Méndez Ferrín presenta en Celanova o I Caderno Arraiano

A Fundación Curros Enríquez ofrece cinco propostas artístico-literarias para rematar o mes de agosto e comezar o mes de setembro, que terán como protagonistas a Virxilio, Manuel Lourenzo, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Luís Méndez Ferrín e Curros Enríquez.

Maña presentarase ás 12 horas na Casa dos Poetas, en Celanova, o I Caderno arraiano sobre solidariedade, represión e resistencia antifranquista na Raia Seca, publicada pola Asociación Cultural Arraianos, que contará coa presenza do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín. Será o primeiro dunha serie que complementará á revista Arraianos.

Setembro comezará coa inauguración da mostra do pintor Virxilio, Xistos, precisamente o sábado día 1 ás 12 horas, para permanecer aberta ao longo de todo o mes.

Virxilio, galardoado na anterior edición do Premio 'Celanova, Casa dos Poetas' encherá de arte a casa natal de Curros para o acto de entrega do XXIII Premio Celanova ao escritor Manuel Lourenzo.

O acto desenvolverase como cada ano o primeiro domingo de setembro en homenaxe ao 28 aniversario da morte de Celso Emilio Ferreiro. Lourenzo será homenaxeado polo seu labor a prol do teatro galego, cunha laudatio do escritor Henrique Rabuñal.

Por último, os días 7 e 13 de setembro, a Casa dos Poetas acollerá dous recitais. O primeiro deles, basearase en textos de Xosé Luís Méndez Ferrín, para celebrar o seu aniversario, mentres que no segundo se lerán obras de Curros e outros autores sobre a emigración, baixo o título A palabra que trae o vento, para celebrar o día de nacemento de Curros Enríquez, o poeta da Casa dos Poetas.

Comentarios