sábado. 21.05.2022 |
El tiempo
sábado. 21.05.2022
El tiempo

"Non celebro 20 anos de libros, senón 20 anos de complicidades"

Xurxo Souto, en Lugo. XESÚS PONTE
Xurxo Souto, en Lugo. XESÚS PONTE
O escritor e músico Xurxo Souto actúa en Outeiro de Rei no museo de Manuel María,
a quen define como "mestre de mestres"

Xurxo Souto debutou na literatura hai 20 anos. Está celebrándoo cun percorrido polos lugares que coñeceu grazas aos libros. Este sábado será, ás oito, na Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, nun itinerario que inclúe Lisboa, Lugo, Pontevedra, O Barqueiro, A Coruña ou Compostela. Pasa o día "en ruta" porque vive na Coruña e dá clase en Sarria. "Vou concentrado, escoitando audiolibros", indica.

O primeiro libro que publicou foi A tralla e a arroutada (Xerais), publicado en 1995, hai 27 anos. A Souto gústanlle as cifras redondas. Fáltanlle tres anos para os 30, pero non quixo rebaixalos aos 25 "porque non é unha cifra redonda, así que decidín que eran 20".

O escritor, músico e actor argumentou que "hai dous anos reeditouse a primeira novela, O retorno dos homes mariños (1999, 2020) e publicouse Pangalaica, con textos breves que escribiu para o xornal Nós. Non puiden celebralo pola pandemia e quero celebralo agora, que festexar a rede de amizades que fixen grazas á literatura e á música no Barqueiro, en Lugo ou en Porto. En todos eses sitios hai amigos porque levamos vinte anos de complicidades".

O creador compartirá historias de O retorno dos homes mariños, Pangalaica e A gran travesía de Chiruca Macallás; así como a crónica do Amaro navegante co gallo da súa vivencia na romaría dos galegos en Lisboa. No acto de hoxe acompañarao Richi Casás, director do Pardiñazo, que foi o 40º aniversario do festival de Pardiñas. Casás tocará o saxofón e o acordeón.

SANTO. Sobre o acto na casa de Manuel María, apunta que "el vai estar presente". Souto tratou a quen define como "mestre de mestres" porque ambos vivían na Coruña. "Chegoume a convidar polo seu santo, ao que convidaba un grupiño de xente. O malo é que eu era novo e o santo cadraba o1 de xaneiro.

Faremos a "Aperta coruñenta", para opoñerse "fronte a esa Coruña pija que falan en castelán. Imos reivindicar a Manuel María, que reivindicaba onde nacera e tamén o lugar que escollera para vivir".

No acto "falarei dun poema de Manuel María no que comenta que ten a esperanza de visitar cada parroquia de Galicia. É o meu xeito de ser nacionalista, coñecer o mundo que teño diante do fociño e así podelo compartir en todo o mundo. Cando chegamos a Madrid cos Diplomáticos eles non sabían nada do que estaba pasando aquí. Non somos a periferia da terra, somos o centro do mar. Manuel María é a referencia do centro mítico chairego".

Terán tamén peso os seus libros. "Grazas aos dereitos de autor de Chiruca Macallás puiden ir a Grecia coa familia", apunta Souto, que tamén é licenciado na carreira de Filoloxía Clásica.

Outra viaxe levouno a Lisboa, onde estivo no barrio de Alcántara no que recuperaran a festa Santo Amaro, que era a celebración dos galegos, do gremio dos augadores. Deixára de facer coa chegada da república. Santo Amaro era o santo navegante, hai unha lenda descuberta por Uxío Carré. "E estaba un neto de Carré" no evento.

A raíz dese encontro, interesouse "polos santos navegantes, con Santo Amaro, e recuperando os cantos das mulleres da conserva, que non estaban gardadas pese a que se recolleran moitos cantos de traballo de diferentes oficios. Son obreiras que se queixan contra o patrón. Lanzo botellas ao mar que despois volven", subliña o novelista.

"Non celebro 20 anos de libros, senón 20 anos de complicidades"
Comentarios