Moncho Lemos: ''No son nada mitómano ni un talibán de la música de ahora''

Ameaza como un diluvio con asolagarnos cos seus coñecementos. Enciclopedia sen lombo, dálle saída a todo o seu caudal musical na Radio Galega a través de Fondos reservados. O cine tamén mana por el, en revistas e na TVG, pero, por favor, pide, non lle digan crítico, díganlle Moncho Lemos.

P. Haberá quen non coñeza o seu programa ‘Fondos reservados’. Fálenos del.
R. É un programa revival, de grandes éxitos dos 60, 70 e 80, o que chamariamos a serie ouro da historia da música. É un programa de nostalxia, cos temas que sempre estiveron aí, pero tamén postos en voces actuais. Eu digo ás veces: esas cancións que aínda non sabes que che encantan.

P. ¿Cando o clásico se fai clásico?
R. Clásico é un concepto sentimental, que depende das vivencias que cada un asocie a cada canción. Los Bravos, Bruno Lomas ou Nino Bravo, son indubidablemente clásicos, pero non teño complexos en recuperar a Pablo Abraira, Daniel Velázquez...

P. ¿Malia que algúns os vexan como artistas da prehistoria?
R. Si, e eu sempre levanto unha lanza a favor deles. Non teño ningún complexo en pór a Paloma San Basilio. Ela é como Whitney Houston ou Celine Dion, só que canta en castelán. Ou José Luis Perales; hai a quen lle dá vergoña dicir que o escoita e ten unhas cancións marabillosas. Hai unha anécdota moi boa con respecto a isto.

P. ¿Cal é?
R. Unha vez coincidiron en Colombia Gabriel García Márquez e Perales nun acto social e escritor contoulle que sentía admiración por el, por esa capacidade que tiña para contar historias con principio, nó e desenlance en só 3 minutos. Encantábanlle cancións como 'Un velero llamado libertad' e dicía que o envexaba porque a el lle levaba contar esas historias 100 páxinas.

P. Sempre rodeado de clásicos, ¿significa isto que non lle gusta a música que se fai agora?
R. Non. ¡Eu non son un talibán da música da actualidade!

P. Pois fagamos un exercicio futurista: ¿cales serían para vostede os clásicos dos 2030?
R. É difícil sabelo. En principio, seríano os que son a banda sonora dos que agora teñen 20 anos... Amy Winehouse sería sen dúbida un fondo reservado dos 2030.

P. ¿E vostede mitómano?
R. Para nada. Hai artistas dos que me gusta só unha canción.

P. ¿Tampouco do vinilo?
R. Por suposto que non. Defendo todos os formatos dixitais porque permitiron que a música estivese dispoñible para todos. Eu teño vinilos que soan a raios; hainos bos e malos, igual que os CDs, e non todo o mundo escoita música en equipos de 5.000 euros.

P. ¿E as novas tecnoloxías que lle dan a Fondos reservados?
R. Pois eu teño un blog, un Facebook do programa, Twitter... É incrible porque permite sumar oíntes desde fóra das ondas radiofónicas. A través do Podcast escóitannos en Cataluña, Andalucía, Madrid, Arxentina, Brasil... Compartimos oíntes con outros programas irmáns, como é o caso de El club del cocodrilo, en Cataluña. E agora son eles, os oíntes, os que che achegan cousas. O programa faise con eles, que che descubren novas cancións e grupos a través das novas tecnoloxías.

P. ¿Que música ten pensado desclasificar nas próximas datas?
R. O 19 de marzo faremos un programa de cancións que falan do pai. Logo sempre temos un programa que ten moito éxito, que é o de cancións con nome de muller. Normalmente facemos cousiñas ligadas coa actualidade. Agora que sae un disco conxunto de Sabina e Serrat, nós recuperamos cancións deles, desde a etapa de Sabina en La Mandrágora ata, por exemplo, un disco de Gino Paoli, que é o Mediterráneo de Serrat cantado en italiano.

“A crítica de cine non ten que sentar cátedra, senón dar pistas”

P. Paremos a música. É vostede crítico de cine...
R.Non, non. Eu prefiro dicir xornalista cinematográfico. O que fago é dar orientacións e pistas sobre a película. A min non me gusta a idea de crítico e esa é outra das cousas boas de internet: desmontou ese altar no que estaban algúns dos grandes popes cinco estrelas da crítica, capaces de ser totalmente parciais e cargarse películas estupendas para gabar outras absolutamente insufribles. Agora co submundo dos blogs é distinto...

P. ¿Como debe ser a crítica?
R. Máis que orientar os acólitos, ten que descubrir películas, autores, darlles visibilidade a algúns cineastas. Pero de aí a sentar cátedra....

P. Agora véñen os Goya e os Óscar, outra forma de sentar cátedra...
R. ¡A min non me interesan absolutamente nada! Enténdoos como unha necesidade da industria, tanto de Hollywood como da española, e recoñezo que os Goya axudaron moitas películas a ter visibilidade, como no caso de Pa negre, pero non participo desas bambalinas, desde glamour e de toda esa parvada que hai nestes premios.

P. ¿Que opina dos grandes festivais de cine?
R. Que na Concha ou o Oso de Ouro, por exemplo, as mellores películas non son sempre as que gañan. Ás veces hai que buscar nas seccións paralelas.

P. ¿Que películas recentes nos recomendaría?
R. Quedo con The artist e sigo reivindicando a figura de Kaurismaki coa súa última película, Le Havre, que, primeiro, é o seu título máis optimista e, segundo, acaba con aqueles que entendían que era un director minoritario e de festivais para os enteradiños.

P. Fálase ultimamente de que as series cada vez compiten máis en calidade coas películas. Por exemplo, as estadounidenses da HBO...
R. Si, pero hai un mito. É indubidable que na televisión hai agora unha conxunción de talento en canto á realización e aos guións, pero esas máximas de que o cine é prescindible e as series son magníficas son mentira. O que pasa é que nos últimos anos proliferaron as descargas e hai toda unha xeración que consume series porque son moito máis adictivas que o cine. Pero isto non quita que as haxa boas, como Mad Men ou Los Soprano, e tamén malas. É unha cuestión de formatos, perfectamente complementarios.

P. ¿Non cre que nas carteleiras dos grandes cines ás veces escasean as películas de calidade?
R. Si. Os grandes títulos do cine comercial adoitan ser moi malos. Pero nin todo o cine é o señor Tom Cruise nin todas as series son Mad Men ou Los Soprano. Non esquezamos que hai un montón de películas que son obras mestras e non teñen visibilidade.

"Non teño complexos en irme do cine se a película é unha tomadura de pelo"
P. ¿Marchou algunha vez do cine?
R. Nunca tiven ningún complexo en marchar da sala se unha película en media hora non me gusta e a considero unha perfecta tomadura de pelo. Hai moitas cousas que facer e non se pode perder o tempo. A última da que me levantei creo que foi a de Bela Tarr.

P. ¿Onde prefire ver cine, no sofá ou na butaca?
R. Depende das películas. Unha comedia de Pajares e Esteso, no sofá. Obviamente Melancolía, de Von Trier, hai que vela en pantalla grande.

P. Leva máis de 20 anos entre redaccións. Unha vez dixo que no xornalismo xa non hai tantos golfos e frikis como antes...
R. A min gústanme as redaccións con vida, que non parecen unha oficina de Bankinter. Agora todo o mundo está en silencio, diante do ordenador. Antes, un chegaba un co termo, viñan os amigos coas cervexas... Daquela, nos 80, chegamos a isto moitos que non sabiamos facer moito de nada e que eramos un pouco golfos e canallas. Pero claro, no momento en que a nota media para entrar en Xornalismo é dun 8 ou 8,5... ¡esa xente ten que chapar todo o día! Obviamente non pode ser unha carreira para tipos coma min, que chegamos a isto un pouco de casualidade e que nos gusta ser un pouco máis transgresores.

Comentarios