Martes. 11.12.2018 |
El tiempo
Martes. 11.12.2018
El tiempo

Mero: "Separámonos Mini e eu tras 56 anos de amizade"

Mini e Mero, nunha actuación. AEP
Mini e Mero, nunha actuación. AEP

O músico de Vilalba confirma a disolución do lonxevo dúo por "diferenzas persoais" ►Mini recoñece "un desencontro" co seu compañeiro, pero di estar nunha pausa" ►"Son moitos anos e xa non teño a ilusión que tiña", confesa o deputado galego

"Alá foi outro soño", lamentaba este martes Mero mentres cabeceaba con tristeza para confirmar que se disolvera o indisoluble, "56 anos de amizade" e 46 de compartir proxectos musicais. Mini e Mero pasaron a ser Mini, por unha banda, e Mero, pola outra, "por diferenzas persoais".

Non trascendeu porque Baldomero Iglesias (Vilalba, 1951) ergueu un muro con discrección e respecto cara a Xosé Luis Rivas, Mini (Begonte, 1951).

Mero acepta unicamente poñer data á orixe do seu distanciamento, aínda que é case imposible concretar cando comeza o desgaste dunha amizade. "Comezou a suceder hai tres ou catro anos, e tomamos a decisión hai ano e medio", sinala. A derradeira actuación xuntos animou a Feira Medieval do San Froilán do ano pasado o día 13 de outubro.

"Non ten nada que ver coa política", adianta Mero antes de que se lle presente a pregunta. "Eu son nacionalista, pero moi crítico co Bloque e En Marea". Cita ambas as formacións do seu espectro político para negar as sospeitas de que puidera estar cerca do partido instrumental e oposto, por tanto, ao BNG, onde milita Mini, quen foi alcalde de Boimorto e é deputado no Parlamento galego pola formación.

O músico vilalbés asegura que "non o esperaba", pero non nega que Mini xa lle advertira de que sentía "cansanzo" da súa carreira musical, que lle supoñía longas xiras por Galicia cada ano, "con días de dobrete e mesmo triplete. Foi mentres pintou".

Mini é menos drástico para marcar un final. Recoñece que existiu "un desencontro" con Mero, pero de seguida delimita o que está disposto a falar do asunto: "É unha cuestión persoal".

O deputado indica que está "nun impás ou, como se di agora, nun stand by coa música". O cantante de Begonte negou solidamente ter renunciado aos escenarios. "Son moitos anos e xa non teño a ilusión que tiña, pero estou en activo coa idade e a experiencia que teño", matizou antes de expoñer que a súa tarefa política non lle permite "dedicar á música o tempo que debería".

Mini ordenou as súas prioridades deixando que a súa "carreira foi o ensino e xa a acabei", que leva uns anos en política "porque era un momento difícil para o nacionalismo" e que cesou na música "con Fuxan Os Ventos", aínda que volveu con Mero en A Quenlla, "porque segue estando dentro unha necesidade de expresión".

BALONCESTO. A relación arrinca en 1961, cando ambos os dous chegan a Lugo para estudar no, por entón, Instituto Masculino. Daquela Mero prendeu na música, na que xa estaba Mini, quen daquela "tocaba música suramericana". Compraron instrumentos, pero os seus soños daquela eran pop e querían ser como os lucense Los Alessandi.

Foi o tempo da "revolta da recuperación da lingua", na que os guiou o seu entón profesor Xesús Alonso Montero. "Fomos posiciaciándonos e deunos por cantar en galego", sinala Mero, que tamén destaca que "Xesús Mato nos falou de música tradicional".

Ambos os músicos forman o xerme do que sería Fuxan Os Ventos en 1972. Súmanselles outros músicos para debutaren nas San Lucas de Mondoñedo.

O primeiro desencanto artístico de Mero produciuse en 1983, cando el e máis Mini se inclinan "por unha liña máis combativa" que a defendida polo resto e marchan. Forman A Quenlla en 1984.

A nova formación está integrada por unha cifra variable de 8 a 10 integrantes, pero os traballos de cada quen impiden que se despracen a concertos, polo que se consolida o dúo Mini e Mero.

Mero continúa hoxendía escribindo música. Está traballando cun grupo nun proxecto de catro cedés que será "unha enciclopedia de autores musicados", cunha selección de autores consagrados e outros descoñecidos.

A maiores, mantén a escrita de poesía. Onte presentou en Lugo No perfil das verbas, onde escribe: "Caerán as pontes,/ os ríos seguirán fluíndo ao mar".

Mero: "Separámonos Mini e eu tras 56 anos de amizade"
Comentarios