martes. 15.06.2021 |
El tiempo
martes. 15.06.2021
El tiempo

'Non te amola!', o libro inédito de Xela Arias que "saca á luz á nena de Sarria"

Montse Pena e Francisco Castro, durante a presentación do libro. SEBAS SENANDE
Montse Pena e Francisco Castro, durante a presentación do libro. SEBAS SENANDE
Lugo acolleu este luns a presentación da única obra narrativa da autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas

"Este libro é máis especial se cabe porque cambia a imaxe que tiñamos da autora ata o de agora. Non te amola! rompe a visión da Xela moderna da chaqueta de coiro de Vigo e saca á luz a esa nena que está en Sarria falando cos seus avós", así explicaba onte Montse Arias, biógrafa de Xela Arias, o contido do libro inédito que vén de ver a luz da escritora á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

"De súpeto aparece a aldea, a xente que vive no rural, os traballos do campo, os paxaros... Probablemente Xela escribiru esta obra nun momento de liberdade creativa que non lle daba a poesía", engadiu Francisco Castro, editor de Galaxia. O acto de presentación da obra celebrouse na Facultade de Formación do Profesorado e participou ademais Silvia Alonso, concelleira de igualdade do Concello de Lugo; Carmen Sarceda, decana do centro universitario lucense e contou coa presenza de Darío Gil Arias, fillo da homenaxeada.

Non te amola!, ilustrado por Luz Beloso e publicado en Galaxia, representa a única obra narrativa da escritora sarriá, máis coñecida pola súa faceta poética e o seu traballo no mundo da tradución.

O texto componse dun total de 16 contos escritos a principios dos 90, cando a autora contaba con preto de 30 anos de idade. Neles, a escritora ofrece un retrato á súa infancia e se retrotrae ata os nove anos, para relatar as vivencias do día a día e da súa propia familia.

Non te amola! xunta historias unidas cun fío condutor que aportan ao lector unha biografía emocional dunha infancia que se proxecta á actualidade

A obra estaba finalizada e revisada pola propia escritora, que mesmo contaba cunha subvención concedida pola entón Consellería de Cultura para a súa edición. A pesar diso, optou por deixar o libro no ámbito familiar, renunciou á axuda e conservouno á espera do momento oportuno.

UN REGALO PARA O SEU FILLO. "Neste exemplar hai moito de autobiográfico. Relátanse moitas cousas que lle pasaron cando era cativa e ela pásao ben contándoo. De feito súa nai contounos que cando Xela estaba escribido este libro perseguía aos familiares pola casa para saber si se sentían identificados tal e como ela os retrataba", precisou Pena, quen engadiu que a familia non ten claro en que ano exacto comezou a sarriá a escribir esta obra "pero pensan que era un regalo para o seu fillo no que ela lle relata eses anos felices na granxa escola de Barreiros, en Sarria, e as súas vivencias cos seus catro avós".

Non te amola! xunta historias unidas cun fío condutor que aportan ao lector unha biografía emocional dunha infancia que se proxecta á actualidade. Todo baixo as ilustracións de Luz Beloso, que debuxa por primeira vez unha "Xela nena" a través de imaxes que axudan a entender os acontecementos que narra desde a súa mirada infantil.

'Non te amola!', o libro inédito de Xela Arias que "saca á luz á...
Comentarios