Unha mostra levará 40 fotos de Xela Arias a seis vilas da provincia

Xulio Gil é o autor das imaxes que se exporán en dez paneis de maio a setembro
O sarriano Xosé Aldea, Maite Ferreiro e o fotógrafo Xulio Gil. EP
photo_camera O sarriano Xosé Aldea, Maite Ferreiro e o fotógrafo Xulio Gil. EP

Xulio Gil quería colaborar cun poeta en marzo de 1988. Enterouse de que se ía celebrar o recital Os poetas cantan á cidade de Vigo, con 17 escritores. Sentou entre o público para "facer o cásting". "A linguaxe que máis me interesou para o que quería facer foi a de Xela Arias. Antes de chamala comprei un poemario seu para confirmar a miña impresión". O primeiro libro da autora, Denuncia do equilibrio (1986) animouno a chamala.

"No primeiro encontro Xela explicoume que, como poeta, era vidente que organizaba o mundo dende si mesma e como quería, sen necesidade de contrastar a súa intuición". A primeira fotografía que lle fai é unha imaxe da poeta, na que non se ven os ollos: "Como é vidente non os necesita, pero véselle a boca porque ela falaba dende dentro". 

Xela Arias e Xulio Gil empezaron unha relación e acabaron vivindo xuntos. Dos dez anos de relación quedáronlles a sombra do amor e un fillo, Darío. Esa década comezou cunha colaboración para o libro Tigres coma cabalos, con poemas dela e Arias posando para Xulio Gil. Despois chegarían máis imaxes da escritora de Sarria.

Ao vivir xuntos fixeron un rexistro estético no que colaboraron "non coma compañeiros, porque ela controlaba a imaxe que quería dar; comportámonos ela coma profesional da linguaxe e eu como profesional da fotografía. Xela Arias dicía que o fotógrafo que debía facerlle as fotos era eu. Ata que nos separamos", indicou o artista. Dese tempo compartido xurdiron centos de imaxes entre as que Xulio Gil escolleu 53 que figuran no catálogo da exposición Xela Arias. A poesía do retrato. "A escolma non me resultou fácil porque Xela era moi guapa". 

Vinte delas serán expostas en paneis que van percorrer a provincia de Lugo nunha exposición que será inagurada o día 1 de maio en Sarria e que percorrerá outras cinco localidades da provincia.

A mostra poderá verse despois en Lugo, do 21 de maio ao 21 de xuño; en Chantada, do 22 e xuño ao 8 de xullo; en Monforte, do 9 de xullo ao 2 de agosto; en Viveiro, do 3 ao 26 de agosto, e en Ribadeo, do 27 de agosto ao 27 de setembro.

Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación: "Cando lle dedicaron as Letras Galegas soubemos que nos apelaba por abrir novos camiños para a poesía galega" 

"Cando soubemos da elección de Xela Arias para o Día das Letras Galegas 2021, entendemos que era un nomeamento que nos apelaba directamente, pola orixe sarriá da poeta pero tamén polo seu compromiso social, polo seu feminismo e pola súa vontade de abrir novos camiños para a poesía e a creación en galego", explicou a vicepresidenta Maite Ferreiro.

Ferreiro supuxo que a Xela Arias lle gustaría a iniciativa de que a súa poesía e imaxes súas estivesen en espazos exteriores porque quería "sacar a poesía do sillón do lector á rúa". O soporte serán dez paneis que serán suxeitos por bases de formingón de 700 kilogramos de peso, segundo explicou o produtor executivo da mostra, o sarriao Xosé Aldea.

Xulio Gil confirmou que a poeta estaría encantada de volver á provincia de Lugo "porque se fixo poeta e adulta en Vigo, pero era de Lugo". Para o fotógrafo e exparella da poeta "os seus pais eran de Lugo e ela tiña as raíces" na provincia, "a antropoloxía que ten un é importante". "Hai unha maneira de ser territorial dentro de Galicia, unha maneira de amar, de tratar coa familia, de odiar". 

Xosé Aldea puxo en valor o "reto técnico" que supón para a súa empresa a itinerancia da exposición, pola dimensión dos soportes, "8.000 quilogramos de cultura, de poesía e de fotografía, cos que procuramos socializar as propostas artísticas e culturais de Xela Arias e Xulio Gil". 

Xulio Gil, fotógrafo: "Xela comportábase coma unha profesional da linguaxe e eu, como un profesional da fotografía"

OUTRAS VOCES. Á espera da inauguración da mostra, a viceperesidenta explicou que continúa coa difusión da serie audiovisual Outras voces para as letras de Xela, con quince pezas audiovisuais nas que a obra da poeta pasa pola voz, performance e reflexións biográficas de escritores, artistas, familiares e cidadáns.

Tras a estrea o pasado martes do primeiro episodio, coa participación do seu irmán Lois Arias, este xoves ás 20.30 horas, difundirase a segunda entrega, coa intervención da poeta Olga Novo, ás 20.30 horas nas redes sociais e na canle de YouTube que rexenta a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.

Comentarios