Primavera das Letras, o concurso escolar da RAG

Mondoñedo abre os actos das Letras Galegas cun festival poético musical

A lectura de poemas de novos creadores mestúrase coa lembranza dos escritores universais. Recitais, un tendedeiro de creación lírica e a homenaxe a Lence Santar, entre as actividades
Lectura pública de poemas na Praza da Catedral, en Mondoñedo.
photo_camera Lectura pública de poemas na Praza da Catedral, en Mondoñedo.

A poesía soou alto e claro polas empredadas rúas dunha cidade que respira literatura por todos os recunchos. Unha actividade coa que se pretende achegarlle a poesía á cidadanía e que este ano ten un significado especial, xa que é o acto que abre de maneira oficial a programación cultural do mes das Letras en Galicia. Unha cita singular co encanto de que só na cidade de Mondoñedo poden coincidir as voces dos poetas actuais cos sons das obras dos seus literatos máis universais, como Álvaro Cunqueiro, Leiras Pulpeiro, Noriega Varela o Díaz Jácome.

O colectivo Mondoñedo É impulsa esta cita, que conta co respaldo do Concello, a asociación As San Lucas e a Secretaría Xeral da Cultura. Inclúe un percorrido por toda a cidade, que arrancou na Praza do Concello, con paradas posteriores na Praza da Catedral e na Praza Jaime Cabot, para concluír no auditorio, onde a voz de xente como Manuel Rivas, Eva Veiga, Marta Dacosta, Miriam Ferradáns, Modesto Fraga, Montse González, Ana Vila, Antón de Guizán, Antón Fortes, Carmen Lage, Carmen Rodríguez, Daniel Irimia ou Eva García sumouse á música de Paloma Suances, que acompañou os versos.

Un auditorio que se encheu e entre os que non faltaron alumnos tanto do colexio como do instituto, que fixeron as súas propias creacións, que penduraban do tendedeiro de poesía instalado no recinto, onde tamén soaron as regueifas, como unha das chaves da poesía oral galega.

Entre os asistentes estaba o cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa, integrante tamén do colectivo Mondoñedo É, entidade promotora da homenaxe na tumba de Lence Santar, ao cumprirse este ano o centenario do seu nomeamento como cronista oficial da cidade, cargo que desempeñou ao longo de catro décadas, como recordaron durante o acto no día deste luns. Un festival da palabra, co que se busca potenciar os novos talentos coidando, e moito, todos aqueles recoñecidos escritores que se inspiraron na cidade para a composición das súas obras.

A alcaldesa, Elena Candia, acompañada doutros membros da corporación, seguiu de preto os actos, aos que se sumaron xente chegada de diversos puntos, pero tamén moitos participantes das festas das Quendas, en cuxo marco se celebra esta cita coas letras, que é xa un referente poético musical en Galicia.

Comentarios