Mercedes Peón e Quempallou no Festival do Morrazo

O XXIII Festival Intercéltico do Morrazo (Moaña, 3, 4 e 5 de agosto) contará na edición deste ano coa música de artistas como Mercedes Peón, Xochimilca ou o grupo de folk vasco 'Oskorri'. Así o deu a coñecer esta mañá o concelleiro de Cultura de Moaña, Diego Riobó, durante a presentación do cartel do evento.

Durante os tres días que durará o festival, actuarán en Moaña grupos como 'Blima', 'Serra-lhe aí!!!' e 'Korrontzi' (venres 3 de agosto), 'Pé de Boi', 'Quempallou' e Mercedes Peón (o venres 5 de agosto), mentres que o domingo 5 pecharán 'Xochilmica' e 'Oskorri'.

Non obstante, as actividades vencelladas ao Festival Intercéltico comezarán a partir do vindeiro luns, 30 de xullo, e incluirán obradoiros, teatro, danza e pasarrúas, entre outras iniciativas. Cómpre sinalar que todas serán de balde, incluídos os concertos.

O proxecto foi impulsado pola Concellería de Cultura de Moaña e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, o Xacobeo, Caixanova e a Deputación provincial de Pontevedra. Segundo  datos faciltados pola organización conta cun orzamento de 100.000 euros.

Contacontos, teatro, pasarrúas e malabares
Dende a produtora Saraiba, Juan José de la Torre, ‘Jota’, desglosou o amplo programa de actividades que inclúe o XXIII Festival Intercéltico do Morrazo e que aporta “unha oferta multidisciplinar que non se cingue a unha ubicación escénica única”.

Tralos obradoiros, o xoves 2 realizarase ás 20.30 horas unha actividade de contacontos con 'As Pekanecas', na librería 'O Pontillón'. Unha hora máis tarde terá lugar a primeira actuación musical da semana, protagonizada polo trío 'Mala-Herba', para ir abrindo boca de cara aos tres grandes concertos.

O venres día 3, 'Codia e Miolo' ofrecerán unha sesión de teatro ás 21.30 horas diante do paseo marítimo, antes dos concertos. Na xornada seguinte, o sábado 4, os pasarrúas darán comezo ás 11.30 horas coa charanga de 'Lembranzas da Ría', e ás 20.30 horas actuarán 'Os Chaneiros' de Marín nas pistas da praza. Antes dos directos, realizarase un espectáculo de malabares.

A banda de gaitas 'Tromentelo', de Cangas, vaise encargar do pasarrúas matinal o domingo 5, e ás oito da tarde as agrupacións 'Breogán', de Moaña, e 'Rosalía de Castro', de Padrón, protagonizarán senllas actuacións de baile tradicional nas pistas da praza.

Posteriormente, os malabares e o teatro volverán ás 21 horas no contorno do paseo marítimo, para pechar coa última xornada de concertos.

Comentarios