"O meu pai nunca me falou de que estivera na guerra en Mozambique"

A lusa Patricia Barbosa expón en Lugo as imaxes de 'Proff', premio Galicia de Fotografía
Patricia Barbosa, na sala de exposicións da Deputación. XESÚS PONTE
photo_camera Patricia Barbosa, na sala de exposicións da Deputación. XESÚS PONTE

Patricia Barbosa vive emocións a través das fotografías. Vén de gañar o premio Galicia de Fotografía Contemporánea coa serie Proff cunhas imaxes que son consecuencia da inquietude que lle provocou que o seu pai participase na Guerra Colonial portuguesa, o proceso de independentismo das posesións fóra da Península que acompañou o declive da ditadura de Salazar entre 1961 e 1974.

A artista atopou na casa de Braga un álbum de lembranzas nas que descubriu un home distinto ao seu pai, pero que tamén era o pai. Era novo e soldado. Estaba en sitios solleiros, rodeados de exotismo. "O meu pai nunca me falou de que estivera na guerra en Mozambique", lamenta.

A partir dese espanto e desa revelación empezou a reconstruír esa experiencia, ampliando o foco a outros exmilitares de Braga, Porto e Melgaço. Entrevistouse con varios, fotografounos, conseguiu mapas, aerogramas e recurtes de prensa para acabar por asumir que o tema era un cadáver sobre o que ninguén quería falar.

O comisario da mostra que se abriu onte na Deputación de Lugo, Vítor Nieves, indica que as "montañas" de corpos de negros mortos en África pasaron por ser en Portugal "unhas vacacións nun país exótico duns mozos que tomaban cervexa". Detalla Barbosa que "as fotografías que mandan a Portugal para as nais e as namoradas son fotonovelas feitas nun escenario de guerra" que nunca trasloce. As imaxes "son moi performativas, amosan brindis, baños na praia, amigos indíxenas e crianzas negras".

Patricia Barbosa retratou a eses homes corenta anos máis tarde para o certame que organizan a Conselleira de Cultura e a Área provincial de Cultura. Aceptaron posar, pero non falar.

Comentarios