sábado. 21.09.2019 |
El tiempo
sábado. 21.09.2019
El tiempo

Nin de amor, nin de desamor

Cecilia Fernández Santomé. TE VALCÁRCEL, MERMAIDPHOTO
Cecilia Fernández Santomé. TE VALCÁRCEL, MERMAIDPHOTO

Cecilia Fernández Santomé, natural de San Simón da Costa, en Vilalba, vén de publicar a súa primeira novela, 'Quérote. Eu tampouco', un relato con doses de realidade na que a soidade da protagonista xoga un papel fundamental ao longo dunha trama lixeira

'Quérote. Eu tampouco' invita a pensar que o que se vai ler trata de amores complicados, amores con dificultades e amores con finais felices a pesar de todo. Iso é o que probablemente puidera ser, pero na realidade, e segundo explica a autora da obra, Cecilia Fernández Santomé, "fala da soidade da protagonista e do que a rodea, da sociedade na que vive" ambientada no Londres actual.

A súa trama, áxil e lixeira, contén certas doses de realidade concreta "froito da miña experiencia no estranxeiro, coa xente que coñecín e a sensación que me deixaron", comenta Cecilia, unha muller que pasou preto de nove anos, "coas súas interrupcións", por París, Liverpool e Londres. Á volta da capital inglesa, no verán de 2015, comezou a redactar unhas liñas "de xeito tan natural como cando a alguén lle gusta a fotografía e vai sempre coa cámara colgando do peito para fotografar todo o que lle parece".

O título non lle foi difícil de escoller. A canción 'Je t"aime, moi non plus', de Serge Gainsbourg e Jane Birkin, coa súa tradución ao galego, retrata unha imaxe "moi poderosa, que se axeitaba moi ben á esencia da novela", aínda que nada teña que ver co argumento da obra. No fondo e tal e como explica Cecilia, a letra da canción fala de dous amantes en plena paixón, cada un no seu nivel, e 'Quérote. Eu tampouco' sobre xente intentando agarrarse ao amor como solución a determinadas carencias, "cando o amor non sempre as soluciona".

Para a escritora, natural da parroquia vilalbesa de San Simón da Costa, esta é a primeira novela que publica, pero non a primeira vez que escribe. "Para min é algo tan habitual... Fágoo dende que era pequena, cando miña irmá e eu nos sentabamos cada unha nunha punta da mesa e escribiamos sobre calquera cousa. Logo liamos en alto o que fixeramos, era un show", lembra. E é que ela, ao igual que os afeccionados á fotografía, vai acompañada sempre dun caderno no que "vou facendo anotacións, teño unha carpeta chea de notas ás que logo lles vou dando forma".

Agora atópase inmersa en perfilar a estratexia de promoción xunto á editorial Xerais - "un luxo escribir unha novela en galego e publicala cunha das editorias máis grandes", puntualiza-, e non descarta incluír a Vilalba entre algunha das súas paradas.

Entre mans ten a súa segunda novela, xa rematada, e un pequeno libro de relatos "que aínda estou a preparar", porque "parece que está saíndo todo xunto, pero para nada. Tiven as miñas pausas, xa que, por exemplo, a primeira obra remateina en 2016 e publicouse este 4 de abril -en Amazon e en calquera libraría-", matiza a vilalbesa afincada en Lugo.

O seu vínculo coa redacción faise máis forte con colaboracións na 'fanzine' Dot Magazine "para non perder a conexión co marketing dixital". No pasado, cofundou a revista Coolt, extinguida o pasado ano. "Coolt cumpriu a súa función, porque o que queriamos era unha experiencia persoal e profesional distinta e pódese dicir que foi algo moi interesante", comenta a autora, á que lle quedan moitas letras por escribir e tramas coas que encandilar. De momento, os lectores poden ir coñecéndoa a través dunha historia que non vai de amor.

Nin de amor, nin de desamor
Comentarios