domingo. 23.01.2022 |
El tiempo
domingo. 23.01.2022
El tiempo

Mónica Alonso: "Colmeiro pintou un só cadro, a Galicia da nenez"

Un visitante contempla dúas obras de Colmeiro. FUNDACIÓN LUÍS SEOANE
Un visitante contempla dúas obras de Colmeiro. FUNDACIÓN LUÍS SEOANE
A fonsagradina é a comisaria dunha mostra cun cento de obras do artista na Coruña

A pintura de Colmeiro defínese pola cor máis que pola forma. A Fundación Luís Seoane da Coruña acolle unha mostra artellada arredor desa característica, Colmeiro. Cor e sentimento. A comisaria, Mónica Alonso (A Fonsagrada, 1970), organiza a obra do pintor galego a través de case cen cadros -máis de 70 son óleos-, correspondentes a seis décadas de creación, en función do criterio cromático.

Manuel Colmeiro (Silleda, 1901; Salvaterra, 1999) "definíase como 'un pintor dun só cadro', que era a Galicia da súa infancia". Emigrou a Bos Aires con doce anos e volveu a Silleda con 25 para ser "un pintor galego" plenamente. En 1946 marchou a París, onde permaneceu ata 1989 para regresar a Galicia. Indo e vindo do país, Galicia foi o seu tema.

A mostra propón un percorrido polos seus azuis e verdes, que son a base da súa pintura; polos amarelos e laranxas, que emprega para a luz, para iluminar a roupa e para expresar emocións como a ledicia, e polos vermellos, utilizados como contraste. A maiores están os marróns da terra, que atenúan a dureza dos grises e negros do rigor da existencia e do horror da guerra, que tanto o marcou.

Máis de 70 obras expostas das que están entre o cento que compón a mostra 'Colmeiro. Cor e sentimento', son óleos

A peza máis antiga das expostas ten eses grises. Chámase A morte (1928). Mónica Alonso aclara que esa tea "é unha procesión, o seu gris non é frío porque o quenta con marróns e vermellos".

O artista "non é académico", senón un autodidacta. De feito estivo na Academia de Belas Artes durante un curso, pero non continuou. As primeiras obras son bodegóns e representacións de traballadores do porto de Bos Aires, porque tamén lle interesa "o tema social". A comisaria engade que chegou a "traballar nunha fábrica de zapatos para coñecer a vida dos obreiros". Foi esixente coa súa obra ata o punto de queimar a que fixera antes de regresar a Galicia. "Debuxa e debuxa, queima e queima", describe a comisaria desta mostra, que se poderá ver na Coruña ata abril.

Colmeiro ten sona de fauvista. Mónica Alonso apunta que "el dicía que nunca vira un cadro de Cezanne, non recoñece esa influencia. O fauvismo vai con el, desenvolveu o que levaba no interior, asegura que se trata de algo que hai no ambiente".

O muralismo, que o artista vía como medio para popularizar a arte, está presente na mostra.

Mónica Alonso: "Colmeiro pintou un só cadro, a Galicia da nenez"
Comentarios