'Na música teño dúas caras, son como o Dr. Jekyll e Mr. Hide'

Cristina pato ten en mente volver á música de gaita e tamboril (Foto: Otto.AGN)
photo_camera Cristina pato ten en mente volver á música de gaita e tamboril (Foto: Otto.AGN)

A gaiteira máis faladora cambiará mañá a praza e a verbena pola sobriedade do Teatro Principal, ou o que é o mesmo, a gaita polo piano. Recén chegada dos Estados Unidos, onde realiza os seus estudos de doutoramento, Cristina Pato (Ourense, 1980), estrea mañá en Galicia o 'Guernica Trio' dentro do festival de música clásica 'Via Stellae' que se celebra en Compostela.


Pregunta.- Que nos podemos atopar mañá no Teatro Principal de Compostela?

Resposta.- Mañá estamos estreando o 'Guernica Trio' en España cunha obra de Octavio Vázquez feita para conmemorar o aniversario do bombardeo da cidade de Guernica. É un trío para violín, violonchelo e piano e animo a xente a que veña porque dentro da música clásica contemporánea é unha peza que un pode escoitar sexa ou non adepto a este estilo.

P.- Sénteste máis gaiteira ou pianista?

R.- Non podo dicir que me sinta máis unha cousa ca outra porque son dous mundos totalmente distintos. Penso que en espírito divídome ao 50%. Pero en tempo, o piano leva moito máis. Tal como teño organizado o ano nos últimos tempos, son oito meses para o piano e catro para a gaita.

P.- Pero a túa faceta como pianista non era coñecida polo gran público até hai pouco tempo...

R.- O tema de Cristina Pato coa gaita foi algo que en todos os sentidos se saíu do común porque nin eu nin a discográfica pensabamos que aquel proxecto fora ir como foi. Foi un disco feito con 400.000 pesetas e ningún de nós agardaba que aquilo pasase. A parte da gaiteira disparouse e o piano quedou un pouco solapado. Pero comecei a tocar o piano un ano despois da gaita, aos cinco anos, e dende aquela son cinco ou seis horas ao día as que dedico.

P.- Hai "tolemia" nos teus concertos de piano?

R.- É diferente. No caso da gaita fago música sen complexos, sen pensar en nada, simplemente para divertirme e divertir aos demais. En cambio co piano, o tipo de educación que recibín foi case a contraria. Agora comezo un pouco a liberarme, sobre todo con este tipo de obras que che dan máis liberdade.

P.- O escenario fíxoche madurar moi rápido, non si?

R.- Non sei se tanto o escenario ou o que está arredor del. Penso que no meu caso o que me fixo madurar foi asinar un contrato con 18 anos e comezar a traballar de repente todos os días. Adquires unha serie de responsabilidades que ti non estás buscando e que simplemente aparecen porque estiven no momento xusto no lugar axeitado.

P.- Que queda daquela rapaza de 18 anos?

R.- Eu penso que a falta de complexos, iso segue estando aí xunto coa liberdade de facer o que queira. Esa sensación de que se me equivoco é a miña culpa, se meto a pata son eu.

P.- Hai dez anos que te subiches ao escenario por primeira vez cos Mutenrohi e agora estás de xira de novo con eles...Tiñas gañas de voltar ás orixes?

R.- Teño ganas de agradecer aos Muntenrohi que me desen a oportunidade hai dez anos de gravar con eles. Até 1997 eu coa gaita tocaba música tradicional galega e eles déronme a base para facer o que logo foi Cristina Pato.

P.- O piano volveute máis seria?

R.- É unha especie de Doutor Jekyll e Mr. Hide. A cara que se me coñece coa gaita e quizais a máis alegre e tola que podo chegar a ter e con respecto ao piano está todo máis contido porque tamén esa profesión é o que require. Coa gaita seguirei facendo o que fago, evolucionarei pero ese toque de tolemia sempre vai estar aí.

P.- E o pelo verde tamén seguirá?

R.- Tamén, eu penso que ata que me saian canas vai estar por aí.

P.- No teu armario tamén está a parte de Jekyll e a de Hide?

R.- Si, o meu armario si que está dividido en seccións. Hai un pouquiño de todo pero quizais Dr. Jekyll está máis presente que Mr. Hide, pero si que hai unha roupa para cada ocasión.

P.- Despois de 400 concertos ás túas costas, que significa o escenario para ti?

R.- É curioso porque póñome cada vez máis nerviosa, cos anos sinto máis a presión de facelo ben e esa dor de estómago e as gañas de ir ao baño van estar aí sempre. Se non chegas ao escenario o traballo é frustrante porque non chegas a amosar o que estiveches facendo durante moito tempo. Sen o escenario non podería vivir tanto no piano como na gaita.

P.-
Como valoras as novidades que se están a producir dentro da música galega?

R.- Eu penso que a música galega vai sufrindo altibaixos, cada catro ou cinco anos hai unha especia de "boom". Galicia é como unha especie de foco sempre fumegante, sempre se están a facer cousas novas e iso é fascinante. Intento seguir a carreira de todos eles e faime moita ilusión que se misturen porque ese é o xeito de que a música galega evolucione e teña proxección.

P.- Que concerto non te perderías do Via Stellae?

R.- Il Giardino Armonico apetéceme moito. O problema desta datas é que estou tocando en todas partes pero agora mesmo fascíname a música barroca.

P.- Que estilo de música escoitas cando estás na casa?

R.- Son adicta á ópera e tento ir todas as semanas. E tamén me gusta a música brasileira para distraerme, Caetano Veloso, Gilberto Gil, Marisa Monte... un pouco de todo.

P.- Que é o que máis destacas da túa experiencia alén do mar?

R.-Os concertos no Carnegie Hall de Nueva York e as miñas colaboracións coa Orquesta Sinfónica de Chicago e con Osvaldo Golijov, son realmente das cousas máis importantes da miña carreira alá. A posibilidade de poder traballar cun compositor galego en Nova York é algo fascinante sobre todo porque podes mover a nova música contemporánea galega tamén por alá.

P.- Cando remates os teus estudos de doutoramento en Estados Unidos voltarás a Galicia?

R.- Si, marchei coa idea de voltar e voltarei.

P.- Que proxectos tes en mente de cara á publicación dun novo traballo?

R.- Teño gañas de volver a facer música de gaita e tamboril. Esa é unha vía que está pisando forte agora para min.

P.- E cando descansa Cristina Pato?

R.- Non sei, este ano é o meu quinto aniversario de voda e o meu marido máis eu aínda non tivemos lúa de mel. Xa haberá tempo para o descanso cando chegue a idade na que o corpo o pide.

Comentarios