Méndez Ferrín: o ¿nepotismo? ilustrado

“Académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que non tiña sitio na Academia”. Con esta afirmación pechou Xosé Luis Méndez Ferrín (Ourense, 1938) a súa etapa de tres anos como presidente da Real Academia Galega (RAG) e como membro numerario da institución. Foi un punto e final que colleu a todo o mundo –ou case– por sorpresa e que abre as portas a unha nova etapa na cultura galega. Unha etapa que se presenta movidiña. 

Méndez Ferrín escolleu unha breve comunicación para despedirse agradecendo a todos os que lle axudaron na súa etapa na RAG, cun especial recoñecemento para Xosé Luis Axeitos, o secretario. Con todo, o poeta mandou tamén irónicas “beizóns” a aqueles que lle moveron a cadeira, alimentando a teoría dunha conspiración que agora mantén patas arriba o mundo das letras en Galicia, que quedou dividido entre os que o apoian e os que lle atacan.
Entre os primeiros estaría o académico lucense Darío Xohán Cabana, o primeiro en saír á palestra para atribuír a renuncia do presidente a “unha campaña brutal” orquestrada desde a “extrema dereita madrileña” para “derrubar” a cabeza da RAG. “Son intereses da dereita e dalgún sector da esquerda”, engadiu.

Tamén Xosé Luis Axeitos, secretario da RAG, acusou publicamente o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Instituto da Lingua Galega (ILGA) de “colonizar a Academia” e de intentar que esta recuase na súa intención de recorrer o decreto do plurilingüismo promovido pola Xunta do PP. Académicos e a Asociación de Escritores en Lingua Galega  pediron días atrás que reconsiderase a súa decisión de marchar.

Pero o certo é que a poucos se lles escapa que o adeus de Méndez Ferrín está relacionado coas acusacións de nepotismo xurdidas nos últimos tempos: a presenza da súa filla e do xenro como empregados a soldo da RAG –que se financia con cartos públicos–. A esas acusacións sumáronse as das súas viaxes diarias con chofer en coche de alta gama desde A Coruña, onde traballa,  a Vigo, onde el reside. E por  último, trascendeu que outros cargos da institución –en concreto o secretario e o tesoureiro– tamén tiñan os fillos enchufados na Real Academia.

Coa sombra dun presunto caso de nepotismo ilustrado, a presión sobre Méndez Ferrín s foi medrando nos últimos meses e o seu silencio ao respecto non fixo máis que alimentar as sospeitas, que pasaron de ser un ruxerruxe do exterior a coarse dentro da propia casa das letras. Primeiro, cun grupo de académicos pedíndolle explicacións sobre os contratos dos familiares; despois, reclamando coñecer máis polo miúdo as contas da RAG, sobre todo en tempos de crise económica, onde o investimento de cada euro debe axustarse.

Neste contexto empezaron a soar voces pedindo máis transparencia na RAG. O académico Henrique Monteagudo recoñeceu certo “malestar” pola falta de información sobre os contratos dos parentes de Méndez Ferrín e lamentou que non se “renderan contas” antes, na mesma liña que se expresaron Víctor Freixanes ou Salvador García Bodaño, entre outros.

Agora, unha das voces máis autorizadas da academia, a do escritor coruñés Manuel Rivas, entrou en escea para mediar entre uns e outros. Para iso, fixo un chamamento á “unidade” para salvar a “pequena tempestade” que atravesa a RAG. Rivas opinaque a RAG é “unha referencia moi importante para a cultura deste país” e que a súa función “central é a defensa da cultura galega”, polo que ve esencial poñer “por diante os intereses do país”. “Débese facer un esforzo de superación” sinalou, antes de negar que existan problemas que supoñan “a exclusión de ninguén”. 

De non conseguir este obxectivo de unidade e en caso de enquistarse máis esta “división” ou constatarse unha “loita de poder” interna, Manuel Rivas ten claro cal será o seu próximo paso: coller a porta. E así o deixou ver.

Comentarios