"Navegando o río Guayas xurdiu este poemario"

Chus Pato presentou este xoves en Trama Sonora, o seu último libro
undefined
photo_camera Chus Pato (esquerda) e Xabier Cordal, este xoves na libraría Trama de Lugo. SEBAS SENANDE

As verbas flúen dun xeito semellante a unha pinga de auga cando un menos o espera. Na mente dun escritor xorden de xeito repentino tras unha súbita inspiración que pode chegar en calquera lugar e en calquera momento. A Chus Pato a inspiración para o seu último poemario presentóuselle en Ecuador atravesando as ondas da auga. Tras o falecemento de súa nai, a poeta viaxou á cidade de Guayaquil e alí brotou o xerme de Sonora. "Foi navegando o río Guayas cando empezaron a xurdir as primeiras palabras que teñen que ver con este poemario", recorda a autora.

Unha das voces máis representativas da poesía galega contemporánea regresa cun novo traballo que, dalgún xeito, presenta un diálogo coa morte e co loito tras o pasamento de súa nai. "É unha escritura que se desenvolve arredor da morte entendéndoa como un camiño de coñecemento da vida", precisa.

A obra está estruturada en nove partes que, como describe a escritora, son nove ondas, "nove círculos concéntricos que se producen, por exemplo, cando unha pinga de choiva cae na auga".

A autora reflexiona a través dos versos sobre o paso do tempo, sobre as vivencias, sobre a terra, e debuxa esa relación maternal, agora truncada.

Pato debullou este xoves os trazos do seu poemario na libraría Trama de Lugo acompañada do tamén poeta Xabier Cordal, a quen a autora lle dedica un poema en Sonora pola relación de amizade que os une desde hai 40 anos.

Autora de doce poemarios polos que recibiu varios premios como o Nacional da Crítica Española, en dúas ocasións, e o Losada Diéguez, Chus Pato recorda que a súa primeira creación poética a xurdiu cando tiña só 10 anos nunha aula do colexio. "Estaba na clase de Xeografía e mentres a mestra recitaba as comarcas de España eu miraba pola fiestra. Alí vin o ábside da catedral de Ourense e unha vaca pacendo nun prado cercano, e así fixen o meu primeiro poema", recorda case sete décadas máis tarde unha autora e académica da RAG para a que a escritura xa é un xeito de ver a vida.

Comentarios