Narla: "A novela trata o comercio dos templarios coas reliquias"

O outor vive a "oito quilómetros" da fortaleza de San Paio de Narla, o lugar onde comeza a historia desta novela

Francisco Narla. AEP
photo_camera Francisco Narla. AEP

Oito quilómetros non parecen nada se se miran dende o ceo. Francisco Narla (Lugo, 1978), que é aviador, está afeito a ver eses "oito quilómetros" que separan a súa casa da fortaleza de San Paio de Narla en Friol cunha aparencia de centímetros.

Narla sobrevoa todo o planeta pola súa profesión de piloto, pero cando exerce de novelista prefire pisar o terreo que o rodea. Nas súas obras Galicia é o escenario do que descola cara a paisaxes lonxanas, tanto no espazo como no tempo.

A súa novela, Laín, el bastardo, parte da torre de San Paio no século XIII para chegar á terra de Genghis Khan. Esa longa viaxe valeulle o premio Edhasa de narrativas históricas na súa primeira edición, segundo anunciou onte a editorial en Barcelona.

Como bo afeccionado á historia, Francisco Narla gusta de buscar casualidades nas efemérides. "A editorial, Edhasa, convocou a primeira edición do premio porque cumpre 40 anos e eu tamén vou cumprir 40 anos en breve, o 12 do vindeiro mes", apuntou onte dende Barcelona.

O autor vive a "oito quilómetros" da fortaleza de San Paio de Narla, o lugar onde comeza a historia desta novela

Uns días antes do seu aniversario haberá 12.000 exemplares de Laín, el bastardo nas librarías de toda España. Narla estaba "feliz de que gañar un premio na editorial que máis apostou pola narrativa histórica; para min, é como volver á casa", a esa casa que ten preto da torre de San Paio.

A historia ten a súa orixe "hai moitos anos", cando o escritor soubo do trobador Martín Códax, que tiña a virtude —dende o punto de vista dun narrador— de ser unha figura "da que sabemos moi pouco", polo que deixa un campo aberto para imaxinar.

Na creación de Francisco Narla, Martín Códax é un home "alegre, que ten que escapar do porto de Vigo despois de deitarse cunha casada". O poeta "está buscando unha gran historia" que lle dea sona. Atópaa na vida de Laín, un fillo extramatrimonial do señor de San Paio de Narla.

A través da narración de Códax coñecemos a vida de Laín, que vive nas mesmas condicións que o seu medio irmán en San Paio ata que o pai de ambos os dous marcha a unha cruzada promovida por Teobaldo de Navarra. Daquela, o medio irmán faise co goberno da torre e expulsa a Laín. O pai acaba desaparecendo no deserto de Xudea, polo que o bastardo vai na súa busca atravesando os Pirineos e chegando a Venecia, onde se embarcará cara a Palestina.

En Terra Santa acabará descubrindo que "a expedición de Teobaldo era aparentemente unha cruzada, pero ten outros fins" relacionados co «comercio de reliquias». Nese punto, Francisco Narla para no seu relato para non levantar todas as teas que cobren a súa trama antes de que a inauguren os lectores, que a terán dispoñible a partires do día 6 do mes que vén.

Soamente, deixa caer no seu discurso que o personaxe "coñece a nai de Marco Polo e chega ao país de Genghis Khan" empuxado polo "comercio de reliquias" que era "un motor económico" que marchaba de Occidente a Oriente e regresaba. Neste punto, indica que Xelmírez era máis sofisticado e, ao roubo de restos de santos que fixo para darlle brillo a Compostela, "chamáballe pío latrocinio".

A maiores de nobres degradados, poetas fuxidos e militares redentores, na novela están activos os hashshashin, que son unha secta musulmana especializada no asasinato selectivo dos seus rivais.

A serie de videoxogos Assasin"s Creed provocou que se expandisen as lendas sobre a súa natureza e as súas actividades. Este asunto complicou o labor de documentación de Narla para escribir Laín, o bastardo porque "hai moita palla".

Outro tema que tamén lle esixiu deterse en "horas de lectura e conexións en universidades" foi a poesía medieval. A maiores, o novelista tivo como reto estudar sobre cetrería porque Laín é falconeiro. No principio do libro, cando lle anuncian que o pai está regresando das cruzadas, o protagonista sobe a unha cuíña para coller un pitiño de aguia con intención de regalarllo ao viaxeiro, ao que supón nunha volta que non chega a producirse.

Comentarios