viernes. 18.06.2021 |
El tiempo
viernes. 18.06.2021
El tiempo

Monumentos e lugares simbólicos na vida de Xela Arias ilumínanse cos seus poemas

Xela Arias. XULIO GIL
Xela Arias. XULIO GIL
Entre eles figuran os colexios nos que estudou en Vigo ou a súa casa natal en Sarria

Unha decena de monumentos e lugares especialmente simbólicos na vida e obra de Xela Arias estarán iluminados con versos e imaxes da autora desde este sábado e ata finais de mes, con motivo da celebración o luns do Día das Letras Galegas dedicado este ano á poeta de Sarria.

Esta iniciativa, dentro da programación institucional da Xunta polo Día das Letras, aplicará a técnica do videomapping sobre os centros nos que estudou Xela Arias, como o instituto IES Castelao e o colexio CEIP de Sárdoma-Moledo, ambos en Vigo, ou o Colexio Fingoi de Lugo, así como a Casa do Concello de Sarria, a súa localidade natal.

Tamén se iluminarán coas frases escollidas da autora a sede da Xunta en Santiago de Compostela, o Museo do Mar de Galicia en Vigo, así como centros de especial interese das letras galegas e da poesía, como a Casa de Rosalía, en Padrón e a Residencia Literaria 1863 en A Coruña, ou a catedral de Mondoñedo.

Esta proposta inclúese na programación institucional do Día das Letras Galegas, que contempla medio centenar de actividades para divulgar o legado da autora en toda Galicia e un acto central o propio Día das Letras, na cidade de Vigo.

O Goberno autonómico está a realizar ademais estes días nas redes sociais a iniciativa Unha palabra para Xela xunto a máis de 30 académicos, familiares e amigos da autora.

Trátase dun conxunto de 31 minipezas audiovisuais que conforman un retrato colectivo da poeta xa que cada participante elixe nunha palabra que destaca a calidade que, na súa opinión, mellor define á homenaxeada ou retrata un trazo persoal, faceta ou obra da autora que valora especialmente.A emisión da serie está activa desde o 1 de maio ata o día 31 con palabras e lecturas de académicos da Real Academia Galega (RAG), escritoras e escritores, compañeiros de profesión e familiares, entre os que se atopan Rosario Álvarez, Margarita Ledo, Víctor Freixanes, Xosé Luís Méndez Ferrín, Chus Nogueira, ou Chus Pato, entre outros. 

Monumentos e lugares simbólicos na vida de Xela Arias ilumínanse...
Comentarios