Nace a asociación cultural Caldaloba para loitar pola torre e pola lingua galega

A directiva traballa en novas iniciativas á espera de poder reunirse por primeira vez, algo que estaba programado para antes da corentena
Martiño Maseda. S. IGLESIA
photo_camera Martiño Maseda. S. IGLESIA

Co obxectivo de dignificar a lingua e a cultura galegas e pór en valor a Torre de Caldaloba nace a asociación que leva o nome do símbolo da parroquia de Pino, «un referente de resistencia e de feminismo, por ser o lugar onde permaneceu Constanza de Castro durante os ataques das tropas dos Reis Católicos», explica o presidente da directiva da entidade, o poeta Martiño Maseda.

E aínda que a andaina do colectivo comezou a finais do pasado ano, aínda faltan os trámites finais para a súa constitución, o que non impediu que puidera formar parte da organización dalgunhas actividades antes de que a pandemia o paralizara todo. "En febreiro, co Concello de Vilalba e Culturalia GZ, celebrouse o Día de Rosalía, e estabamos preparando o recital do Día da Poesía para o 21 de marzo, pero xa non puido ser", lembra Maseda, e engade que a irrupción do confinamento impediu que se puideran xuntar os membros da directiva, que continúan agardando a poder facelo.

O equipo, liderado polo escritor vilalbés, conta ademais coa presenza de Ana Mar Fraga como secretaria, José Luis Ramos como tesoureiro, e de Beatriz Dourado e Montserrat González como vogais, e xuntos xa traballan "en algo que, se nos sae como temos argallado, pode ser moi bonito, pero non imos desvelar nada de momento", di Martiño Maseda, aínda que avanza que "non só terá que ver coa torre, senón coa cultura en xeral e implicará varias disciplinas artísticas".

"O camiño faise pouco a pouco e somos conscientes da nosa humildade, pero se algo temos claro é que o que queremos conseguir é algo de calidade, non tanto de cantidade", apunta o escritor sobre os proxectos da asociación cultural Caldaloba, que ten as portas abertas para todos aqueles que queiran entrar a formar parte.

Para poder asociarse ao colectivo, haberá que porse en contacto con [email protected], onde se informará dos obxectivos da entidade e da cota a aportar como socios. Así mesmo, a través de Culturalia GZ poderanse coñecer as últimas novas desta asociación, así como nas redes sociais.

"É moi importante darlle visibilidade á lingua, con algo tan fácil como é usala, e á torre de Caldaloba, un símbolo incluso fóra de Galicia", di Maseda, se ben é certo que o certame de poesía convidou a "falar dela algo máis", "Sería unha tristeza enorme que caera ao chan", conclúe sobre o último reduto contra os irmandiños.

Comentarios