sábado. 31.07.2021 |
El tiempo
sábado. 31.07.2021
El tiempo

Memorias de rock and roll

undefined
Un concerto do Resurrection Fest, en Viveiro. AEP
Un roqueiro coñécese pola súa colección de entradas. Cada unha ten detrás unha aventura. A música vaise co vento, pero o seu recordo permanece.

Poucas cousas hai no mundo que movan máis xente que o rock. Algo ten esa música que provoca febre, desperta paixóns e consegue incluso que as masas se movan ao compás. 

O 13 de xullo celébrase o Día Mundial do Rock, pero calquera momento é bo para deixarse envolver polo seu latexo. Diso saben o Señor Blas, Óscar Santiso, Ezequiel López, Chus Rodríguez e Alejandro Losada, que non perden unha oportunidade de escoitar música, de desfrutala e de compartila. 

Señor Blas

SEÑOR BLAS. O Señor Blas conta por milleiros os discos que hai na súa casa, aínda que non sabe exactamente cantos ten. Tamén perdeu a conta dos concertos aos que asistiu, repletos de momentos especiais, de vida. 

Se ten que escoller un, queda co "Concierto de los Mil Años, en el estadio de Riazor en 1993. Fue muy especial, no solo porque tocaba gente muy buena, sino porque yo era muy joven, estaba estudiando en Santiago y fui con la sensación de ser mayor e ir a un festival con todos mis ídolos. Fue la primera vez que vi a Bob Dylan y el mejor concierto de Neil Young que vi en mi vida. Fui a tres, pero ese fue el mejor. Ese día tronó A Coruña". 

Tronos e lóstregos, pois en tres días de festival pasaron polo escenario de Riazor, ademais de Dylan e Young, Sting, Chris Isaak, George Benson, The Kinks, Robert Plant, John Mayall, Eric Burdon, Bo Diddley, Wilson Pickett, Jerry Lee Lewis e Chuck Berry. 

"Tuve que ganarme el dinero para comprar la entrada haciendo algún trabajillo antes porque en los tiempos de estudiante no tenía un duro". Foi un bo investimento, a xulgar polo pouso que deixou nos seus recordos. 

Desde entón non parou de buscar a ocasión para escoitar música en vivo. Está desexando volver tras o compás de espera imposto pola pandemia. "Hace dos años del último concierto, fue en Londres y curiosamente también tocaban Bob Dylan y Neil Young. No fue lo mismo. Había un ambiente fantástico, pero el sonido era peor. No creo que vuelva a verlos juntos". 

Señor Blas ía camiño de Londres para escoitar a Elvis Costello cando pecharon as fronteiras

O Señor Blas lembra con pena un "concierto frustrado" polo covid- 19. "La semana que nos confinaron yo estaba en Madrid, de camino hacia Londres para ver a Elvis Costello. Ya no completé el viaje. Después le escribí y le conté la historia, pero no me contestó. El concierto llegó a celebrarse, pero con el teatro a medias". 

Di que Elvis Costello é unha das súas materias pendentes, pero non a única. Tom Waits é outra. "Nunca consigo entrada, ya he asumido que tendré que ir a Estados Unidos para verlo. En Europa da pocos conciertos y las entradas son pocas y caras. He estado incluso a las seis de la mañana delante del ordenador esperando a la apertura de taquilla, pero ya inician la venta con todo agotado". 

O Señor Blas viviu durante un tempo en Oporto e alí tivo ocasión de ir a moitos concertos. "Es una ciudad con una gran cultura musical". Ao regresar a Lugo botaba de menos esa actividade e empezou a organizar o Festiblás, para provocar o encontro cos músicos que lle gustan. 

Tras o parón pola pandemia, di que o Festiblás volverá a Lugo, aínda que non sabe cando. "Este año no lo veo claro, no es el momento, todavía no las tengo todas conmigo" en canto a seguridade sanitaria. "Para que el festival no sea una ruina necesita público y ahora no se puede abarrotar una sala. Cuando se llena el Clavicémbalo, con suerte empato, y si hay que restringir el aforo no cubro gastos. No quiero regatear con los músicos ni ofrecerles pagos insultantes". 

Pero a súa afección é tal que non deixa de darlle voltas á cabeza para conseguir un concerto. "A lo mejor al aire libre se puede hacer algo en Lugo antes de que termine el verano". Se o Señor Blas o di, é certo. 

Óscar Santiso e o seu fillo ÍkerÓSCAR SANTISO. Afirma que lle gusta "todo tipo de música, excepto algunhas cousas que non se poden considerar música", pero confesa que ten "paixón por Bruce Springsteen". 

Estivo nos últimos 29 concertos que The Boss deu en España, en todos, incluso cando repetiu dous días seguidos nalguna cidade. 

O primeiro encontro cara a cara de Santiso e Springsteen foi no Palau Sant Jordi de Barcelona. "Foi insuperable. Este home tiña que ser estudado nas escolas coma Mozart", asegura o fan lucense. 

Óscar Santiso estivo á beira do infarto cando o seu fillo de tres anos cantou no colo de Springsteen

Os seus fillos Íker e Iñaki acompañárono nalgunha ocasión. No ano 2012, cando Íker tiña tres anos, levouno a San Sebastián. Springsteen viuno entre o público, fíxolle un xesto e o neno correu cara a el para cantar Waiting on a sunny day no colo do músico. O seu pai aínda se emociona cando lembra ese momento. "Springsteen recoñeceu despois que o neno o deixou fóra de xogo. Mandou parar a banda para que cantara e o estadio veuse abaixo". 

Santiso nunca falou con Springsteen, pero sabe que lle gustou moito que un neno tan pequeno e de fala non inglesa soubese as súas lebras con tal perfección. "Despois chamáronnos para ter un encontro con el, pero ao final non foi posible por falta de tempo. No seguinte concerto, en Xixón, puiden entrar na zona VIP. Preocupouse de que eu tivese un trato especial, é moi coidadoso cos seus fans".

A pandemia tamén condicionou o traballo de The Boss, que tivo que aprazar a súa xira. Santiso está moi atento para non perder o próximo concerto que dea en España. "Vou a onde sexa. Se non teño diñeiro pídoo, se traballo ese día perdo de traballar, pero vou", asegura con rotundidade este fan lucense. 

Admira de Springsteen "a súa forma de ser. Leva desde neno coa mesma banda, son multimillonarios e seguen co mesmo bo rollo no escenario. Ninguén é perfecto, pero as súas vidas están ordenadas, transmiten saber vivir, tranquilidade, paixón. É imposible estar cabreado en canto empezan a tocar. Sacan o mellor de min", explica con convencemento. 

Ezequiel OrolEZEQUIEL OROL. Ezequiel Orol leva moitos anos traballando como músico e técnico de son por todo o mundo, "menos Australia", o que lle ten dado a oportunidade de coñecer infinidade de grupos e de escoitar todo tipo de estilos. Conta por centos as anécdotas e resúltalle difícil escoller un concerto entre todos os que ten vivido. 

Recorda entre risas un de Siniestro Total e outros grupos en Madrid. "Era na Praza das Ventas. Eu estaba en Madrid, non lembro por que motivo, e Segundo Grandío, o baixista, díxome que fora. Cando rematou o concerto achegueime ata a entrada dos camerinos e preguntei por el. Mentres o ían avisar, esperei na porta. Chegou entón Joan Manuel Serrat e, como eu son grande, confundiume cun vixiante de seguridade. Preguntoume se podía pasar e díxenlle que por suposto. Pensei que Serrat tiña suficiente entidade para entrar onde quixera e deixeille". 

Como todo melómano, ten algunha espiña cravada. "Son moi fan de Dr. John, un músico de Nova Orleans que morreu hai dous anos. Unha vez que fun tocar con Mercedes Peón a Glasgow vin que había un concerto seu dentro do mesmo festival e tiven unha alegría inmensa porque pensei que por fin podería velo. A felicidade durou pouco porque o concerto era o mesmo día e á mesma hora que o noso, pero noutro lugar". 

E aínda houbo un segundo intento. "Noutra ocasión quixen ir velo a Londres e non conseguín entrada. Despois souben que ese día tocou con Hugh Laurie, o actor protagonista da serie House, e aínda me deu máis rabia». 

Pero Orol asegura que non hai que ir moi lonxe para escoitar música de gran calidade, só hai que estar atentos e dispostos. "No último Festival de Jazz de Lugo tiven o enorme pracer de escoitar un dos mellores guitarristas actuais, o brasileiro Yamandú Costa, e o día anterior ao portugués Salvador Sobral"

Ezequiel Orol goza buscando talentos musicais ocultos, coma o de Miche Fambro

Desfruta co pracer de rebuscar entre o "incrible talento incomprendido que hai polo mundo". Cita como exemplo a Miche Fambro, un guitarrista ao que Orol seguiu ata o momento da súa morte. "Vivía en Nova York e traballaba nunha tenda de música. Daba concertos locais, nunca deu o salto aos grandes circuítos, pero era un auténtico xenio, cunha técnica persoal impresionante. Era zurdo e aprendeu a tocar cunha guitarra de destro, sen cambiarlle as cordas de lugar. Tiña un talento desbordante, fóra do normal". 

Chus RodríguezCHUS RODRÍGUEZ. Se non ten concertos, organízaos. Esta lucense escribiu durante un tempo crónicas para Mundo Sonoro, polo que tivo oportunidade de escoitar todo tipo de grupos e estilos. "Era por amor á arte, así que non cobraba, pero tiña unha razón máis para ir a moitos concertos". E para achegalos á súa casa, Chus Rodríguez e outros amigos fundaron o Teleclube de Lugo, con intención de dinamizar a actividade cultural e, entre outras propostas, programar actuacións musicais

A Chus Rodríguez cústalle elixir un concerto especial entre todos os que ten estado. A súa memoria está marcada polo primeiro gran festival ao que asistiu. "O Santirock do ano 2000, no Monte do Gozo. Daquela estudaba en Santiago e acollín unhas 15 persoas no meu piso para que puideran asistir. Foron tres días moi intensos". Polo escenario pasaron grupos como Salty Walter, Bandell Mosca, Manta Ray, Yo la Tengo, Teenage Funcluc, Sonic Youth, Iggy Pop e Ocean Colour Scene, entre outros. 

Outro que lle deixou pegada foi o concerto de Michael Kiwanuka. "Fun velo a Londres no 2017, no Royal Albert Hall. Foi impresionante, tanto polo músico como polo lugar onde deu o concerto, que é un auditorio impresionante". 

Chus Rodríguez quedou impactada polo concerto de Soledad Vélez nunha terraza

O entorno inflúe na percepción da música, por iso Chus Rodríguez tamén recorda con especial cariño unha das actuacións que organizou o Teleclube. "O concerto de Soledad Vélez foi especial polo espazo. Foi o primeiro que se fixo na terraza do hotel Méndez Núñez e desfruteino moito". 

Alejandro LosadaALEJANDRO LOSADA. Rexenta o bar Ho! Gruf, no Campo Castelo, unha parada obrigada para os lucenses que se fixan na música que escoitan mentres toman algo. Aínda que a pandemia truncou o seu programa de concertos, Alejandro Losada di que o retomará cando sexa seguro. "Prefiro pecar de prudente, porque despois de ano e medio de esforzo non podemos dar un paso atrás por non ser responsables". Aínda así, a música volverá soar no Campo Castelo, diso está seguro. 

Conta que o colofón dos concertos no Ho! Gruf era a comida posterior na polbería Breogán. Lembra con humor os membros da banda portuguesa Killimanjaro tirados na beirarúa. "Luisa, a dona do Breogán, deulles tal enchente que acabaron polo chan". Iso si, levaron moi bo recordo da cociñeira e volvían comer á xa desaparecida polbería sempre que pasaban por Lugo. 

Alejandro Losada lembra con cariño unha actuación de Lianne La Havas en Suíza

Alejandro Losada atesoura incontables recordos relacionados coa música. Rememora con cariño un concerto íntimo de Lianne La Havas en Suíza, "unha experiencia espectacular nun teatro con 300 persoas". 

Tamén garda unha boa lembranza doutra ocasión en Bilbao. "Estaba na cola para entrar a un concerto do grupo australiano King Gizzard & The Lizard Wizard e púxoseme ao lado un tipo. Dinme conta de que era o cantante, que estaba intentando colar unha amiga. Faleille e foi moi agradable comigo. Fixemos fotos e ata fomos tomar unha cervexa xuntos". 

Roqueiros e melómanos en xeral ansían o regreso dos concertos sen restricións, onde poder compartir o pracer de bailar, cantar e, sobre todo, escoitar, e seguir coleccionando entradas e vivencias.

Memorias de rock and roll
Comentarios