos meus pais e dos catro irmáns diante dunha igrexa que ten unha fachada de cunchas de vieira, así que me ofrecín", recorda Manuel. "Eu tería 7 ou 8 anos. Estiveron burlándose de min, pero o meu pai nunca disparara esa cámara; nunca a disparou".

A casa Werlisa, catalá de Vic, lanzou un modelo "Indiana Jones", que foi un fracaso. Manuel Valcárcel ten ese espírito de lanzarse á aventura e de aceptala tal e como se desenvolve. A idea de "aceptar o destino como vén" inspira a súa carreira de fotógrafo profesional, que o leva a comparecer no Museo das Peregrinacións de Santiago coa exposición Destino, que estará aberta ata o día 1de maio. Todas as normas da viaxe son tanto preparala con detalle e, ao tempo, aceptar os imponderables.

Os lugares que se ven nas imaxes son o Tíbet, Senegal, México e León. Manuel Valcárcel indica que "a fronteira de Nepal co Tíbet, que está controlada por China, parece dunha película de James Bond. É unha ponte entre montañas. Levaba un guía nepalí que falaba tibetano. Cando iamos pasar empezou a discutir cun militar. Metéronme nunha oficina e fixéronme esperar. Cando levaba dúas horas explicáronme que o intérprete traducira mal a miña documentación ao tibetano. En vez de escribir Manuel puxera Menuel. Pensei en todo o esforzo e todo o proxecto. Ao cabo, decidín: Se non podo pasar ao Tíbet por unha letra o destino que faga o que teña que facer".

A viaxe era especial. O Día de Galicia de 2017 Monforte caía polo peso da calor. "Estaba deprimido, na casa. Perdera tres amigos en pouco tempo. Empecei a ler sobre a kora, unha peregrinaxe que se fai do Tíbet a Nepal que o Goberno chinés prohibira dous anos antes".

Había anos que usaba a Werlisa. Metera unha Leika na mochila. Son cámaras agradecidas se tes a destreza para manexalas. "Preferín facer as fotos en analóxico e os vídeos, en dixital".

O seu destino era facer fotos dese rito, así que deu entrado polo leste tibetano. "É todo minería e construción controladas por China; hai unha perda do seu xeito de vida, do pastoreo. A civilización trouxo cartos e tamén alcohol e prostitución".

O periplo sagrado dura cinco días durante os que se dan voltas andando a unha montaña sagrada, aínda que tamén "hai quen dá tres pasos, se axeonlla, ergue os brazos en agradecemento a Buda e dá outros tres pasos; polo que tardan vinte días".

O seguinte destino foi Senegal, marcado pola amizade con Billy, un inmigrante sen papeis a quen coñeceu en Monforte. O plan da súa "peregrinación" consistía en ir a Europa, traballar durante dous anos para gañar uns cartos e volver. "E foron dez. O reencontro coa súa muller e o seu fillo foi emocionante", conta Manuel Valcárcel, que acompañou a Billy no Gran Maga, a segunda gran peregrinación musulmana.

Cada peregrinación de Manuel Valcárcel ten un motivo trascendente. No Tíbet era o perdón, e en Senegal, o amor. A motivación en México era "o respecto á natureza". O punto de partida volveu ser Monforte de Lemos. "O meu amigo Lolo tiña un familiar enfermo e necesitaba liberarse desa carga". "Veu comigo cruzar o deserto de Wirikuta, en México, porque necesitaba que esa carga se esvaecese no tempo e na memoria para poder liberarse dela".

O pobo desas terras, os huicholes, cren que o mundo foi orixinado nesas terras e que estaba habitado por deuses e espíritos. A peregrinación parte do mar, no leste, e vai ata o lugar no que o sol asomou por vez primeira.

SANTIAGO. "Pensaba facer o Camiño de Santiago cunha monxa", pero non puido. A solución foi desprazarse a La Casa de los Dioses, en San Justo de la Vega (León), unha casa de peregrinos. Había oito viaxeiros.

Deixaron que Manuel Valcárcel os retratase na súa vida cotiá durante doce días naquel refuxio sen electricidade nin auga corrente. A pandemia deixáraos alí pechados. A saúde era o tema para esa viaxe.

Comentarios