O museo de Forges na Fonsagrada contaría coa "mesa na que debuxaba"

A asociación de amigos da vila afirma que "só faltan os fondos" para que a vella consistorial acolla un centro con debuxos do humorista

Pila Garrido, a viúva de Forges, en La Almudena de Madrid. EFE
photo_camera Pila Garrido, a viúva de Forges, en La Almudena de Madrid. EFE

O voceiro da Asociación de Amigos da Fonsagrada José Manuel Saavedra, Seselo, anunciou este venres que se lle vai dedicar ao humorista Forges na vella casa consistorial un museo que exhibirá "unha mesa na que debuxaba", entre outros obxectos relacionados co seu medio século de traballo como viñetista na prensa.

Seselo explicou que Forges, finado o pasado xoves en Madrid, estaba "moi ilusionado" coa idea de ter un centro no que amosar a súa obra na vila na que tiña as súas orixes paternas. Por iso, levaba un tempo "seleccionando debuxos", pero recoñecía que "tiña tantos escollidos que darían para encher varios museos".

A maiores de chistes publicados, Forges comentara que quería doarlle á Fonsagrada "uns cristais pintados de moito valor", así como libros e material de cine, una arte á que era moi afeccionado e na que rodou dúas películas.

A antiga casa consistorial leva pechada dende xullo de 2013, dende que se inaugurou a nova sede

O alcalde, Argelio Fernández, confirmou que o proxecto do museo xa está redactado, pero falta a consecución dos fondos necesarios, que estima en 270.000 euros; aínda que evitou fixar tempos, manifestou a súa disposición a facelo unha realidade "no prazo máis curto posible".

Forges coñecía eses planos e mais o edificio no que se pretende acomodar o museo, pois visitárao "na primavera pasada", segundo indicou Seselo. "Díxonos que fixéramos un bo proxecto e non lle puxo pega ningunha", subliñou.

PECHADA. A antiga casa consistorial leva pechada dende xullo de 2013, dende que se inaugurou a nova sede.

O rexedor municipal enumerou os traballos a realizar apuntando que é necesario "baleirar o edificio, repoñer o lousado,redistribuír os andares e poñer un ascensor", entre outras tarefas.

Tanto Argelio Fernández como Seselo coincidiron en que deben deixar "que pase un tempo", dado o recente do pasamento do humotista, para retomar o contacto coa familia a fin de concretar os fondos do dibuxante que viaxarían á Fonsagrada para quedar instalado na vella consistorial.

FALAR. José Manuel Saavedra, que era curmán de Forges, comentaba este venres que o humorista se desprazaba "con frecuencia" á vila, onde lle gustaba "visitar sitios e falar coa xente, porque era moi aberto, moi cercano. Falaba mesmo coa xente que tiña unha aguillada na man; ben, cos que tiñan a aguillada era cos que máis lle gustaba falar".

O voceiro de Amigos da Fonsagrada agradeceulle ao alcalde á disposición cara á proxecto.


 

Comentarios