Mondoñedo suma tres novos poetas cos premios adicados a José Díaz Jácome

A filóloga compostelá Berta Dávila foi a gañadora dun ertame que recupera o legado de José e máis do seu fillo Juan Ramón

Os representantes da administración, os membros do xurado e os premiados, en Mondoñedo. X.M. PALEO
photo_camera Os representantes da administración, os membros do xurado e os premiados, en Mondoñedo. X.M. PALEO

A cidade "dos silencios que significan cantares, non choros", -como describe a Mondoñedo o expresidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro-, acolleu este sábado a entrega dos premios de poesía adicados a José Díaz Jácome, que avanzan pola súa decimonovena edición. Foron galardoados tres novos poetas e o primeiro posto, con 1.500 euros, recaeu na santiaguesa de 30 anos Berta Dávila, coa obra Limiar. Esta nova xeración permite pensar nun prometedor futuro para o galego, como consideran a delegada provincial de Cultura, Pilar García; a secretaria territorial da Xunta, Marta Barreiro, e a alcaldesa, Elena Candia.

O segundo galardón, de 600 euros, merecéuno a Crónica bélica da devastación en cinco minutos, escrita polo pontevedrés de 21 anos, Alexandre Fernández e o terceiro, dotado con 300 euros, obtívoo a lucense de 19 anos Laura López, co poema Renacer.

Os familiares de Díaz Jácome acudiron a un evento na que se lembrou ao seu fillo Juan Ramón, quen fora director de El Ideal Gallego e que faleceu hai tres anos. Entre o público, como cada ano, estiveron o director de El Progreso, Lois Caeiro; ademais do escultor Juan Puchades.

Candia avanzou que na primavera que vén vanse recoller os poemas destas 19 edicións

O crítico literario Armando Requeixo -que forma parte do xurado do certame, composto por Xosé María Felpeto e Áurea Ramil-, destacou a traxectoria destes novos creadores. A premiada lucense gañara con tan só 13 anos un concurso en Samos; con 15, o certame de Nadal da Biblioteca de Lugo e hai un mes, o de Begonte. Precisamente Jácome cultivara esta tradición da lírica da Natividade.

O premiado pontevedrés xa gañara con 17 anos o Minerva en Santiago con outro amigo seu, Antón Blanco Casás, co quen lanzou o selo Chanzo. Poesía en Acción, dentro da plataforma Chan da Pólvora.

A filóloga Berta Dávila participou co límite de idade permitido no concurso, cunha senlleira bagaxe de premios e a publicación do mellor poemario en lingua galega e mellor premio da Crítica de 2014, Raíz de fenda.

Requeixo recuperou un poema co que Juan Ramón Díaz Jácome gañara un premio con tan só 18 anos. Fora publicado o 31 de maio de 1959 en El Pueblo Gallego. Nel pedía que a paz e a xustiza se deran a man e presaxiaba "que se aveciña o caos polo odio dos homes". O portavoz do xurado tamén leu unha creación para Nadal de Jose Díaz Jácome, publicada en 1946 na revista Pregón, da que fora xede de redacción en Pamplona.

O expresidente da Real Academia da Lingua Galega Xosé Ramón Barreiro admitiu que cando estivo no cargo, se preocupaba cada mañá polo perigo de desaparición da lingua. Pero advirtiu sobre que "hoxe, o cen por cento dos rapaces aprende a ler e escribir en galego na escola". Instou a respectar a liberdade de cada un, xa que "o idioma é o máis humano que temos e non pode estar sometido ás leis". Para Barreiro, os premiados demostran "que a xuventude usa con paixón e capacidade a lingua galega" e que "posiblemente agora se estean facendo os mellores ensaios, poemas, etc. en galego de todos os tempos".

Candia avanzou que na primavera que vén vanse recoller os poemas destas 19 edicións e adiantou que a Fundación Álvaro Cunqueiro promove un certame de novela.

Comentarios