Os Mestre Mateo premian a Pepe e Jorge Coira por 'Rapa' e 'O corpo aberto'

Valorouse a promoción exterior de Galicia e a sustentabilidade dos proxectos
Pepe e Jorge Coira. EP
photo_camera Pepe e Jorge Coira. EP

Os irmáns Pepe e Jorge Coira foron premiados este sábado por partida dobre, a través da súa serie Rapa e da súa produción O corpo aberto de Ángeles Huerta, no acto previo á gala dos Mestre Mateo que terá lugar o día 11. Rapa ten por guionista a Pepe Coira e por director a Jorge Coira. Ambos son produtores de O corpo aberto.

O premio Galicia Calidade pola promoción exterior recaeu en Rapa, unha produción que mostra "espectaculares paisaxes das Rías Altas" e que foi recoñecida pola crítica e polo público. Parte con 19 candidaturas finalistas nesta XXI edición dos premios Mestre Mateo.

O premio ao Impulso da Sustentabilidade foi para O corpo aberto polo coidado "no impacto ambiental nos diversos procesos que rodearon á película". A cinta de Ángeles Huerta é unha das favoritas, con 16 candidaturas.

Tamén foi premiada Valentina, unha longametraxe de debuxos animados coa voz protagonista da actriz lucense Lucía Serén. Levou o Premio Deleite á promoción da lingua galega "por apostar pola versión orixinal en galego nunha ilusionante historia dirixida ao público infantil".

A maiores, a curta A entrega, de Pedro Díaz, recibiu un premio á produción "máis inspiradora" ao poñer o foco "na urxencia de loitar contra o illamento e a incomunicación" revelando a importancia e o poder transformador dos pequenos xestos cotiáns.

Este traballo de Pedro Díaz foi finalista na categoría de mellor curtametraxe na pasada edición dos premios Goya do cinema español e seleccionada en festivais internacionais.

A entrega dos premios especiais concluíu co anuncio da Deputación de Ourense da película gañadora do premio Ourense Film Commission, O home e o can.

A trama fai unha chamada "sobre o baleiro humano do territorio e a soidade dos maiores" con imaxes que foron rodadas principalmente na cidade de Ourense, así como en San Cibrao das Viñas, e na bisbarras de Manzaneda e Cea.

O acto contou coa presenza da alcaldesa de Allariz, María Cristina Cid; de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta (Agadic); da deputada de Cultura de Ourense, Patricia Torres; de Susana Ramos, secretaria da Ourense Film Commission, e máis do representante de Abanca, Sergio Martínez Aoiz.

Comentarios