Beatriz Pérez, museóloga e historiadora: "Está pendente ofertar un horario de apertura estable"

Nogueira de Miño, a Capela Sixtina galega en Chantada

O interior deste templo chantadés agocha uns murais renacentistas únicos que foron completamente restaurados nos últimos catro anos

Din os que xa visitaron a igrexa chantadesa de Nogueira de Miño que é coma unha caixa de sorpresas, na que cando un pensa que xa o viu todo aparece algo novo co que quedar abraiado. O primero dos agasallos que dá o templo é a súa ubicación, tendo como pano de fondo o meandro que forma o río Miño no Cabo do Mundo, na Ribeira Sacra máis auténtica, onde a paisaxe está marcada polo discorrer do cauce e polo cultivo da vide en bancais.

A seguinte das sorpresas é a propia construción. Santa María de Nogueira é un templo de liñas sinxelas pero equilibradas, que lle achega unha alegre serenidade a unha das aldeas máis características de Chantada.

O monumento conserva elementos que datan do século XII ata o XVIII e conta cunha fachada na que conviven en perfecta armonía un rosetón románico e un campanario de formas barrocas.


A ubicación da igrexa e a decoración de portas e ventás son outros dos grandes atractivos deste templo de orixe románica


A igrexa ten unha sóa nave con arco triunfal e cabeceira de formas cadradas. Dun lateral saen a sancristía e a chamada capela da Alba. No exterior tamén destaca a decoración das portas e ventás con temáticas moi variadas, onde predomina a fauna local.

Pero a maxia aínda non acaba. Cando o visitante entra no templo xorde unha nova sorpresa: as pinturas murais principalmente renacentistas. Sempre se dixo que en Galicia non había grandes pinturas murais, pero Santa María derruba ese mito. Para moitos esta é a Capela Sixtina da Ribeira Sacra.

OS MUROS. Todas as paredes de Nogueira de Miño e o arco toral están cubertas por murais que teñen continuidade e que funcionan coma unha soa peza na que se van explicando distintas escenas bíblicas.


Xosé Lois García, historiador: "O San Sebastián é dos modelos pictóricos máis interesantes que temos en Galicia, dos que non abondan"


No arco toral están representados a Anunciación, a Trinidade e o martirio de San Sebastián. As pinturas teñen continuidade cara o muro norte, onde se pode aprezar o Xuízo Final e cara o muro sur, coa Coroación de Santa María e a Resurrección de Cristo.

O historiador Xosé Lois García explica que "o mural ofrece unhas escenas moi peculiares do manierismo galego coma a figura do Pantocrátor, na cimeira do arco toral, o arcanxo Gabriel anunciando a María (recollida e orante no seu apousento) que concibiría un varón, o mesías, por obra do Espírito Santo, representado nunha pomba".

Para Xosé Lois García tamén é especialmente singular a representación do martirio de San Sebastián, "un dos modelos pictóricos máis interesantes dos que temos visto na Galicia, dos que non abondan. Rostro ambiguo e sereno, cabelo longo e trenzado, ao estilo feminino da época, e cabeza aureolada" apunta.

VISITAS. É agora, no ano 2016, cando é posible observar ao completo o gran mural despois de varios anos de profundas restauracións. Durante moito tempo este tesouro de Santa María de Nogueira estivo agochado debaixo de moitas capas de cal.

Os traballos acometéronse en diferentes fases e foron asumidos polas empresas Crea Restauracións e Parteluz. As profesionais das dúas firmas tiveron que empregar técnicas complexas para retirar o cal das paredes sen arrancar as pinturas. Tamén tiveron que tratar humidades e embolsamentos de aire. Salvados estes contratempos, foi o momento de recuperar as policromías e os detalles dos murais que se foran perdendo co paso do templo.

É posible visitar o templo de Santa María de Nogueira a través das visitas guiadas que se organizan dende distintas entidades. A empresa Máis que Románico ofrece esta posibilidade durante todo o ano.

Tamén o veciño Antonio Vázquez, que asume o coidado diario da igrexa, exerce de guía dos turistas encantado. Pódeselle localizar no teléfono 699 122 740.

Comentarios