A mostra de Baldo Pestana pecha con 15.000 visitantes

A exposición sobre o fotógrafo de Castroverde que inmortalizou o boom latinoamericano despídese este domingo na Cidade da Cultura

Exposición sobre Baldomero Pestana. EFE
photo_camera Exposición sobre Baldomero Pestana. EFE

Preto de 15.000 persoas achegáronse á Cidade da Cultura para coñecer a obra de Baldomero Pestana, un dos grandes retratistas e fotógrafos sociais da segunda metade do século XX. A exposición ‘Baldomero Pestana, a verdade entre as mans’, coa que se reivindica o legado do fotógrafo galego (Castroverde, 1917-2015) pecha as súas portas mañá no Museo Centro Gaiás.

A mostra pon en valor a un mestre da cámara que, a pesar da notoriedade que acadou en vida, especialmente en Perú, era descoñecido para o gran público. Un inxusto esquecemento ao que a Xunta e o Instituto Cervantes quixeron poñer fin. As fotografías de Pestana viaxarán agora a París, onde se exhibirán entre novembro e xaneiro de 2019.

Este sábado, proxectarase o documental ‘A imaxe reb/velada’, dirixido por Andrea Vázquez. A peza percorre distintos lugares e vivencias do artista, a cabalo entre Arxentina, Perú, Francia e Galicia. A proxección será ás 18.30 horas na Sala Seminario do Museo e contará coa directora.

O castroverdense foi o gran retratista de escritores e artistas como Mario Vargas Llosa, Gabriel García Márquez ou Pablo Neruda, e tamén deixou imaxes sobre a eclosión cultural que se viviu en América Latina e no París dos anos 60. Na súa vertente social, traballou como fotorreporteiro para as revistas de Perú e desenvolveu encargas para Unicef.

Pestana acumulou máis de 17.000 negativos, libros, cartas e diversas cámaras Rollefl ex, Hasselblad e Linhof, que levaba sempre consigo nas súas viaxes. Na Cidade da Cultura exhíbense ata mañá parte destes obxectos xunto a 150 fotografías coas que o visitante pode seguir o periplo vital e artístico do fotógrafo.
 

Comentarios