martes. 13.04.2021 |
El tiempo
martes. 13.04.2021
El tiempo

Neira Vilas: "Quero achegar un granciño de millo máis ao noso hórreo común"

Neira Vilas
Neira Vilas
Hai unha semana recibía a Medalla de Ouro de Galicia en Santiago de Compostela. Este verán tamén chegou ás librarías a 35 edición do seu libro '‘Memorias dun neno labrego'’. Mais tamén segue escribindo e recentemente presentou unha obra na que recolle as historias de cen emigrantes galegos chamada 'Semente galega en América Latina’'

Os anos na Habana, a actividade dos emigrantes galegos en Bos Aires nos anos 50 e a súa nenez en Gres. Unha conversa con Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928) xira arredor destes tres eixos, aínda que dá para moito máis. Dende a súa casa da aldea recorda tempos que xa foron e fala dos que virán, nos que a escritura está sempre presente.

Acaba de recibir a Medalla de Ouro de Galicia. Como se sente?
É un grande estímulo porque é o máis alto galardón que outorga a Xunta de Galicia. Para min foi moi bonito recibila porque me compromete a seguir escribindo tratando de merecela. Estiven moi contento porque lla deron tamén ao deportista David Cal, ao oftalmólogo Sánchez Salorio e á viúva de Enrique Beotas.

Di que seguirá escribindo. Nunca pensou en xubilarse do oficio de escritor?
Se eu escribise en castelán xa tería deixado de facelo hai tempo, non ía achegar nada novo ao idioma porque xa está todo escrito sobre esa lingua. Pero como o fago en galego aínda podo ofrecer algunha cousa á nosa literatura e tamén á nosa lingüística. Eu son dunha comarca, o Deza, onde se fala moi ben o galego e son herdeiro da riqueza léxica deste idioma, que mamei dende que nacín. Quero achegar un granciño de millo máis ao hórreo común da nosa literatura. Seguiríao facendo tamén se non me desen medalla.

"Se escribise en castelán xa tería deixado de facelo. Á literatura galega aínda lle podo ofrecer cousas"


E mentres, ‘Memorias dun neno labrego’ chega á súa 35 edición.
Si, é un libro que vai moi ben. Lévanse publicado máis de 80.000 exemplares en distintos idiomas, porque está traducido a 16 linguas. Agora mesmo está sendo traducido ao xaponés por un antropólogo da Universidade de Kioto, tamén ao esperanto e á lingua aborixe de Cabo Verde, algo moi raro. Tamén hai anos fora traducido á lingua maia en México, onde fixeron unha adaptación teatral para representala nas comunidades campesiñas das tres provincias da Península de Iucatán, ao Sur do país. Aos campesiños gustoulles tanto a obra que pediron que se repetise, pasaron sete meses representándoa.

É curioso que os labregos de Centroamérica sintan tanta simpatía por unha historia da xente que traballa a terra en Galicia.
Si, de feito os rapaces -e os non rapaces- somos máis parecidos do que nós coidamos. Cando un libro é sincero e expresivo ten éxito porque os problemas son comúns e sempre atoparemos outros países e sociedades que compartan problemas connosco, por iso interesa. Hai moitos anos un profesor de literatura en Arxentina dicíame que hoxe a un escritor xa non se lle pide que sexa orixinal, porque todos os procedementos literarios foron xa utilizados, o que se lle pide é que sexa auténtico. E eu dou fe de que ‘Memorias dun neno labrego’ é un libro auténtico que fala de Balbino, ese rapaz que puiden ser eu pero que puido ser calquera outro rapaz doutra comarca de Galicia. O feito de que calquera avó de Galicia, e mesmo dalgún outro lugar, se identifique con el é o segredo do seu éxito.

Que queda de Balbino na actualidade?
O mundo do rural cambiou moitísimo. Xa non queda case nada. Hoxe en día os rapaces non coñecen o nome das ferramentas que se usan na terra e saben máis de ordenadores e teléfonos móbiles. Antes camiñábanse dez ou doce quilómetros para ir a unha festa e hoxe van en coche todos. Hai mellor educación, vístese e cómese ben -aínda que agora hai xente que non se pode permitir comer adecuadamente-. Antes había unha dependencia da terra terrible, calquera contratempo climático provocaba que se pasase fame. A diferenza é abismal, pero iso non significa que todos os problemas estean resoltos, queda moito por andar e moito que loitar.

"Todos os avós galegos fomos ‘Balbino’, calquera neto o pode comprobar falando con eles daquel tempo"


Bota en falta algo daquela época?
Eu contei aquela historia con certa nostalxia, porque foi algo que eu vivira, pero iso non significa que eu desexe volver a aquela sociedade de pobreza e miseria na que os nenos ían á escola só cando chovía. Se os mozos e mozas de hoxe falan cos seus avós descubrirán que todos eles foron ‘Balbinos’.

Non hai nada que perderan os nenos de agora con respecto aos seus avós, por exemplo, no uso do idioma?
É curioso, porque antes o galego non se escribía, nin ben nin mal, directamente non se utilizaba para escribir. Hoxe, pola contra, os mozos escriben moi ben o galego. Eu vou a algúns colexios e cando os rapaces fan preguntas empregan un galego moi ben utilizado. Porén, cando saen á rúa, utilizan o castelán. Aí xogan unha serie de prexuízos mesmo dos pais, que lles falan aos nenos en castelán. Ese é un problema que penso que se vai ir superando, o galego ten que ser cada vez máis un motivo de orgullo e non de vergoña.

Acaba de sacar un novo libro, ‘Semente galega en América’.
Si, ten 100 historias de personaxes galegos. Foron personalidades que achegaron moito ao continente na súa literatura, na súa loita pola independencia, na economía ou na conformación nacional. Hai centos de persoas máis que podería escoller.

"Os emigrantes non só fixeron cousas polo avance do continente americano, senón tamén pola Galicia que deixaran"


Cales foron os criterios para seleccionar as historias?
Algunhas eran persoas que eu xa coñecía, e centreime noutras que non son tan coñecidas. Hai moitos galegos que foron moi importantes en América Latina pero xa se falou moito deles, como Pedro Sarmiento de Gamboa, algún virrei galego no Perú que era do Val de Lemos... Eu escollín xente menos visible. Por exemplo, o primeiro coche que se fixo na Arxentina fíxoo un galego, veciño meu, que era dunha parroquia próxima a onde vivo eu. Tamén falo dun home dunha aldea de Silleda que lanzou unha morea de abellas para que picaran aos soldados españois nas guerras pola independencia. Outro galego creou o sindicato de vendedores de periódicos e tanto o respectan que no seu cabodano non saen os xornais por respecto a aquel paisano que loitou polos dereitos dos que vendían xornais nas rúas de Uruguai. Hai moitas historias coma estas, de persoas que contribuíron ao progreso da sociedade americana e que eran galegos. Outro caso é o da primeira actriz do teatro independente de Bos Aires, que era de Caldas de Reis. Son persoas descoñecidas pero eu considéroas importantes.

E non hai casos de galegos que foran a América e que non tiveran un comportamento tan exemplar?
Claro que hai emigrantes que foron a enriquecerse explotando a outros, pero eu prefiro centrarme nos bos, nos que foron semente. Pillabáns hainos en todos lados, por descontado. Non quixen facer un inventario de delincuentes e explotadores.

Entón non está de acordo con Celso Emilio cando chamaba ao colectivo de emigrantes galegos en América ‘País dos Ananos’.
Celso Emilio chamoulle así ao seu libro pero foi unha historia diferente. Tivo algunha polémica con Luís Seoane porque Celso metía no mesmo saco a todos os emigrantes e non era así. O que pasa é que Ferreiro tivo algúns problemas coa Hermandad Gallega de Caracas, botárono fóra, e por iso escribiu ese libro. Non se pode xeralizar, eu defendo aos emigrantes galegos que tanto fixeron, mesmo dende a distancia. Encheron as aldeas de casas, desempeñaron leiras, financiaron a construción de 317 escolas no territorio galego. En América naceu a nosa bandeira e o noso himno, que hoxe son oficiais. Viñeron monumentos como o do poeta Pastor Díaz en Viveiro, en Ribadeo o de ‘El viejo Pancho’, que era o poeta nacional de Uruguai e era orixinario da vila lucense. Incluso financiaron a tumba-mausoleo de Rosalía de Castro, ao igual que a edición de libros que aquí non se podían publicar. Falo de obras como ‘A Esmorga’ e todas esas que a xente sabe que nós, os emigrantes, publicamos dende América. É dicir, os emigrantes non só fixeron cousas polo avance económico e social dos países do continente americano, senón que tamén as fixeron pola Galicia que deixaran, á que, na maioría dos casos, nunca volverían. Fixeron moito por esta terra porque era xente moi apegada ao seu país de orixe.

"Sinto nostalxia do galeguismo que exerciamos en Bos Aires nos anos 50, dos doce anos que vivín alí"



Sente nostalxia daqueles anos?
En certa maneira si, sinto nostalxia do galeguismo que exerciamos en Bos Aires nos anos 50. Daqueles doce anos que vivín na Arxentina. Logo xa fun para Cuba, onde estiven 31 anos da miña vida. Alí os emigrantes galegos eran menos e eran maiores porque a onda de emigración cara a illa rematara moitos anos antes. Na Arxentina había moitísima xente, como xa se sabe, que fuxira despois da Guerra Civil e máis da II Guerra Mundial. Bos Aires foi moi importante para a cultura galega. Había conferencias, actos, publicacións de libros e revistas, emisións radiais, mesas redondas... Claro que boto en falta aqueles anos e sobre todo aos que foron meus compañeiros, que xa faleceron case todos. Faciamos un labor vital para o noso país dende a distancia.

E dos seus anos en Cuba, que bota en falta?
Fundei a sección galega do Instituto de Literatura e Lingüística na Habana e dirixina durante 22 anos. En Cuba hai un grande interese por que a xente coñeza as súas orixes. É un pobo moi culto, con moita curiosidade por cultivarse e desexo de investigar. Resumiríao dicindo que hai moito interese por saber.

Ten previsto volver?
Creo que non. Xa non quero coller avións, porque agora rexístranche todo como se foses un terrorista, son moi esixentes. Volvo coa memoria, con estes libros, pero fisicamente xa non.

E que lle parecen as novidades con respecto ás relacións entre Cuba e Estados Unidos?
É moi interesante porque foron 50 anos de illamento inxusto e arbitrario que prexudicou moito a Cuba. Paréceme moi ben porque isto abrirá novos camiños que servirán de concordia entre os pobos do mundo. Os países non deben buscar vinganzas e rencores innecesarios. Son distanciamentos que só conseguen prexudicar á poboación.

Neira Vilas: "Quero achegar un granciño de millo máis ao noso...
Comentarios