sábado. 29.01.2022 |
El tiempo
sábado. 29.01.2022
El tiempo

Moncho Borrajo: "As peores críticas que tiven foron ameazas de bombas"

Moncho Borrajo. EP
Moncho Borrajo. EP
O clásico do humor Moncho Borrajo celebra os 50 anos sobre as táboas e presenta un espectáculo dos seus mellores números e varias sorpresas no Teatro Cine Salesianos vigués

FACER RIR pode ser un oficio de alto risco se non sabes medir contra quen te enfrontas. Segundo o contexto, o inimigo a ridiculizar varía do político ao público ou o social. Todas estas ramas percorreunas en diferentes rexistros Moncho Borrajo (1949), a lenda do humor que sobreviviu á ditadura, a varios presidentes e non pensa en xubilarse da arte da risa.

Poucas persoas poden contar 50 anos en algo, salvo en estar vivo. E vostede lévaos na comedia, eido difícil.
Por levar, levo 51 e séntese como se fose onte o primeiro día. Foi en Valencia que comecei, estaba alí estudando, e fíxeno coa canción protesta universitaria. En galego e fóra de Galicia naqueles tempos! Cando empezaban os de Voces Ceibes en Santiago de Compostela, máis ou menos. Somos un país difícil, examinámonos moitos.

E podía exercer como tal pese á ditadura?
Sacabas un carné, un permiso de actuación. Eu fun ata Barcelona para facelo e había moitas categorías: caricatura, parella cómica, imitador, charlista...

Cinco décadas de resistencia. Da súa xeración quedan máis humoristas ca vostede?
Bueno, pois morreu Franco, morreu Suárez, foise Calvo Sotelo, foise Felipe e logo Aznar, logo deles Zapatero e Rajoy e queda este que está agora... Pois si, da miña xeración humoristas poucos! (Risas). Sigo aquí e debe quedar como moito Pedro Ruiz, pero non sei. Eu pertenzo a esa época transversal que aunaba a Eugenio con Gila e Maricarmen y sus muñecos ou Lina Morgan. Pero os grandes xa partiron. Ademais, o oficio estase perdendo.

Non lle gusta a comedia actual?
Veu a moda dos americanos, poñerse diante dun micro a contar cousas e nada máis. Ríome moito cando vexo a un destes monologuistas que pensan que inventaron algo. Iso xa o fixen eu ou Tony LeBlanc! Iso ten sentido nun bar, pero non nun teatro. Fun ver a un par de cómicos e vinos entrar no teatro coa mesma roupa coa que estaban na rúa. Que tristeza e falta de respecto! Tamén estas últimas películas de humor que andan facendo... Mira, non. Non funcionan, demasiado preparado, parece dos Estados Unidos.

Para este espectáculo de aniversario promete os seus mellores números e sorpresas. Un retorno aos clásicos?
Cincuenta anos non collen nun só espectáculo, iso vaia por diante. Hai menos política porque a xente está cansa, sae a todas horas en todos os xornais, e non imos seguir falando que si un ou outra ou Pablo Iglesias. Algunha cousa haberá porque a actualidade manda. Por exemplo, recupero o humor escatolóxico, tan de antes, e imito as películas do momento do cineclub, que si unha polaca ou unha chinesa. Eu non sei falar eses idiomas pero claro, esa é a graza. E remato co paiaso, esa manía que teño de facelo! (Ri).

"Veu a moda dos americanos, poñerse diante dun micro a contar cousas e nada máis"

E a xente volve con vostede a ese pasado, a esas risas de antes.
Son tantos anos de pobo en pobo e de vila en vila facéndoo... Se non valeu de nada para facer rir, a miña vida non serviu para nada.

Pero aínda con todo, coa carreira tan longa, afectaranlle as críticas. Recibe máis agora que antes?
Debemos rirnos de nós mesmos e dos nosos problemas, iso vaia sempre por diante. Estamos nun momento vital moi difícil, agora quéixase todo o mundo! Se contas un chiste de mulleres, véñenche as feministas. Fai pouco contei un chiste de maricóns e chamáronme homófobo! A min! Homófobo! É como chamarlle comunista a Franco. Hoxe coas redes sociais enseguida eres fascista. Eu nunca dixen a quen voto e levo toda a vida comendo hostias de ambas partes.

Pero antes das redes, nalgún momento, tería que saír por patas, aínda que fose na ditadura, non?
As peores críticas que tiven foron dúas ameazas de bomba, unha en San Sebastián e outra en Navarra, pero nunca presumín diso. Cousas desas pasan. Desaloxamos os teatros e nun dos chans había unha nota que dicía: "A ver qué dices". Outros aproveitáronse moito daquilo. "Me ataca Eta", dicían. Preferín non facelo.

Non todo sería malo, en cincuenta anos tamén tivo oco para loanzas e aplausos.
Ui, tantas! Tantísimas, esas son as que gardo con máis cariño. Algunha delas aínda me pon a pel de pita. Lembro unha estando eu no teatro de La Latina, achégase unha muller ao camerino e díxome que se podía tocarme a cara. Eu asusteime, pero deixeina. Logo de levar un anaco coas mans na cara, remata e díxenlle: "É vostede cega?". E respostou: "Non, pero en tres meses sereino e volverei ao teatro a velo a vostede, e quero saber como ten a cara". Ou aquela muller de Palencia á que axudei a saír dunha depresión que arrastraba de tempo e co meu humor empurrei para que mellorase. O seu marido díxome que a curara. Ou os pais que en Barcelona me quixeron traer o fillo, do que sospeitaban que era homosexual, para que falase con el e non lles saise unha loca.

Pero vostede tamén empregou o humor para loitar contra inxustizas e os do poder.
Mira eu, nun caso concreto para exemplificar, cando tiraron o Gran Teatro de Lugo, unha obra de art nouveau preciosa cunha acústica única, berreille a quen o tirou: "Quen tira un teatro é un terrorista cultural!". Aquilo custoume disgustos, e só foi un de tantos. Agora dame pena porque teño que ir ao matadoiro ese que está no quinto carallo, o auditorio, que nin acondicionado nin acústica.

Que leccións saca logo dunha fecunda carreira de cinco décadas para as novas xeracións?
A autenticidade é o primordial. Isto contoumo Miliki antes de descubrilo por min mesmo. Díxome: "Cuando ves a alguien genial es mejor no verlo más, porque intentarás imitarlo". Tamen é fundamental ser autor, traballar sen odio e aprender. E claro, nunca pensar que eres o máis gracioso de todos! (Risas).

Moncho Borrajo: "As peores críticas que tiven foron ameazas de bombas"
Comentarios