Natalia Lema: "Hai excesiva confianza á hora de pensar que nunca ocorrerá un accidente de tractor"

Esta moza de 18 anos vén de publicar un libro sobre riscos no ámbito agrario, con prólogo do presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Agrícolas de Lugo

La escritora Natalia Lema Otero. EP
photo_camera La escritora Natalia Lema Otero. EP

Todos temos un familiar ou un amigo que depende fundamentalmente das actividades do sector primario, se non somos nós mesmos os que traballamos nel. Aínda así, resulta complicado atopar publicacións que traten sobre a súa situación actual, que realice autocrítica e que recolla os seus problemas e posibles solucións nun libro. Para tratar de analizar esta realidade chega Natalia Lema Otero, unha vimiancesa de 18 anos que xa ten publicados dous libros, tras, como di ela, "moito traballo".

Nesta segunda obra, Prevención de riscos agrarios na Costa da Morte, Lema introdúcese de cheo no mundo agrario, para reclamar unha mellora na situación de todos os traballadores neste ámbito. Para elo, contou co apoio dunha personalidade de excepción: Marcos Vázquez Marey, presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Agrícolas de Lugo,  encargado do prólogo.

A autora ve necesaria maior concienciación dos perigos no ámbito agrario tras as habituais noticias de accidentes con tractores. "Hai que cambiar a mentalidade, xa que o descoñecemento está aí", afirma.

Lema destaca os plans de prevención para evitar accidentes ou un cambio na maquinaria ante a "excesiva confianza": precísanse tractores máis novos ou aplicar medidas de seguridade adicionais, como as cabinas, para poder contar con todos os elementos necesarios para traballar con garantías. Son medidas que deberían asegurar un espazo para o traballador no caso dun envorco.

Pero, estase a facer todo o posible desde as administracións? A autora afonda sobre este aspecto na súa publicación. "Ante ese parque de tractores antigo temos axudas similares ao plan Pive (no ano 2014), para a adquisición de tractores. Pero hai moi poucas medidas de actualización", apunta.

Outro problema é a rendibilidade deste tipo de máquinas nas explotacións, unha situación na que entran en xogo as compras de tractores de segunda man, algo que é máis "sinxelo e económico".

Sobre a situación das novas xeracións neste ámbito, recoñece que os máis mozos, entre os que se sitúa, non están interesados no sector primario, o que provoca "un problema de recambio".

Lema chama a loitar con contundencia contra os "prexuízos" da sociedade contra o eido agrario nunha publicación que busca unha mellora de seguridade e que realiza unha chamada de atención nun sector fundamental para todos os cidadáns que necesita de melloras para confirmar que se realiza con todas as garantías.

Comentarios