Neira Vilas, fillo adoptivo de Boqueixón

El escritor gallego Xosé Neira Vilas (AEP)
photo_camera El escritor gallego Xosé Neira Vilas (AEP)

O pai do 'neno labrego' mais coñecido do mundo, Xosé Neira Vilas, foi nomeado este sabado á tarde fillo adoptivo do Concello de Boqueixón.

O municipio coruñés, limítrofe coa vila de Gres -Vila de Cruces- da que o escritor é natural, celebrou cun emotivo acto o nomeamento do seu novo ilustre, acordado por unanimidade polo Executivo local.

O escritor agradeceu un "día honorable", "acompañado de familiares e amigos", polo que se sinte "verdadeiramente conmovido".

Recordou, nesa liña e tirando de máis dunha anécdota dos tempos mozos, o seu "vencello" familiar con "esta banda do río", limítrofe coa súa terra natal, mantido ao longo dos anos, "toda a vida", asegurou.

Unha actuación do grupo 'A requinta de Xián' daba comezo, preto dunha hora e media antes, á homenaxe ao autor no centro cultural do lugar de Camporrapado. Mais o verdadeiro arrinque á tarde correu á conta do conxunto infantil 'Loaira': un grupo de pequenas de entre 3 e 6 anos que esta tarde debutou no escenario e arrincou os sorrisos a todos os presentes.

De entre os acompañantes de Neira Vilas, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, celebrou a "acertadísima" elección do Goberno local co seu recoñecemento como fillo adoptivo.

Agradeceu a "amplísima" labor do autor, "levando o nome de Galicia e da comarca da Ulla, mais en concreto, por todo o mundo". E recoñeceu, do mesmo xeito, a presenza no devantito acto de Antía Cal, outra "gran ilustre galega", recordou.

Tamén participaron na homenaxe Ovidio Rodeiro, director xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta; Jesús Sanjuás, alcalde de Boqueixón -quen tamén recordou a figura de "embaixador" na emigración representada por Neira Vilas- e diferentes representantes e edís da formación local, a investigadora e pofesora da USC Dolores Vilavedra -encargada da laudatio sobre o autor- e outros ilustres recoñecidos polo Concello.

Destacou a presencia de Xosé Manuel Lobato, presidente da Asociación Cultural 'Mestre Manuel Gacio' e ao que se lle atribúe a idea de recoñecer o autor veciño de Gres. A que lidera é unha agrupación cultural que conta con apenas dous anos de vida pero moi destacada no municipio.

Comentarios