O Museo de Lugo mergúllase nunha viaxe pola Raia con Vázquez Saavedra

A artista sarriá presenta no centro dúas exposicións cos seus proxectos fotográficos ► O universo das máscaras concéntrase en 100 imaxes que se poden ver na sala multiusos

Mercedes Vázquez Saavedra, no Museo Provincial. SEBAS SENANDE
photo_camera Mercedes Vázquez Saavedra, no Museo Provincial. SEBAS SENANDE

A autora sarriá Mercedes Vázquez Saavedra presenta no Museo Provincial de Lugo dúas coleccións nas que amosa un traballo de investigación na que as protagonistas son as mulleres galegas e portuguesas do mundo rural.

Mulheres, en palabras da autora, son 90 fotografías froito dun proxecto arredor das mulleres arrainas. Comezou en Pitôes das Junias (Montalegre) por ser unha aldea que conservou rasgos do comunitarismo en parte da veciñanza, pero especialmente nas mulleres idosas, e noutras mulleres que foron fotografadas, despois de longas conversas e de convivir con elas na aldea, estableceuse unha corrente de irmanamento moi forte.

"Son coma nós". As mulleres de máis idade as que rondaban os 100 anos, contaron que súas nais axudaran aos escapados despois da "guerra dos españois", e incluso algunha destas mulleres sendo case unhas mozas, vixiaban cando súas nais levaban os galegos polo monte. Dixeron que esa axuda foi por humanidade, que elas non sabían de política.

Tamén fotografou as mulleres arraianas galegas, de Gundimil e Requiáns, mesmo na Raia. Mais outras foron as mulleres de Castro Laboreiro (Melgaço), de Soajo, Arcos de Valdevez e outras da Mezquita, lindeiras con Vinhais, ou mesmo de Río de Onor (Bragança), onde o comunitarismo foi importante, ou das aldeas arraianas de Miranda do Douro ou Mogadouro.

Non é este o único proxecto fotográfico que expón Vázquez Saavedra no Museo. A sala Multiusos acolle unha mostra sobre o mundo da máscara. Nesta viaxe fotográfica a autora presenta máis de 100 imaxes que poden verse ata o 31 de marzo.

Vázquez Saavedra explicou que a súa vida é o mundo da máscara: un mundo máxico e paralelo. "Non quero saír deste mundo de caretos e mascarados, non quero vivir no mundo real, non gosto nadiña do que está a acontecer. Inmigrantes que non son aceptados, miseria, fame, falla de principios e solidariedade ... Que está a pasar? Son tres días os que vivimos neste mundo, non paga a pena acumular riquezas, non paga a pena nada. Polo que decido quedar no mundo dás máscaras, no que atopei xente que é quen de compartir o que ten".

Comentarios