sábado. 21.05.2022 |
El tiempo
sábado. 21.05.2022
El tiempo

Miguel Martín: ''Buscamos la colaboración con todas las Administraciones''

(Foto:Otto)
(Foto:Otto)

A Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) botou a andar en xuño, co obxectivo de impulsar as empresas dedicadas á cultura. E non só de danza, teatro e música, como facía ata agora o defunto Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem), senón tamén do audiovisual, do libro e das artes plásticas. Segundo o director da axencia, Miguel Martín, os cambios serán máis perceptibles no 2009, con medidas para todos os sectores da cultura.

Pregunta: A Agadic asume máis competencias, e por tanto necesitará unha maquinaria de xestión maior, como vai medrar en canto a persoal, como se organizará todo o entramado?

Resposta: Non se está a pensar nun incremento grande do volume de persoal. Hai algún incremento de plantilla que ten que ver con competencias novas que se asumen, como pode ser co audiovisual, e logo o que imos facer é dotarnos dunha estrutura administrativa que ata agora non existía. A estrutura do persoal do Igaem era unha estrutura moi peculiar, onde había unha serie de contratos de alta dirección e logo todo era persoal laboral base. Era unha estrutura pouco adecuada para as competencias que había xa antes como Igaem e menos para as novas competencias que asume Agadic.

P: Un dos organismos existentes que se integrará será a Axencia Audiovisual Galega. Buscarán unha maior coordinación con outras administracións con competencias no audiovisual?

R: O noso plantexamento é sempre buscar a maior colaboración con todas as administracións e organismos cos que compartimos áreas de traballo. Así o facemos con Educación, con todo o que ten que ver coas artes escénicas e co sistema educativo, e con Industria, con todo o que ten que ver con innovación e desenvolvemento, con Economía e o Igape, co que temos diferentes liñas de colaboración... e así o faremos tamén con Presidencia, co que ata agora tiñamos menos áreas de colaboración, pero xa tiñamos algunha, por exemplo coa Secretaría Xeral de Emigración. Non debe haber ningún cambio nese sentido.

Unidades de creación
P: Como será a relación de Agadic co Centro Dramático, co Centro Coreográfico e coa Escola de Altos Estudos Musicais, ata agora dependentes do Igaem?

R: Na lei establécese unha adscripción provisional, é dicir, que nun futuro non moi lonxano deixarán de pertencer a Agadic, e entre tanto manterán unha relación moi similar á que mantiñan ata agora, porque o CDG, o CCG e a EAEM, dalgunha forma sempre tiveron un certo grao de autonomía na súa xestión e na súa toma de decisións, fundamentalmente no que ten que ver coa parte artística, e así seguirá no futuro, mentres permanezan dentro da estrutura da Agadic.

P: E despois pasará a depender da Consellería directamente?

R: Preferiría non precipitarme, anunciarase no seu momento por parte da Consellería de Cultura. O que si que é seguro é que a marcha de Agadic será para crecer en todos os casos.

P: Terán un papel máis como unha unidade de I+D ou de vínculo coa cultura de base?

R: Con cultura de base non necesariamente. O que teñen é que xogar é ese papel de buque insignia, de ser capaces de abordar aquelas producións de formatos que non son accesibles para a produción privada.

"O futuro depende dos axentes culturais, non de nós"
P: Outra das competencias que asumen ten que ver coas artes plásticas, que papel xogará a Axencia dentro deste sector?

R: Nós non asumimos tanto competencias sectoriais, senón que imos ter liñas de traballo de carácter transversal para calquera sector. Isto será un proceso progresivo pero que xa o ano que vén se verá na medida en que nós ampliemos o crédito cultura a todos os sectores económicos do mundo da cultura e as galerías de arte se poidan beneficiar dese programa ou dos programas de mellora da xestión empresarial ou de apoio á promoción nos mercados exteriores ou de calquera outra liña dirixida ás empresas culturais.

P: En cal dos sectores hai máis traballo adiantado en canto a desenvolvemento empresarial, e en cales queda máis camiño por andar?

R:
Uf! Hai sectores que teñen ao mellor unhas dinámicas empresariais máis propias polas súas características e estrutura, como pode ser o audiovisual, o editorial ou parte do sector da industria discográfica, porque precisan xente mesmo nas estruturas, mentres que hai outros sectores que poden vivir á marxe delas, onde o papel do creador ten un maior protagonismo, e onde o creador pode desenvolver por si mesmo todas as fases da cadea produtiva. Pero dentro de cada sector tamén hai situacións moi diversas e hai estruturas produtivas cunhas dinámicas moito máis avanzadas ca outras.

P: Que lles falta ás compañías e outras empresas culturais para funcionar cunha lóxica empresarial?

R: Creo que hai unha parte de cultura que é importante variar. Moitas veces hai xente que mira excesivamente a Administración, e o que hai que entender é que o papel da Administración é poñer a disposición dos sectores económicos entornos favorables pero que logo o futuro do sector está en man das empresas e das unidades produtivas de cada sector. Non se pode botar todas as culpas ou os méritos á Administración, senón que os éxitos e os fracasos de cada sector cultural dependen dos axentes implicados. Nós podemos crear entornos favorables pero logo o futuro depende de cada un dos axentes culturais, non de nós.

Medidas
P: Un dos obxectivos de Agadic será apoiar a exportación da cultura galega, de que ferramentas botarán man?

R: Imos apoiar as iniciativas das empresas. Ese é o traballo que xa estamos a facer dende hai un par de anos no plano das artes escénicas, e dende este ano no campo da música e con moi bos resultados. Dende que empezamos a incentivar a exportación para teatro e danza, no 2006, ata este ano, vaise triplicar a presenza exterior das producións escénicas galegas. Entendemos que os incentivos que se puxeron en marcha están funcionando e que esa ten que ser a liña. É unha liña que non vai tanto dirixida a unha titorización da presenza exterior da cultura galega, senón de incentivo e apoio ás iniciativas das propias empresas.

P: Como se están a implicar as caixas neste proceso?

R: Nós estamos satisfeitos co desenvolvemento que se está a dar, aínda que as veces nos gustaría que os ritmos fosen maiores do que son, pero agora temos unha relación moi satisfactoria con Caixa Galicia que está a colaborar con nós tanto no que fai referencia á produción institucional, como tivo un papel moi relevante na posta en marcha do Crédito Cultura, e o que esperamos é que esa relación vaia a máis e vaia crecendo co tempo. Iso depende tamén de nós, de demostrarlles ás caixas que somos un socio fiable.

Créditos vs subvencións
P: O Crédito Cultura é unha das primeiras iniciativas na liña de Agadic, como está a responder o sector ante esta posibilidade?

R: Pois eu creo que razoablemente ben. Non esperamos unha avalancha de solicitudes no primeiro ano, non era esa a nosa previsión, pero esperamos que sexa algo progresivo o acceso ao crédito bancario. Unha medida que ten incluso un compoñente de efectos sobre a cultura empresarial e sobre o sector maior que envergadura económica ou que peso a nivel de orzamentos que ten dentro do que é o antigo Igaem ou no conxunto da Consellería. Hai que darse conta que o Crédito Cultura tiña este ano un orzamento de 30.000 euros, dentro dun orzamento duns 9 millóns de euros do antigo Igaem; é un peso orzamentario pequeno e que ten un efecto sobre as dinámicas das empresas culturais importante.

P: Mirando cara Cataluña, co Instituto de Industrias Culturais, a proporción está nun 80 por cento de axudas directas, e un 20 por cento noutro tipo de apoios económicos, algúns reembolsables, buscarase acadar unha proporción similar en Galicia?

R: Si, eu creo que si, o que significa que as axudas directas van seguir crecendo nos próximos anos, pero ao lado das axudas directas van aparecer unha serie de instrumentos de novo cuño que van ter un crecemento orzamentario superior, e polo tanto o primeiro paso foi o Crédito Cultura, pero a nosa intención é que as axudas reintegrables estean en funcionamento o próximo ano, e que cada vez máis eses instrumentos sexan de uso máis difundido dentro do sector cultural.

P: Ao seu ver, son necesarias máis empresas culturais ou abonda con que as existentes se desenvolvan ou se renoven?

R: Creo que a Administración non ten que dicir cantas empresas ten que haber. Nós o que pensamos é que ten que haber moitas compañías capitalizadas, innovadoras e competitivas. O número que teña que haber dependerá das dinámicas do mercado. A nós o que nos interesa é que cada vez facturen máis, que cada vez teña o sector cultural galego maior presenza no exterior, que empresas e cantas dependerá das propias empresas. Nós non temos que intervir sobre estas cuestións.

"Non prevemos instalarnos na Cidade da Cultura"
P: En dez anos o Igaem quedou "vello", tamén a Agadic podería reformularse no mesmo prazo pola evolución do propio sector cultural?

R:
O que sucederá dentro de dez anos non o sabe ninguén, pero ao cambio non hai que terlle medo. Non se fan os cambios pensando en que ten que quedar para sempre.

P: Falando de mudanzas, mudaranse para a Cidade da Cultura?

R: Non é previsible. De todas formas, é difícil falar con tanta anticipación. Non entra dentro dos nosos plans mudarnos para a Cidade da Cultura, pero se no futuro alguén dispón que temos que estar alá, tampouco sucederá nada. É un magnífico lugar para traballar. De todos os xeitos, a dinámica de futuro da Cidade da Cultura non ten por que ir nin vai dirixida agora mesmo ao que ten que ver coas industrias culturais e con todo o que son as políticas de apoio ás empresas. A Cidade da Cultura ten un magnífico papel que xogar, pero un papel distinto ao que ten a Axencia Galega das Industrias Culturais. É un papel complementario, da mesma forma que o é a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. A Cidade da Cultura centrarase en todo o que ten que ver coa posta en valor do patrimonio, e vai ser un lugar de exhibición da nosa produción cultural e institucional e ten que xogar un papel importante no apoio aos novos creadores. E logo hai outra tarefa que facer que ten que ver con esa dimensión económica da cultura e é o papel que nos toca a nós.

Miguel Martín: ''Buscamos la colaboración con todas las...
Comentarios