''Las mil primaveras de Cunqueiro hay que conquistarlas todos los días''

Víctor Fernández Freixanes (Foto: AGN)
photo_camera Víctor Fernández Freixanes (Foto: AGN)

Víctor F. Freixanes (Pontevedra, 1951) leva seis anos á fronte da editorial Galaxia, que este venres 25 de xullo recibirá a Medalla de Ouro de Galicia pola súa "contribución á cultura galega e a defensa dos intereses" da comunidade. Precisamente ese día, a editora cumprirá os 58 anos na cidade que a viu nacer coa vocación de recuperar o valor cultural da lingua galega na creación e transmisión do pensamento. Dende o seu primeiro libro publicado, Antífona da Cantiga de Ramón Cabanillas, en 1951, a hoxe, Galaxia conformou un catálogo cuns 2.500 títulos de máis de mil autores pertencentes a catro xeracións distintas.

Pregunta: Como acolle Galaxia a Medalla de Ouro de Galicia?

Resposta: Con moito honor. Somos conscientes de que é a máxima condecoración que concede o Goberno de Galicia e de que é o recoñecemento a unha historia entregada á cultura do país, ás liberdades e á afirmación da identidade e da modernidade da cultura galega. Para nós é a reafirmación dun compromiso co futuro.

P: Como afronta ese futuro a editorial?

R: Da mesma maneira que os fundadores enfrontaron unha situación histórica moi delicada, que é unha ditadura, e unha Galicia atrasada e humillada, e unha lingua desvalorada pola nova situación política, e intentaron construír un proxecto democrático, aberto, ambicioso e universal que empataba coas novas xeracións. Nós temos que facer un pouco o mesmo. Os novos desafíos son a globalización, a presenza da cultura galega na mundialización das culturas, as novas tecnoloxías e as novas linguaxes... Hai unha nova realidade que temos que ser capaces de afrontar, e niso traballamos.

P: O afán por situar Galicia no mundo xa entraba nos plans dos fundadores...

R: Cando Otero Pedrayo no ano 26 traduce e publica na revista Nós aqueles fragmentos do Ulises de Joyce, antes de que se traduzan a ningunha outra lingua da Península Ibérica, ou cando Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega traducen ao galego a Heidegger, por exemplo, están situando a lingua galega no ámbito da cultura universal, como unha lingua que se afirma nun país pero que aspira a dialogar coas culturas do mundo. O mesmo temos que facer hoxe, situarnos no espírito dos fundadores adaptado aos tempos, ás novas demandas e aos novos riscos.

P: Como ten mudado o papel da editora ao longo destes 58 anos?

R: A editorial nace como un proxecto cultural e político, de organizar o galeguismo para afirmar a identidade e proxectala con ese espírito universal, aberto e europeísta ás novas xeracións. Hoxe, grazas ao esforzo de Galaxia e doutros moitos que dedicaron a súa vida a esa causa, Galicia dispón dunha realidade de autogoberno, de recursos impensable daquela. Hoxe non ten sentido que Galaxia ocupe eses espazos, que xa están ocupados polas forzas políticas, pola representación do Parlamento... Pero a construción do galeguismo na sociedade civil, as posibilidades de difusión do discurso cultural dentro e fóra de Galicia, compete non só a Galaxia, porque afortunadamente a realidade de hoxe é plural e hai outras voces que participan nela, pero aspiramos a ser un dos motores activos dese futuro que nos parece ilusionante. As mil primaveras das que falaba Cunqueiro hai que conquistalas todos os días entre todos.

P: Cal foi o elemento clave para que Galaxia perdurase?

R: Creo que a tenacidade, a xenerosidade das persoas que a fundaron e que traballaron nela. Nestes 58 anos pasaron por Galaxia distintas persoas, con distintas responsabilidades, que foron construíndo un catálogo con moita coherencia, con moita firmeza, con lealdade aos seus propios principios. Tiñan un horizonte claro e non perderon o rumbo. Por iso gañou credibilidade no país, e convertiuse nun símbolo da modernización da cultura galega. E despois, creo que intentamos facer as cousas coa máxima profesionalidade, fidelidade a eses principios e con criterios modernos, competindo con calquera outra cultura.

Homenaxe de Galaxia a Ramón Piñeiro
P:
Algúns dos fundadores, como Isla Couto ou Del Riego continúan vencellados á editorial, en que medida marcan unha continuidade?

R: A súa colaboración é como asesores e temos unha relación moi boa, síntome moi apoiado por eles. Eles confiaron en nós e procuramos non decepcionalos. Temos unha relación moi fluída, moi de vella amizade.

P: Outro dos seus fundadores, Ramón Piñeiro, foi elixido para o Día das Letras 2009, como está a preparar Galaxia este acontecemento?

R: Que Ramón Piñeiro ía ser máis tarde ou máis cedo unha figura homenaxeada no Día das Letras Galegas era un feito, e non oculto que en Galaxia vimos traballando dende hai tempo arredor del. Agora saíron os dous primeiros volumes da Biblioteca de Autor Ramón Piñeiro, presentada por Henrique Monteagudo, e o próximo ano sairán non só outras obras como Filosofía da saudade, senón tamén inéditos de Ramón Piñeiro, que foi unha das sorpresas que nos atopamos traballando nestes últimos meses. Son reflexións, notas, pensamentos moi elaborados, que tivemos a oportunidade de organizar e lanzar.

Temos varios estudios sobre Ramón Piñeiro, e estamos preparando algún tomo da correspondencia, porque as cartas que mantivo con mozos e vellos, algúns exiliados, son pequenos ensaios sobre o galeguismo. É moi importante que a obra de Piñeiro e arredor de Piñeiro estea organizada e sistematizada, que se poida traballar con ela, para reflexionar sobre a dimensión desta figura, coas súas luces e sombras, que provocou o debate ao adoptar posicións novas dentro do galeguismo.

Creo que vai ser un ano moi rico en debate. Gustaríame que dende a Real Academia Galega, e existe esa intención, se orientase un congreso arredor da figura e das achegas de Ramón Piñeiro, un home cunha obra breve en canto a títulos, e que tivo unha enorme influencia sobre a vida cultural e política galega da segunda metade do século XX.

P: Vostede é o sucesor de Carlos Casares, que cambios percibe na editorial na súa etapa?

R: Eu síntome continuador dun río, do espírito de Galaxia. Cada director ten a súa personalidade, pero unha empresa editorial non é só unha persoa, aínda que o director poida orientar o rumbo estratéxico nun determinado momento. O resultado é do equipo, e eses equipos aliméntanse tamén da memoria do pasado e renovan o pasado. Cada etapa ten que actualizar a anterior, porque as realidades son distintas.

''No fondo a editorial non é unha fábrica de libros''
P:
Unha das funcións de Galaxia e dar a coñecer novos creadores, cales son hoxe os novos valores polos que aposta a editora?

R: Están no catálogo, non quixera esquecer ningún, pero hoxe hai xéneros novos, o mundo da literatura infantil e xuvenil, a literatura de xénero, o xornalismo, novos ensaístas, a irrupción da muller e das escritoras novas na literatura, o mundo dos ilustradores, hai novas xeracións de ivnestigadores formados nunha universidade moi distinta da dos anos 50 que achegan novas luces dende todos os ámbitos...

No fondo, a editorial non é unha fábrica de libros, senón un centro de xestión do coñecemento e da creación, e da súa difusión dende a sociedade civil. Neste senso, temos un acordo con Google para situar todos os fondos de Galaxia dixitalizados na rede, un proxecto de plataforma dixital no que estamos traballando, proxectos vencellados ao multimedia...Xa non é aquel proxecto con vocación política dos anos 50, pero seguimos facendo política no sentido en que xunto con outros, seguimos facendo país.

P: Vostede está vencellado ao mundo da edición dende o 88, como chegou a dedicarse a esta actividade?

R: Empecei moi novo nos medios de comunicación. Cando no ano 88 chamaron os compañeiros de Edicións Xerais de Galicia para asumir a dirección da editorial, que se atopaba nun momento de crise, dixen que si porque para min era un desafío. O libro e a edición é unha das industrias da cultura e da comunicación, que cada vez máis son vasos comunicantes. O que me interesou sempre foi o discurso da cultura dende a creación e despois dende a capacidade de difusión desa creación, que é contribuír a que a lingua siga viva.

P: Volverá publicar algo propio?

R: Eu sigo escribindo, pero publico pouco. Espero sacar en breve algunha cousa nova. O certo é que cando entras no mundo da edición, unha parte importante do teu traballo está en ler aos demais, en discutir cos demais os textos, axudar a melloralos... E o día ten 24 horas.

Comentarios