Mónica Alonso, Ugía, María Varela e a Cova de Eirós, Premios da Crítica

A cantante da Mariña define estes galardóns  como "os Grammy da cultura galega porque os conceden os críticos". Houbo tamén recoñecementos para Manuel Rivas, Chévere, o investigador Xabier Martiñan e a distribuidora Atalante
Cova Eirós, en Triacastela. AEP
photo_camera Cova Eirós, en Triacastela. AEP

Os Premios da Crítica de Galicia, que se concederon este sábado en Vigo, recoñeceron varios traballos relacionados con Lugo. A artista Mónica Alonso foi prempiada na modalidade de Artes Plásticas; a músico Ugia Pedreira levou o recoñecemento en Música e a cociñeira María Varela, de A Parada das Bestas, impúxose en Cultura Gastronómica. A maiores, a investigación dos restos existentes na Cova de Eirós, en Triacastela, é o Premio da Crítica de Galicia na categoría de Iniciativas Culturais e Científicas.

Mónica Alonso (A Fonsagrada, 1970) foi premiada polo "traballo de toda a súa carreira, a reflexión sobre a cor como forma de comunicación entre seres humanos". A creadora manifestou a súa alegría por recibir ese novo recoñemento despois de "trinta anos traballando coma unha formiguiña" a través de "proxectos concretos, porque nunca fun de grandes exposicións, e complexos para o mercado".

"A miña decisión foi seguir o camiño que pensei que debería seguir e agora se confirma. Unha vez que tomo unha decisión é irreversible, polo que a satisfacción é máxima". Durante estas tres décadas sentiu "moito medo" a errar na súa aposta, "pero me daba satisfacción facer o que pensaba que debía facer".

Para Ugia Pedreira (Foz, 1970) este galardóns "son os Grammy da Cultura porque os concede a crítica". Ela foi recoñecida na modalidade de Música.  O xurado salientou "a súa traxectoria creativa, interpretativa e formativa como cantora de raíz mariñán que desenvolveu un proxecto artístico alternativo vencellado coa propia terra". A cantante comentou que o acolle con "sorpresa porque é un premio ao que non te presentas" e son designados "pola crítica, que vén de ‘cribar’, e houbo unha criba"na que acabou sendo a elixida.

Os membros do xurado de Cultura Gastronómica acordaron outorgar por unanimidade o premio María Varela (Palas de Rei, 1968) como cociñeira de A Parada das Bestas, no lugar palense de Pidre,  "por ter loitado desde 1992 polo proxecto co seu home Suso, con só 24 anos de idade". A chef sacúdese o mérito alegando que "foi unha cuestión de supervivencia porque estamos no medio da nada".

Tentaron á fortunha cunha proposta que define situada "a medias entre a literatura de Cunqueiro e o rigor histórico". O resultado foi valorado polos expertos por lograr  "recuperar receitas da cociña tradicional con toques de modernidade apostando sempre polos produtores e gandeiros locais".

María Varela comenta que preparan unha peituga de galo de Mos con mazá e figo que procede dunha anécdota de Álvaro Cunqueiro. "Contaba que comera galo, deitouse durmir a sesta baixo unha figueira e lle caeu un figo".

Na modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas houbou outro premio lucense. Dirixiuse á investigación do Paleolítico que se desenvolve na Cova de Eirós (Triacastela). O xurado subliñou que abre as portas ao coñecemento do paleolítico no territorio galego,unha tarefa de expertos da Facultade de Historia da Universidade de Santiago.

A maiores, os expertos salientaron "o potencial desta investigación para a dinamización dun espazo rural de menos de mil habitantes e as sinerxías coa veciñanza propiciadoras da declaración de ben de interese cultural (BIC) no ano 2017.

Outros premiados foron Manuel Rivas (Creación Literaria) polo seu libro O que fica fóra; Xavier R. Madriñán (Investigación), polo ensaio A figuración galega en Irlanda (1840-1936); o grupo de teatro Chévere (Artes Escénicas) pola obra sobre a catástrofe do Prestige N.E.V.E.R.M.O.R.E. e máis a firma Atalante (Cine e Artes Audiovisuais) polo seu labor continuado na distribución de películas independentes.

Comentarios