miércoles. 28.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 28.10.2020
El tiempo

Nino Costoya gaña un certame de música durante o confinamento

Nino Costoya, nunha actuación. EP
Nino Costoya, nunha actuación. EP
O músico melidao levou o primeiro premio da asociación canaria Promusic, que está a loitar polos dereitos do sector neste tempo

O músico melidao Nino Costoya, que reside en Gran Canaria dende hai case tres anos, vén de gañar o primeiro premio de vídeos musicais gravados durante o confinamento convocado pola asociación canaria Promusic, que está loitando polos dereitos do sector nestes tempos difíciles para a cultura.

O vídeo é a interpretación do tema Chattanooga, de Preston Reed, que gravou para unha escola coa que colaborara, e foi valorado pola entidade canaria que lidera Kike Perdomo. "Ás veces enviar cousas é como mandar un globo sonda en busca de vida extraterrestre, así que me fixo moita ilusión recibir resposta", comenta.

OS RETOS. Durante o confinamento, Nino estivo traballando na adaptación dos cantos e harmonías que forman parte do folclore canario á técnica que o caracteriza na guitarra, a fingerstyle. Fíxoo para a convocatoria Canarias Cultura en Red, o proxecto que o goberno autonómico puxo en marcha para apoiar aos artistas, e que Costoya valora positivamente, aínda que considera que á cabeza en axudas culturais neste momento están o País Vasco e Navarra. "Tamén aproveitei para facer arranxos, cousas para as que nunca se ten tempo, para engordar e, despois, facer dieta", bromea.

O panorama, sen embargo, é difícil, coa incerteza sobre o turismo no arquipélago ou sobre os aforos dos espazos culturais, complicacións que se suman a unha precariedade que agora está a ficar espida. "Hai unha falta de recoñecemento das profesións vocacionais que fai que o traballo caia moitas veces na gratuidade. Viuse na abundancia de contidos compartidos de xeito gratuíto ao comezo do confinamento", comenta.

"O importante, agora, é que as persoas sexan conscientes da importancia de mercar un libro ou un disco, máis ca das consignas das redes sociais", indica. "Cómpre tomar boas decisións e loitar para saír adiante", engade.

Nino Costoya gaña un certame de música durante o confinamento
Comentarios