Nico Campos: "O meu pai falaba mal da xente e tamén era moi cariñoso"

Un libro que homenaxea ao humorista Chichi Campos foi presentado polo seu fillo en Lugo
Nico Campos, este xoves en Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Nico Campos, este xoves en Lugo. SEBAS SENANDE

A ver que vai ser isto foi un progama da TVG no que Morris e Manquiña presentaban a programación semanal. Houbo un espazo en que facían de rapaces, un galego e un vasco, na mili. O episodio non gustou na dirección, polo que foi censurado. Nico Campos, fillo de Chichi Campos, director e guionista, lembra que lles dixeron "que non fixesen nada e que volvesen para a semana".

Pero Chichi Campos rexeitou aquel apaciguamento. Os tres implicados organizaron unha conferencia de prensa para denunciar a afrenta. O director e Manquiña presentáronse encarapuchados e con boina ao xeito dun grupo terrorista. Morris non puido asistir, pero estivo representado por unha foto súa cun crespón negro.

Ese xogo entre política e humor foi a constante de Chichi Campos (La Laguna,1952; Santiago, 1991), a quen homenaxea o seu fillo Nico Campos no libro Estampas do mundo elegante, unha colección de artigos publicados en A Nosa Terra entre 1987 e o momento da súa morte, que se reedita contextualizada con artigos de 37 autores, entre os que figuran Manuel Rivas, Ledicia Costas, Marta Veiga ou Daniel Salgado. Os textos e as viñetas de Campos teñen un ton satírico. "O meu pai falaba mal de moita xente e, ao tempo, era moi cariñoso", sinala o fillo sen que parece que entenda de todo o paradoxo.

O outro elemento definitorio de Chichi Campos é a súa militancia no Partido Comunista de España como un dos responsables das Xuventudes Comunistas, cargo que o levou a sentar no Comité Central con 24 anos.

Nesa altura, traballaba na libreira Souto, en Lugo. Chegara á cidade en 1974 e marchou en 1979, coa muller embarazada de Nico. "Había un local no que lle deixaban facer as reunións clandestinas. O dono facía a vista gorda", comenta Nico Campos.

O fillo destaca que era "máis debuxante que escritor". Cando lle dedicaron unha exposición no Museo do Pobo Galego en 1993 "amosaron os vasos que lle daban no hospital, que estaban pintados. Pintou ata o final". Nesa faceta participou no primeiro tebeo en galego, A Cova das Choias, e no grupo Cómic do Castro.

DOCUMENTAL. Esta nova edición de Estampas dun mundo elegante ten como obxectivo que Nico Campos poida facer un documental sobre o seu pai, unha persoa que morreu cando el tiña 11 anos e a quen trata de coñecer a través de testemuños de familiares, amigos e colegas. Servirá para que o director poida "facer as preguntas que non fixen".

A gravación empeza o día 21 baixo o amparo da produtora dos irmáns Coira, Ollo Vivo. Nico Campos confía en poder estreala contra fin de ano, cando se cumpren 70 anos do nacemento de Chichi Campos.

Comentarios