Lunes. 27.05.2019 |
El tiempo
Lunes. 27.05.2019
El tiempo

Adolfo Domínguez: "Os meus personaxes falan como príncipes porque xa hai moito diálogo de besugos"

Adolfo Domínguez, en el parque Rosalía de Castro de Lugo. SEBAS SENANDE
Adolfo Domínguez, en el parque Rosalía de Castro de Lugo. SEBAS SENANDE

A proxección pública de Adolfo Domínguez (A Pobra de Trives, 1950) vén do seu traballo como modisto. Agora trata de compensala coa súa faciana de escritor

A novela de Adolfo Domínguez, Juan Griego, é singular. Está escrita en verso libre e sométea a un proceso de revisión continuado dende que se publicou por vez primeira en 1993.

Que fai un escritor dedicándose a deseñar moda?
Entendo que se equivoca, que a pregunta é que fai un deseñador metido a escritor.

Non. Vostede paréceme un lector que escribe e que, polas circunstancias, deseña roupa.
Son un lector sen dúbida e tamén escritor. Non o digo por márketing, para vender este libro. O autor tarda en nacer. Non escribe a primeira versión desta obra ata os 35 anos. Teño unha empresa. O traballo non me permitiu facer a novela ata os 35 anos, pero sempre escribín. Aproveitaba os tempos libres nos aeroportos e nos trens, sobre todo, durante a Transición, cando había folgas salvaxes de controladores e de pilotos. Cheguei a estar 48 horas no aeroporto de Palma de Mallorca. Escribo habitualmente. Levaba un diario ata que me aburrín de mirarme no espello.

De onde xurde a idea do libro?
Con 26 ou 27 anos vía as noticias sobre Arxentina na ditadura.

Por que Arxentina?
Cando era neno pensaba que Arxentina estaba moi cerca xeograficamente. Eu tiña familia en Bos Aires e México: seis tíos en Bos Aires e dous en México. Todas as semanas enviaban cartas que liamos e contestabamos. Non tiñamos correspondencia con outros sitios. Eu non sabía que Madrid era a capital de España, para min era Bos Aires. Hai outra cousa que me interesa: Arxentina estaba entre as cinco principais economías mundiais nos anos 50 e, en vinte anos, pasou a ser a 150ª.

Coñecía Arxentina cando escribiu esta obra?
Acabei o libro sen ir. Posteriormente estiven, pero en viaxes de traballo. Estaría uns quince días en total.

Escolle os anos que van de 1976 a 1982, o tempo máis cruel da ditadura.
Os anos duros son bos para os novelistas.

Sentíase atrapado no seminario de Ourense?
Non. Nunca. Non me sentía atrapado porque fun bibliotecario e cada libro é unha escaleira a outro libro. No seminario fun boy scout, futbolista e lector.

Marchou a París para estudar na Escola de Cine.
Comía e ceaba por 20 céntimos de franco. Que ben se portaba Francia cos estudantes! Pero París era moi caro e tiña traballos de tres horas. Empecei de porteiro de noite nun hotel. Como non durmía, non podía estudar. Deixeino para dedicarme á limpeza.

Por que escolleu cine?
Por Charlie Chaplin, Orson Welles, Fellini,...

Desculpe que o interrompa, pero non vou publicar un listado.
Pero se son soamente quince directores...

Sinto. Falemos da novela. Defínea como un "poema épico".
Interésame a mestura de lírica e épica, a pel contra pel. As circunstancias condicionan aos personaxes.

O seu protagonista, Juan Griego, avanza pola novela empuxado polas circunstancias.
O meu personaxe está intentando entender e entenderse. A acción é un pretexto para pensar. A reflexión está nos diálogos. O editor Manuel Bragado dixo que os meus personaxes falan como príncipes. Xa hai moito diálogo de besugos.

Juan Griego ten unha relación estable con Sofía; pero ama a outra,  Tiziana.
Vive agarrado a un corpo de muller. Quere entender, esa é a esencia da novela. Juan Griego é un individuo que trata de sobrevivir. Sucédenlle as cousas e vai adaptándose a elas.

Acepta a Sofía sen cuestionala.
Coñece os límites e fai o que pode. Non hai un relato bíblico nin mítico. Para el, o relato da ciencia é o relato. As respostas de Juan Griego quítoas da física. O tempo é un espellismo, non existe. A liberdade é a matemática do que non chegou. Se coñecésemos as circunstancias todas dun feito poderíamos saber como se vai desenvolver. Os científicos son deterministas, eu tamén.

O protagonista sométese a operacións de cirurxía estética para escapar de si mesmo?
Ten que escapar da súa vida porque ten historia. Arrepíntese de ter torturado, pero non do resto.

É determinista.
A física é a súa relixión.

"Na biblioteca do seminario de Ourense lin moita novela de aventuras... tamén a Darwin"
O NOVELISTA recoñece o peso da literatura grega clásica na escrita da súa primeira obra.
Homero é unha sombra que se proxecta en Juan Griego. 
Lin moito a poucos, moitos libros de poucos autores. Shakespeare, El Quijote, Juan Rulfo, San Juan 
de la Cruz,...  A Homero estudeino durante tres anos. Eran uns plans de estudo moi interesantes, dedicabamos varios cursos a un autor. Tamén estudei a Azorín, que é o meu mestre de estilo; lino menos que a Shakespeare. Lin moito a Freud. Son un lector canónico.

Esas lecturas veñen marcadas porque con 11 anos era bibliotecario no seminario de Ourense?
Si, non tiñan máis que canon. Os libros do seminario eran canónicos. Daquela lin moita novela de aventuras: Stevenson, Tom Sawyer,... tamén lin a Darwin.  Facía lecturas variadas, pero todas provocadas por un profesor que me ía indicando. Shakespeare absorbeume. Como se pode ler a un dramaturgo español despois de ler a Shakespeare? Nin a Lope nin sequera a Calderón.

Que ten Shakespeare? Ten todo. É Deus na Terra. Por detrás poño El Quijote e,despois, a Stendhal e Juan Rulfo, ‘Guerra e paz’ de Tolstoi,... A poesía de San Juan de la Cruz hipnotizoume. É como Mozart ou Callas. Poño a Newton e Einstein xunto a eles, con Galileo ao carón.

Adolfo Domínguez: "Os meus personaxes falan como príncipes porque...
Comentarios