Miércoles. 26.06.2019 |
El tiempo
Miércoles. 26.06.2019
El tiempo

Morre o poeta Manuel Vilanova, renovador da lírica galega contemporánea 

Manuel Vilanova. SANTOS-DÍEZ (AELG)
Manuel Vilanova. SANTOS-DÍEZ (AELG)

É autor de obras coma 'E direivos eu do mister das cobras', 'A lenda das árbores de prata' ou 'A esmeralda branca'

O poeta de Barbantes, Punxín (Ourense), Manuel Vilanova (1944-5 de marzo de 2019) faleceu o martes en Vigo, segundo informa a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). 

Vilanova é autor de E direivos eu do mister das cobras (1980), considerado por escritores como Álvaro Cunqueiro, Varela Jácome, Fernández del Riego e Xosé María Álvarez Blázquez como o poemario máis innovador da lírica galega contemporánea. 

Previamente, realizara un longo poema, a súa primeira obra en galego, A tarde chea de verán, dedicada ao poeta Celso Emilio Ferreiro. Todo iso, tras obras en castelán como Mejor el fuego ou El cazador de días, sobre o cal Eduardo Blanco-Amor dixo que era un dos 15 mellores libros que lera. 

Estudou Filoloxía Románica en Compostela, onde fixo a súa memoria de licenciatura sobre La evolución de la poesía, de Rafael Alberti. Doctorouse pola Universidade Complutense coa tese La soledad en la poesía de Luís Cernuda. Catedrático de ensino medio de lingua e literatura españolas, exerceu en Vigo. 

En 1985 sacou á luz o libro de poemas en galego A lenda das árbores de prata, que recibiu o Premio da Crítica Galega. Entre outras obras, atópase o poemario A esmeralda branca, Premio Nacional da Crítica; Antonio das mortes e a muller de verde (2010); Nin sequera no ceo (2011); Un banco na Gran Vía (2016) e A substancia das horas (2017). 

A través das redes sociais, o director da editorial Galaxia, Francisco Castro, mostrou o seu pesar polo falecemento e recordou os tempos nos que Vilanova foi o seu profesor de Literatura Española no Instituto da Guía, en Vigo, e como exerceu de influencia nas súas lecturas. "En parte son hoxe escritor grazas a ti", díxolle no seu día ao seu mestre. 

Morre o poeta Manuel Vilanova, renovador da lírica galega...
Comentarios